CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
O horroroso crime de Sobrado do Bispo
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
A misteriosa aparición do corpo conxelado dun recén nacido no frigorífico dun garaxe de Allariz e o conseguinte silencio que lle sucedeu ás primeiras novas, salvando as distancias entre ambos casos tróuxome á memoria o horroroso crime da pequena de tan só catro anos, Ramoniña C. N., que supuxo un estourido emocional no corazón da aldea de Sobrado e que acabou desatando un estado de pánico e anguria colectiva na provincia, que sacou á luz o máis escuro da mitoloxía antropolóxica da Galicia daquel tempo.
A prensa do momento -entre a que loxicamente tiña presenza especial La Región- non escatimou esforzos para dar conta, con todo luxo de detalles, da horrible noticia que o 26 de abril de 1914 zarabateu as entrañas do tranquilo pobo de Sobrado do Bispo.
Era a hora do lusco-fusco dunha agradable tarde de primavera que convidaba á veciñanza a departir fóra das casas os aconteceres cotiáns mentres, a non moita distancia, as crianzas xogaban no camiño central que cruza de norte a sur o pobo, ata que nun momento dado a ausencia repentina da pequena de tan só catro anos, Ramoniña, esnaquizou, coma unha erupción telúrica, a tranquilidade da aldea.
Ó ver que a nena non estaba co resto, a nai botou a correr polas canellas -e, con ela, a aldea completa- berrando, cada vez con máis congoxa, o nome de Ramoniña, ata que a noite botou sobre Sobrado un manto de silencio que non logrou calar os laios da desconsolada nai, mentres os homes continuaron batendo os bosques que coroaban a aba norte do outeiro de Trelle, sen que o ímprobo esforzo colectivo dera resultado ningún sobre o seu paradoiro. Nin esa noite, nin nos días seguintes ata que, tres días despois, dúas veciñas que andaban á procura dunha cabra que lles fuxira do rabaño, nun alustro quedaron petrificadas e sen fala ó ver a carón do camiño polo que transitaban no lugar da Cortiña da Vacariza o espeluznante escenario dun corpiño espido e mutilado que de súpeto maliciaron que sería o da pequena Ramona.
Corrida a noticia pola revolta e personada no lugar a forza pública custodiando ó xuíz e ós forenses, a prensa non puido ser máis explícita ó describir o inhumano destrozo que os criminais fixeran coa pobre nena, tal como relata o cronista de La Región:
“El cuerpo estaba de bruces, completamente desnudo, al cual le faltaban el brazo derecho y el pie izquierdo. El brazo fue cortado por algo así como un cuchillo y violentamente separado del tronco para partir los tendones. EI pie izquierdo fue también cortado. EI primer corte fue rectificado, por tropezar el instrumento con el hueso. Cerca del cadáver aparecieron trozos de los vestidos de la niña. Anteayer le fue practicada la autopsia en el cementerio de Sobrado por el médico forense Sr. Vázquez y por el municipal de Barbadanes, Sr. Garza, que arroja poca luz en este asunto, aunque la muerte debió de ser producida, sin duda alguna, por la hemorragia que le sobrevino. Parece ser que también debieron apretar con fuerza el cuello de la niña, procurando la asfixia”.
Non tardou moito a garda civil en dar cuns sospeitosos que foron detidos, pois seica o día da desaparición de Ramona foran vistos polas inmediacións de Sobrado.
Feitas as dilixencias resultaron ser o portugués José Monteiro, de 49 anos e nacido en Marco de Canaveses, xunto con María Rivas Incógnito, de 48 anos, viúva e de Ponteareas, que disque mantiña relación marital con José, ademais da filla desta última, Rosa Suárez, de 18 anos, con ningún outro oficio, os tres, có de mendicantes.
Disque o tal José Monteiro levaba un brazo en “cabestrillo” e os tres tiñan un desastrado aspecto, propio dos esmoleiros.
A primeira voz de alarma dérona en Freás de Eiras ó velos andar a pedir pola zona e aínda que a detención e o traslado ó cárcere ourensán foi inmediato, ó día seguinte foron postos en liberdade porque, segundo recolleu o xornal, “el digno juez Sr. Álvarez no encontró motivos para el procesamiento de los detenidos”.
A liberdade dos malfeitores non durou moito trala declaración dunha taberneira que asegurou terlles dado o xantar e ver que os acompañaba unha nena que respondía ás sinais de Ramona e que seica non paraba de chorar.
Chegada tal información ó xulgado, o capitán da comandancia foi enviado a Celanova, deténdoos nunha pousada da vila e poñéndoos de novo a disposición do xuíz ourensán. Pero, os datos non casaban coa precisión xudicial, o que levou ó maxistrado a emitir un edicto pedindo novas a quen tivese unha mínima sospeita, e así atar cabos e completar o sumario.
A falta de resolución do caso xunto coa divulgación duns detalles relativos á ausencia de sangue, tanto no cadáver como nas súas inmediacións, ocasionou -non só na provincia, senón en toda Galicia- un estado de psicose e superstición que se asemellou ó xerado por un famoso caso que tivera lugar catro anos antes no pobo almeriense de Gádor e que popularizou o mito dos “sacauntos” e dos “homes do sangue”.
Tan foi así, que a xente comezou a ver en cada descoñecido un criminal en potencia, tal como recolle La Región semanas despois: “La fantasía popular, excitada con los cuentos y relatos de estos días y con los comentarios que se hicieron del horripilante crimen de Sobrado, no ve ahora más que secuestradores en todas partes, antojándose traganiños y tomando por descuartizadores de muchachos al primer forastero que asoma su desaliñada y astrosa vestimenta por alguna de las rúas de nuestras aldeas”.
Disto dá fe o caso de dúas nenas de Pouzás (Castrelo de Miño), que impresionadas polas lendas que lle escoitaban ós maiores, decidiron fuxir da aldea “por temor a que les extrajese la sangre un secuestrador que andaba por aquellas tierras” e acabaron en Ourense diante do gobernador, describindo ó “engulenenos” como “un viejo de luengas barbas, de nariz larga, de mirada torva e infamante caradura”.
Aparte do portugués, da compañeira e da filla desta, foron detidos outros sospeitosos -un de Ferrol e outro de Parada de Sil- que tamén acabaron liberados, polo que cabe dicir, finalmente, que a hemeroteca non arroxa luz sobre a resolución do caso, tal como se temía o cronista de La Región: “Aunque sea doloroso confesarlo, tenemos para nosotros que el crimen quedará impune”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
O horroroso crime de Sobrado do Bispo
USO TECNOLÓGICO
El 68% de los menores de 10 a 15 años tiene teléfono móvil
ESQUIVAR BLOQUEOS
El robo de datos online, la principal amenaza para pymes y usuarios
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 16 de noviembre
Lo último
Fernando Jáuregui
Campaña: basta de sustos y de conejos en la chistera, por favor
VUELTA A LOS ENTRENOS
Ración doble para el COB
TRIUNFO DE PRESTIGIO
Remontada de pedigrí del Barco (2-1)