“Landnam”

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 31 oct 2026 - 04:20
Túmulo megallítico colonizando a Serra das Motas, en Lobeira.
Túmulo megallítico colonizando a Serra das Motas, en Lobeira. | La Región

Os arqueólogos que nos formamos na Universidade de Santiago entre a décadas de 1970 e 1980, recibimos unha docencia sobre todo humanista. Sen embargo e especialmente os prehistoriadores, pronto non vimos envoltos noutras áreas de coñecemento moi diferentes. As investigacións no Paleolítico ou na Prehistoria Recente, que versaba dende o Neolítico ata a avanzada Idade do Bronce, conducíronnos de forma obrigada a lecturas distintas, propias das Ciencias Naturais. Coa aplicación dos métodos da entón denominada “New Archaeology” -ou Arqueoloxía Procesual-, proveniente do ámbito anglosaxón, collen moito pulo os estudos das sociedades do pasado en relación cos medioambientes nos que se desenvolveron e modificaron, ata o extremo de crear paisaxes enteiramente artificiais, culturais, alterando os ecosistemas para adaptalos a novos modos de vida, caso das primeiras sociedades agrícolas neolíticas.

Para comprender estes feitos os prehistoriadores vímonos na obriga, se ben pracenteira, de imbuírnos noutras disciplinas científicas para nós novidosas, sobre todo pola nosa formación académica de partida. Circulaban entre arqueólogos manuais e estudos de Xeoloxía, Edafoloxía, Paleobotánica, de capacidades produtivas dos solos e un longo etcétera para mellor estudo daquelas sociedades do pasado. Lembro o utilísimo traballo de P. Ramil Rego de 1993 titulado “Evolución climática e historia de la vegetación durante el Pleistoceno Superior y el Holoceno en las regiones montañosas del noroeste ibérico”. A súa lectura abríame moitas posibilidades para saber que ocorrera cos construtores de monumentos megalíticos que estaba a estudar naquela etapa.

Unha fase posterior, a “Catatérmica, comeza coa que os propios edafólogos denominan “Estepa Cultural” (3500/3000 bp), que aproximadamente coincide coa Idade do Bronce, detectándose un forte descenso da masa arbórea.

Sabíamos que co fin da última glaciación, a denominada Würm, soben as temperaturas e derrétese gran parte dos casquetes polares, que no momento máis fríos chegaron ata latitudes onde agora están París ou Londres. As novas condicións liberan o ciclo da auga -evaporación, condensación e chuvia-. antes retida na forma de xeo e, en consecuencia, dáse unha situación inmellorable para a expansión do bosque. En relación con este, o citado investigador fala dunha primeira fase na vexetación posglaciar denominada “Anatérmica”. Principia co chamado “Inicio da colonización arbórea” (9500/8500 bp, ou antes do presente), seguido da “Hexemonía do bosque” (8500/7000 bp) coas primeiras deforestacións provocadas polos humanos, rematando co “Óptimo Climático” e a paisaxe de “Landnam” (6000 bp), no que comeza un detrimento arbóreo e deforestacións máis frecuentes previas á agricultura. De seguido (5500/3500 bp), coincidindo coa expansión dos megálitos, increméntanse as queimas e comeza a detectarse pole de cereal, indicador de prácticas agrícolas. Unha fase posterior, a “Catatérmica, comeza coa que os propios edafólogos denominan “Estepa Cultural” (3500/3000 bp), que aproximadamente coincide coa Idade do Bronce, detectándose un forte descenso da masa arbórea.

O ladnam, concepto aplicado polo prehistoriador J. Iversen, pódese interpretar neste caso como terra colonizada e transformada a expensas dos bosque posglaciares. Era a acción humana que parecía dar a mellor resposta ás accións dos primixenios agricultores megalíticos, que ían expandindo esta economía novidosa polos territorios da Baixa Limia, creando paisaxes agrarios coa queima das fragas.

Estudios como estes alertan do imprescindible da ciencia na investigación, como en todas as facetas da vida.

Contenido patrocinado

stats