CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Julio Tizón Diz, un pintor sen palabras
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
A iniciativa “Estudos Abertos” que por terceiro ano consecutivo ten aberto os espazos de traballo de máis dunha vintena de artistas ourensáns co fin de que a xente coñeza os seus entornos íntimos e creativos, quíxome traer á memoria a un singular pintor ourensán que non forma parte digamos da elite de coñecemento por parte da sociedade, pero que gozou durante décadas dun destacado prestixio, non só como pintor, senón como creativo, superando dende neno o muro do silencio no que estivo sumida a súa vida.
Julio Tizón Diz xurdiu á vida o 6 de xuño de 1917 no seo dun fogar privilexiado tendo en conta o contexto xeral da época dun lugar rural da provincia de Ourense como podía ser San Cristovo de Cea.
Seu pai, que respondía ó mesmo nome, exercía como médico titular dese municipio e na súa capitalidade convivía coa súa dona Enma Diz Losada, orixinaria dunha familia ben establecida na bisbarra.
Unha ingrata enfermidade sufrida durante o embarazo marcaría, sen embargo, o decorrer da familia e especialmente a do primoxénito, que alumeou cunha xordeira que o condenaría de por vida a navegar no silencio.
Nada puido facer o pai, por máis que esculcara en tódolos libros de medicina, para procurarlle unha solución científica a aquela xordeira. Sen embargo, si que se comprometeu dende os primeiros anos de vida a facer todo o posible para que a eiva coa desgraciadamente tiña chegado non supuxera un muro infranqueable para a súa existencia.
Disto e do resto de detalles da traxectoria vital de Julio Tizón, dá conta o historiador Francisco Javier Limia nun traballo publicado en 1993. Logo, a Deputación provincial editaría un monográfico na colección de “Artistas Ourensáns”.
Deles e da hemeroteca dixital extraemos que nese afán por fortalecelo para o futuro que tiña por diante, con tan só nove anos foi ingresado nun colexio de educación especial para xordomudos onde permaneceu por un primeiro período de dous anos. Nese tránsito, a chegada ás súas mans dun regalo de reis en forma de caixa de acuarelas converteríase no seu “leitmotiv” e, salvando momentos puntuais nos que a compaxinou con outras actividades profesionais, decidiu dedicarlle a vida á pintura.
Primeiro centrouse na formación pasando pola Escola de Artes e Oficios compostelá, e logo pola de Ourense, como discípulo de Jesús Soria, levando a cabo, con tan só 17 anos, a primeira exposición no Liceo, coa que sorprendeu ós afeccionados á arte da cidade e mesmo á prensa local, sobre todo cun debuxo que reproducía o “Moisés” de Miguel Ángel. Nese ano consegue tamén o título de bacharelato e despois dun breve paso polo exército, mobilizado nos primeiros momentos do alzamento militar, regresa a Cea, centrando o tempo no estudo e na plasmación plástica do entorno rural no que se mantén alleo ó tráxico conflito bélico que se vive no resto do país.
Superado este, en 1941 matricúlase na Escola de Belas Artes de San Fernando, licenciándose cun expediente académico extraordinario.
Con este prestixioso título debaixo do brazo regresa a Cea ilusionando a seus pais con que puidera dedicar a vida á docencia. Sen embargo, unha primeira decepción, ó non ser elixido no Instituto Laboral de Marín para dar clases de debuxo e unha tempada contratado nos Saltos do Sil como delineante, refórzanlle a idea de dedicarse plenamente á pintura e logo dunha primeira exposición en Vigo, coa que tamén obtén un rotundo éxito, ata o punto de que Chamoso Lamas lle dedica un eloxioso artigo, toma a decisión de dar o salto a Madrid, primeiro a través de mostras colectivas e despois individualmente, onde sorprende pola súa calidade artística, así como pola condición de xordomudo, que é salientada en tódolos titulares da prensa.
Expón tamén en Barcelona, apoiado polo centro galego, pero aínda que regresa a Cea, nestes intres xa ten claro que o seu tempo está en Madrid. Tiña 42 anos.
O reto de asentarse en Madrid ligado a unha vida bohemia de artista, xa vira que non era doado, polo que de segundas decide facelo, pero contando cun apoio económico fixo que consegue na empresa do tamén ourensán Eduardo Barreiros, onde é contratado como publicista. Estamos en 1960 e isto, unido ó apoio familiar -os pais mercan un piso no barrio do Pilar-, concédelle unha estabilidade folgada. Sen embargo, o prezo que tiña que pagar por elo, entende que non lle compensa porque non lle quedan horas do día para dedicarllas á pintura, polo que non pasa moito tempo sen que tome unha decisión transcendental que provoca a ruptura total coa familia que lle queda en Ourense, é dicir, os pais e o seu irmán Manuel Juan, xa que Enma, casada cun veciño de Cea, residia en Salceda de Caselas, despois de exercer como funcionaria de Hacienda e ter botado uns anos co seu marido na emigración en Bahía (Brasil), mentres José había xa unha década que falecera en acto de servizo como policía, en Ribadesella.
Julio deixa o traballo en Barreiros, vende o piso e monta un estudo que non lle dá os resultados agardados e vese na obriga de ser contratado por unha galería de arte, chegando a producir cadros que o galerista vendía sen a súa firma, o que lle provoca tamén unha gran decepción artística.
Transita, pois, por uns anos complexos, pero de gran produción, nos que coñece nunha exposición a unha moza cacereña chamada María Victoria, vinte anos máis nova ca el e coa que acaba casando e incluso trasladando a vida para Extremadura a raíz do nacemento do primeiro fillo.
Alí é ben recibido e durante os anos seguintes consegue ser recoñecido polas institucións políticas e académicas da rexión, chegando a ser nomeado académico correspondente da Real Academia de San Fernando por Cáceres, non sen antes ter exercido previamente como profesor na Escola de Belas Artes da Deputación cacereña.
Pero a forza telúrica de Ourense continuaba latendo e despois da xubilación, en 1989, decidiu regresar e quedar a vivir el só, ó montarlle a Deputación un obradoiro no Edificio Simeón e unha exposición antolóxica en 1993, continuando coa creación plástica, ata que un ataque cardíaco sufrido o 6 de abril de 1999 lle segou a vida na residencia de Cáritas de Ourense.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
DOS DÉCADAS DE EXPERIENCIA
Acupuntura para mascotas en Ourense: aumenta por las ventajas de su aplicación
Román Arias Fraiz
DIARIO LEGAL
“Pequenas” actividades molestas en Comunidades
RALLYMIX
Ramilo no dio tregua en Barbadás
Miguel Abad Vila
TRIBUNA
Incapacidad temporal, salud y trabajo