CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
José Álvarez, un agustino en Filipinas
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
A visita do agustino Robert Prevost, convertido dende hai un ano no papa León XIV, unido á exposición que a Xunta de Galicia acaba de inaugurar no Gaiás sobre as diversas culturas de Oceanía e do Pacífico con obxectos procedentes do British Museum, dáme pé para traer a colación a este humilde ourensán nacido na aldea arraiana de Bangueses (Verea), que se fixo agustino, foi destinado a Filipinas e nunha das illas do arquipélago -Panay- dedicouse, non só a evanxelizar, senón a mellorar a vida dos seus habitantes.
Por desgracia non son moitos os datos biográficos que se poden atopar sobre este humilde ourensán que chegou ó mundo na aldea fronteiriza de Bangueses (descoñezo se na aldea de arriba ou na de abaixo, que as dúas hai) e que non sabemos como nin por que, acabou cursando estudos relixiosos no Real Colexio-Seminario de Valladolid regulado polos PP Agustinos e profesando a regra de San Agustín con tan só dezasete anos.
Que non haxa á man moita información, non quere dicir, sen embargo, que o seu nome -con só o primeiro apelido- non se atope rexistrado na “Enciclopedia Gallega”, aínda que sen deterse en detalles familiares ou relativos á evolución formativa ata que chegou á capital que atravesa o río Pisuerga.
Segundo reproduce a entrada alusiva á súa persoa nesta enciclopedia, José Álvarez naceu no ano 1804 na parroquia de San Miguel de Bangueses (Verea) e morreu en Jaro (Filipinas) en 1853.
No ano 1821 fíxose relixioso agustino no convento de Valladolid. En 1826 viaxou ás illas Filipinas -daquela aínda colonias españolas- e alí foi un dos pioneiros da evanxelización -pero non só- da illa de Panay, dedicándose en corpo e alma, non só ás cuestións relativas á evanxelización das almas dos iconoclastas habitantes da illa, senón á súa organización social.
Precisamente, debido ó desenvolvemento desta esta actividade máis social ca relixiosa, centrada sobre todo nas aldeas de Janiuay e Jaro, onde promoveu e coordinou un intenso traballo de organización urbana e de promoción económica, impulsando a agricultura e a industria e convertendo estas localidades nas de meirande riqueza e nivel de vida daquel tempo na illa, arredor de 1850 foille concedida polo goberno español a “Gran Cruz de Isabel la Católica”.
Vexamos a que obedeceu este recoñecemento, tal como describe con batante luxo de detalles o dicionario xeográfico -unha especie de dicionario Madoz- sobre a situación, non só xeográfica, senón tamén social e económica na que se atopan naquel momento -anos cincuenta- as principais localidades de cada unha das illas máis importantes do afastado arquipélago español.
José Álvarez, caballero comendador de Isabel la Católica, quien además de sus conocimientos, ha empleado otros medios y sacrificios para poder llevar á cabo estas obras de pública utilidad.
Á hora de describir a localidade de Jaro, na que José Álvarez se asentou dende o ano 1833 ata o seu falecemento, vinte anos despois, o que apunta o dicionario ven a ser o seguinte:
“(...) pueblo con cura y gobernadorcillo, situado en terreno llano, a la orilla del caudaloso río Jaro. Fue fundado en el año 1585, y en a día de hoy tiene unas 1.700 casas.
Comunícase con sus inmediatos por medio de buenos caminos y calzadas. Este es el primer pueblo de la isla de Panay, considerado geográfica y aún políticamente; pues para ello le favorece no solo su hermosa situación, sino el ser dueño de un extenso y hermoso territorio bañado por el río arriba citado y del que los habitantes sacan grandes utilidades.
Sobre el expresado río se encuentra un famoso puente con pilares de piedra, de 128 brazas de largo, 6 de ancho y 8 de alto, de una utilidad inexplicable para todos los pueblos del Norte de la provincia. Este importante edificio y las buenas calzadas se deben al celo y actividad del actual cura párroco Fr. José Álvarez, caballero comendador de Isabel la Católica, quien además de sus conocimientos, ha empleado otros medios y sacrificios para poder llevar á cabo estas obras de pública utilidad. Esta sola circunstancia lo hace digno de la consideración y munificencia de S. M. la Reina”.
Tal como ten quedado sinalado, a actividade deste ourensán nos confíns do mundo, con ser importante non se resumiu só na cristianización dos indíxenas, así como na súa organización social e económica, senón que, igual que fixeron outros moitos misioneiros ourensáns e galegos por diferentes partes do mundo, tamén se ocuparon de coñecer profundamente os seus costumes e a súa forma de comunicación, asentada en moitos casos en linguas minorizadas, pero que os relixiosos estaban obrigados a coñecer se querían interiorizar a súa mensaxe na ánima dos aborixes.
Así foi como José Álvarez -probablemente galego-falante- afondou no estudo das linguas dos habitantes da illa, fundamentalmente o “panayano” ou o que falaban os habitantes de Jaro, que era o “hiligaino”.
Tanto nun coma noutro idioma, o ourensán de Bangueses levou a cabo unha profusa e intensa actividade editorial producindo traballos que logo distribuía entre a poboación local, con títulos como “Camino del cielo y consuelo del alma” -en idioma panayano-, “Puente celestial con preguntas y respuestas para hacer una buena confesión” e outros moitos destinados á introdución dos dogmas da fe nas mentes dos “evanxelizados” e que foron publicados practicamente todos eles na imprenta “Amigos del país” de Manila.
Como foi avanzado liñas atrás, José Álvarez non foi o único propagador da relixión católica nas colonias que se dedicou a coñecer con profundidade as linguas de contacto dos habitantes dos lugares onde se asentaban e incluso a publicar despois, dicionarios máis ou menos extensos e didácticos para que puidesen facilitar unha comunicación fluída entre nativos e forasteiros.
Tal foi o caso, por exemplo, do tamén agustino e freire ribadaviense, Jacinto de Ribera, dous séculos atrás, quen no seu caso obrou na misión da illa de Luzón, onde anos despois tivo lugar o coñecido episodio dos “Últimos de Filipinas”, entre os que tamén debemos dicir de paso que estiveron dous militares ourensáns.
A Jacinto de Ribera dedícalle espazo Samuel Eiján no Boletín da Comisión de Monumentos, indicando que “era un profundo conocedor de la lengua lorana en la cual escribió numerosos títulos como el “Sumario de las indulgencias de Correa” ou a “Luz de las verdades cristianas”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
José Álvarez, un agustino en Filipinas
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 8 de junio
CORPUS CHRISTI Y SOCIEDAD CIVIL
Galería | La segunda jornada del papa León XIV en Madrid, en fotos
Lo último