CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
O fracaso ourensán de Antonio Palacios
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
A celebración da misa papal o pasado o domingo na praza da Cibeles madrileña, permitiulle ó mundo admirar a obra arquitectónica dun galego por servir de telón de fondo do escenario eucarístico. Unha obra ben coñecida, aínda que non tanto o seu autor, do que quero hoxe falar por máis que non nacese en Ourense. Trátase de Antonio Palacios, o arquitecto do Porriño, que ten unha historia de obras ligadas á nosa provincia e outras que non se fixeron realidade, probablemente por ambiciosas no seu concepto.
Resulta imposible falar en Ourense de Antonio Palacios sen que a idea se nos traslade de contado cara o centro do Carballiño e sobrevoe a espectacular masa granítica da igrexa da Veracruz, da que tan orgullosa se sinte a veciñanza da capital do Arenteiro e, por extensión, tódalas xentes de Ourense.
Ó abordar esta cuestión é evidente que non vou descubrir nada novo pois a relación da figura do arquitecto porriñés coa provincia está moi ben estudada, sobre todo, polo actual director da UNED en Ourense, Jesús Manuel García, que traballou sobre Palacios a súa tese de doutoramento, pero tamén noutra medida de carácter máis divulgativo, por Mercedes Gallego, Alex de los Ríos ou Xosé María Ramón Iglesias.
Así pois, non toca falar do que fixo Palacios en Ourense, senón do que -ó xeito de Gaudí en Barcelona- lle quedou por facer, debido a que os proxectos “pecaron”, por desgracia para o patrimonio ourensán, de demasiado ambiciosos no seu concepto arquitectónico e inabarcables no tocante ó ámbito económico.
O primeiro deles, algo que lle tería mudado radicalmente a fisonomía urbana ó corazón da cidade, foi a proposta de transformación do entorno da catedral porque -dicía o propio Palacios na memoria do proxecto- “todos los historiadores de la catedral se muestran extrañados de que la fachada más importante, realizada por añadidura con el excepcional Pórtico del Paraíso, no tenga acceso alguno para los fieles”.
A proposta do arquitecto do Porriño era, sen lugar a dúbidas, audaz e tremendamente sedutora, sen embargo, a medida que comezaron a seren avaliados os contratempos todo comezou a complicarse para poder converter nunha realidade a complexidade dos pormenores que había que superar.
Para o arquitecto resultaba tamén insólito que unha catedral tan impoñente quedase practicamente oculta e que algúns mestres de obras anteriores lle tiveran dado tan pouca importancia que incluso recomendaron que fosen aproveitados os ocos da escalinata co fin de facer “tres ou catro boticas para vender pescado e quitedes a venda do dito pescado do portal por onde se entra á igrexa e que non se venda aí por causa do fedor”.
Perante isto, o arquitecto porriñés presentoulle ó cabido tres propostas posibles, de entre as que destacamos a máis ambiciosa delas, que incluso propuña a desmontaxe do Pórtico do Paraíso para construír unha nova fachada repoñéndoo logo pedra a pedra, fronte a unha gran praza porticada de 24 por 50 metros, con edificios laterais e pechada esta fronte por fronte da catedral por “un gran arco de paso a una nueva calle que comunica normalmente con la del Instituto”.
A proposta do arquitecto do Porriño era, sen lugar a dúbidas, audaz e tremendamente sedutora, sen embargo, a medida que comezaron a seren avaliados os contratempos todo comezou a complicarse para poder converter nunha realidade a complexidade dos pormenores que había que superar.
Polo de pronto, para ampliar a escalinata e liberar espazo para futura a gran praza resultaba necesario expropiar e derrubar catro edificacións da rúa das Tendas, nove da rúa de Arcedianos e outras dúas da rúa Lamas Carvajal. Edificacións, estas, que “se ejecutarán por cuenta de los respectivos propietarios, sujetándose al plan arquitectónico del conjunto, quedando en propiedad del solar ocupado por los pórticos, aunque obligándose a la servidumbre de paso”, pero sendo beneficiados con locais destinados a tendas de venda de todo tipo de produtos.
Se a estas dificultades lle engadimos que os orzamentos necesarios para executar as ideas de Palacios foron considerados inaccesibles, o resultado foi obvio, quedando todo tal e como hoxe está.
O outro gran proxecto que non pasou do contido do papel no que Palacios redactou a memoria construtiva foi o correspondente á capela da Encarnación de Celanova, situada no arrabalde da Ermida, moi preto do camposanto de San Verísimo.
A historia deste proxecto está recollida nun opúsculo escrito por Castor Méndez Brandón e ten moito que ver coa veneración que os celanovenses lle tiñan daquela á devandita advocación virxinal.
Comeza na madrugada do 17 de novembro de 1916, cando un veciño da devandita barriada dá aviso de que “el terrible temporal desatado” dese conta da estrutura da humilde edificación que servía de santuario, derrubándose toda a cuberta excepto na parte da ábsida, onde se atopaba instalada a imaxe da virxe, que quedou completamente intacta o que foi considerado polos fieis locais coma un milagre.
Tan pronto se correu a voz e despois de ser rescatada a imaxe, de contado comezaron a pensar na perentoria necesidade de proceder á reconstrución do maltreito edificio. O prestixio do arquitecto porriñés e a relación de amizade que mantiña con, entre outros, o deputado provincial Lino Velo e Castor Méndez Brandón, fixeron o resto para que Palacios se personase en Celanova e idease unha proposta que superou tódalas previsións iniciais dos responsables dunha antiga Irmandade que xestionaba os pormenores do santuario mariano.
Palacios xa amosa aquí a súa querencia polos grandes bloques de granito sen labrar.
Do proxecto non se conservan os planos, pero si unha memoria que nalgún momento estivo no arquivo parroquial celanovés e que describe “un original templo basado solamente en la construcción de un gran ábside convertido en planta total del templo, que acoge un altar que sería siempre visible ya que quedaría cerrado por una gran portada a la altura del arco triunfal y que permitiría seguir el culto desde el atrio en los días de solemnidad, completado este con un gran deambulatorio”.
Palacios xa amosa aquí a súa querencia polos grandes bloques de granito sen labrar.
Pero, por mais que os promotores da reconstrución se afanaron en conseguir unha xenerosa contribución económica, por cuestación popular, o acadado distou moito das preto de 150 mi pesetas necesarias para levalo a cabo e en decembro de 1919 foi colocada a primeira pedra do moito máis modesto edificio actual.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
O fracaso ourensán de Antonio Palacios
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 15 de junio
Lo último