Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Vila-Matas
CASTELLUM HONESTI
Hai dous anos e medio xurei no Parlamento Autonómico, diante de Galicia e os galegos, o meu compromiso de exercer, fiel e legalmente, o papel de representación que estaba a asumir nese momento. A fórmula que elixín era unha manifestación vinculante que levaba implícito o principio democrático que Abraham Lincoln enunciara no seu “Discurso de Gettysburg” e que aínda segue a estar vixente, cando menos na teoría política: traballar co pobo, polo pobo e para o pobo galego. Ó mesmo tempo, significaba a afirmación dunha vontade persoal -mantida impoluta dende os tempos prístinos da miña significación ideolóxica-, que se traduce na arela de poñer en valor a vella aspiración do galeguismo histórico que sempre guiou o decorrer do meu compromiso político: a Galicia de seu, dona do seu e gobernada polos seus.
Hoxe, dous anos e medio despois, desde o escano número 69 do Parlamento de Galicia, atópome mergullado nunha dialéctica política establecida entre dúas maneiras de entende-la nosa terra e servir á súa sociedade. Dunha banda, a visión dun galeguismo conservador e da liberdade, compartida polos que, dende a maioría, defendémo-lo “ser” de Galicia como unha realidade existente per se, viva, plural e histórica; doutra, a dun nacionalismo inquisidor e autoritario que, a partir da minoría, tenta impoñernos un “deber ser” de Galiza adaptado a unha construción política idealizada. Velaquí, unha nova expresión do debate entre o ser real das cousas e o deber ser abstracto que pretende orientalas e dirixilas; unha cuestión que nos remite a Ortega y Gasset e á necesidade de que todo proxecto de transformación parta da realidade social sobre a que pretende actuar.
Coido que este tema non é unha cuestión menor xa que na dialéctica establecida, o que estamos a contrastar é algo esencial para o pobo: o proxecto sobre a sociedade que somos e queremos, sobre a política que precisamos e incluso, coma corolario, sobre as liberdades que, como galegos e galegas, podemos gozar en determinados asuntos. E entre esas dúas concepcións, Galicia e Galiza, hai dous convidados de pedra: un socialismo galego que desespera por sobrevivir ós tempos do desastre e a perversión da socialdemocracia, e unha Democracia Orensana que, dito de maneira vulgar, xoga a “pillar cacho político”.
En resume, entre unha Galicia que pavimenta de liberdade aquilo que Galiza, nos anos que gobernou, sementou de servidume.
Unha dialéctica establecida, insisto, entre esa Galicia que constrúe o futuro a partir da conversa continua cunha sociedade á que escoita, interpreta e lle dá respostas, e a Galiza do non sistemático e a institucionalización da algarada, que reconfigura o concepto de proposta para convertela nun exercicio de rexeitamento e confrontación permanentes. Entre a Galicia que coloca ás persoas e os seus problemas no centro da praxe política, poñendo as institucións e o autogoberno ó servizo dos galegos, e aqueloutra Galiza que subordina os veciños a un proxecto colectivo preconcibido e os usa como servidores dese constructo artificial chamado nación política.
Se interpreto as verbas de Vicente Risco, entre a Galicia que sabe que un pobo está gobernado cando todos están ben porque as institucións atenden ó interese xeral e respectan os seus dereitos, e a Galiza que anhela unha sociedade de galegos adoutriñados e obedientes, dirixida por unha minoría que determina como deben pensar ou comportarse nalgúns temas. En resume, entre unha Galicia que pavimenta de liberdade aquilo que Galiza, nos anos que gobernou, sementou de servidume.
Hoxe, desde o meu escano parlamentario, afirmo que os galegos levamos xeracións expresando a vontade de defende-lo noso autogoberno, a nosa identidade histórica, a nosa cultura senlleira e os nosos intereses, desde a liberdade e por convicción persoal. Porque entendémo-lo galeguismo coma un compromiso libre coa nosa terra que non acepta titores ou imposicións; e porque, no fondo, non queremos unha Galiza ó servizo dunha idea, senón unha idea de Galicia que estea ó noso servizo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Vila-Matas
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Romper y pagar
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
“Landnam”
Juan M. Casares
CASTELLUM HONESTI
Galicia versus Galiza
Lo último
RELATO DE UN VIAJE
Alfonso García, el eterno del Premio Planeta
FIWI PALMA
Partido trampa y obligatorio para el COB
TRES DERROTAS SEGUIDAS
Moncho López: "Veo al equipo entrenando bien"