Ceferino Valencia, o avogado conciliador

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Cando exercía de director xeral de Traballo, con Girón de Velasco á fronte do ministerio, os xornais, para referírense a el, utilizaban o cualificativo de “el ilustre orensano” e non era cousa baladí porque tivo a Ourense sempre no seu albo na distancia

Rúa do Instituto de Ourense, onde naceu, en xaneiro de 1896, “Ceferino José Ventura Venancio María de los Dolores”.
Rúa do Instituto de Ourense, onde naceu, en xaneiro de 1896, “Ceferino José Ventura Venancio María de los Dolores”.

O estado de permanente actualidade no que se move con certa perspicacia mediática a vicepresidenta segunda do goberno, a ferrolá Yolanda Díaz, malia ó recente fracaso coa redución do horario laboral, provocoume rescatar a este ourensán, Ceferino Valencia, que o foi practicamente todo -só lle faltou ser ministro- no Ministerio de Traballo e que, ademais de avogado de éxito, foi o encargado de aplicar na lexislación laboral o proceso intermedio da “conciliación” nos conflitos sindicais entre empresarios e traballadores.

Nacido nunha casa da rúa do Instituto da capital, cando o século XIX comezaba a devalar polo derradeiro quinquenio (é dicir, o 19 de xaneiro de 1896), do matrimonio formado polo comerciante Gustavo Valencia e a monfortina Dolores Novoa Seoane, polo nome de pía co que o identificaron estaba visto que seus pais agardaban que o futuro lle deparase ó neno grandes cousas, non en van tal foi como quedou rexistrado: Ceferino José Ventura Venancio María de los Dolores.

E, fose por iso -cousa improbable- ou porque o ambiente familiar dos Valencia Novoa fose propicio para o fomento da formación filial, o caso é que a criatura decidiu non defraudalos e moi pronto deu mostras de que as inquedanzas culturais e os azos polo coñecemento formaban parte de seu, e xa no instituto recibiu varios premios extraordinarios denantes de rematar os estudos de dereito en Santiago cando aínda no cumprira os vinte anos e marchar a Madrid con so vinte e dous, segundo desvelaba “O tío Marcos da Portela” a comezos de novembro de 1918 ó informar que “pra Madri, onde vai exercer a súa carreira de avogado, saíu fai us días o noso amigo e compañeiro n-a prensa local, don Ceferino Valencia”.

O xornal de Lamas Carvajal non utilizou ningún formulismo literario cando o definiu como compañeiro na prensa local porque durante a etapa da mocidade ourensá a súa actividade inicial tivo relación, precisamente, co xornalismo que exerceu nos xornais locais “La Voz Pública”, “La Ciudad”, así coma o semanario satírico “La Billarda” que abandona ó tomar rumbo cara Madrid.

A partir de decembro de 1933 o seu nome desaparece da prensa e non volve dar sinais de vida pública ata 1947

Xa en Madrid, mentres procura un espazo no ámbito da xudicatura, aínda o xornalismo lle serve de válvula de escape e publica en diversos medios galegos e madrileños as súas preocupacións sobre os atrasos do proxecto do tren entre Zamora e Ourense, sobre as reformas do Código Penal e mesmo sobre o rexionalismo e os graves conflitos anarco-sindicalistas da Barcelona de 1919.

Pero esta actividade non ía ser, se non, algo efémero e a partir do rexistro no Colexio de avogados as preocupacións céntranse na actividade xurídica e comeza a ter contactos coa administración nos tempos da ditadura de Primo de Rivera, entrando como letrado da Dirección General de Seguridad en novembro de 1927.

Previamente, fora consolidándose como avogado defensor nos círculos da avogacía madrileña, gañando varios casos mediáticos.

En 1929 casa con Ana Campuzano, filla do director da Escola Nacional de Artes Plásticas e recoñecido pintor santanderino Tomás Campuzano e comeza a dar mostras desa mirada permanente cara Ourense que mantén dende a distancia, coa organización dun comité para colaborar na reconstrución da biblioteca ourensán.

Coa chegada da República preséntase por Ourense como “republicano independiente”, mentres Eugenio Montes faino como “socialista”. Logo coincidirían ambos na Falange.

Non logra saír elixido, pero durante os dous primeiros anos da República exerce como letrado na Dirección General de Sanidad e continúa como avogado, recollendo máis éxitos profesionais que o sosteñen no candeleiro mediático da avogacía madrileña.

Sen embargo, a partir de decembro de 1933 o seu nome desaparece da prensa e non volve dar sinais de vida pública ata 1947, xa na Dirección General de Traballo, onde se consolidaría ata a xubilación.

Unha depuración trala guerra, saldada cun “decretazo” para a súa adscrición ó novo réxime

É de supoñer que, dada a traxectoria profesional e a adscrición política á que estivo ligado durante a República non lle foi doada a vida durante o balbordo da guerra. Proba diso é a ficha persoal do Centro da Memoria Histórica, onde aparece, nun documento de 1939, a palabra “depurado”.

Non é de estrañar que neses anos de negrura social e política se dedicase á avogacía sen asomar a cabeza pola vida pública.

Sen embargo, segundo relata nunha entrevista un dos pioneiros dos bufetes laboralistas de España, Antonio Montesinos, a integración de Ceferino Valencia na administración franquista resultou certamente singular.

Ficha de Ceferino Valencia no Centro Documental da Memoria Histórica.
Ficha de Ceferino Valencia no Centro Documental da Memoria Histórica.

Montesinos indica que foi o propio Valencia quen lle contou que estando nun xuízo “en defensa de un obrero, hizo acto de presencia el ministro de Trabajo, José Antonio Girón; el magistrado le cedió su asiento y el ministro pasó a actuar como Juez”, o que provocou que Valencia, “que era un gallego avispado”, na estratexia de defensa pasase “a utilizar todos los slogans del nacionalsindicalismo: el patrón explotador, el obrero envenenado, ninguna familia sin pan..., sin dejar ningún principio de la Falange que no invocara; al terminar el juicio el ministro me dijo: desde este momento eres el nuevo Director General de la Jurisdicción del Trabajo, y a ver si me metes en cintura a éstos”. “Yo solo quería ganar el juicio -díxolle a Montesinos-, pero ¡quién le decía que no al ministro!”.

Dende ese momento o seu papel no ministerio non deixou de afondar na evolución da lexislación laboral e da súa man xurdiu a incorporación da figura xurídica da “conciliación” como paso previo ó litixio xudicial nas desavinzas laborais e que aínda hoxe se manteñen en vigor.

Finalmente foi elevado á dirección xeral de Traballo e nela permaneceu ata a primavera de 1957 cando foi cesado, trala saída de Girón de Velasco do ministerio.

Do seu paso pola administración mantéñense aínda hoxe en pé o edificio da maxistratura de Traballo, o pazo de Xustiza e outras moitas melloras que levaron ó Concello de Ourense a nomealo fillo predilecto no ano 1952.

Logo do seu retiro funcionarial, a avogacía continuou sendo o seu refuxio laboral, gozando dunha longa xubilación ata que, próximo ó século de vida, faleceu en Vilagarcía de Arousa o día un de outubro de 1990.

Contenido patrocinado

stats