María Brey, a parente roxa de Rajoy

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Os vieiros inescrutables da Administración levárona a nacer -en setembro de 1910- na Pobra de Trives por mor do destino xudicial de seu pai, Juan Brey. Chamábase María e foino case todo na arquivística e a biblioteconomía española

María Brey á dereita, coas súas compañeiras e amigas, María Moliner e Consuelo Vaca, no Madrid de 1952.
María Brey á dereita, coas súas compañeiras e amigas, María Moliner e Consuelo Vaca, no Madrid de 1952.

Con máis ou menos desdén segundo a capacidade do depósito de paciencia que soporte cada quen, esta semana a mirada do país pousou no Congreso e no Senado. A miña tamén, pero non tanto para ollar o pobre espectáculo mediático que teñen a ben ofrecernos os usuarios dos hemiciclos, como para centrarme nesta ourensá que dedicou unha parte da súa vida a ordenar o arquivo e a biblioteca das Cortes con bastante máis querencia polo cultivo do saber do que hoxe amosan con fruición as súas señorías.

Logo de ter superado o correspondente proceso formativo en Santiago e unha curta experiencia como avogado en Noia, e non sen ter sido nomeado antes xuíz de Xinzo de Limia, a finais do mes de abril de 1910 chega á Pobra de Trives o primoxénito de sete irmáns nacidos nas terras de Oca (A Estrada) no seo do matrimonio formado por Manuel Brey e Juana Guerra que respondía ó nome de Juan, para encargarse do xulgado desa vila, coa súa dona anunciando a próxima chegada dun novo ser ó mundo.

Catro meses e uns días tardaría a criatura en converterse nunha trivesa máis é ser presentada á pequena sociedade vilega como María Brey Mariño.

Estamos no 4 de setembro de 1910 e aquela nena comeza a espertar entre as estribacións de Manzaneda e os socalcos que descenden do Bibei ó Sil, e a educarse co resto de nenos e nenas da vila ó albor do nacemento da escola que mandara fundar o potentado Eumenio Ancoechea, ata que, con sete anos cumpridos, o xuíz toma novos destinos, que habían pasar dun xeito fuxidío tamén por Ourense e que rematarían en Bilbao, onde o pai acadaría a presidencia da Audiencia e unha aplicada María remataría o bacharelato que lle abría as portas á Universidade Central madrileña, a cuxa Audiencia acababa de ser trasladado seu pai, encarando así unha exitosa carreira xudicial que tería cumio no Tribunal Supremo coa recepción, en 1952, da cruz de San Raimundo de Peñafort, uns meses denantes da xubilación.

E mentres o pai lidiaba nos tribunais con casos tan mediáticos coma o incendio do Teatro Novedades da calle Toledo, o 23 de setembro de 1928, que se saldou coa morte de oitenta persoas e máis de duascentas feridas, María acababa Filosofía e Letras e comezaba a súa preparación para o acceso ó “Corpo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos” da man do seu profesor e mentor, o prestixioso Claudio Sánchez Albornoz.

O primeiro destino como funcionaria tería lugar, en 1931, na biblioteca da Universidade de Santiago, se ben pronto retornaría a Madrid para traballar, da man de Manuel Azaña -co que establecería unha estreita amizade que lle había mediatizar os anos que estaban por chegar-, na biblioteca da Presidencia do Consello de Ministros.

Primeiro, loxicamente, había ser para ben, xa que, con el por unha banda e con Sánchez Albornoz pola outra, establécese por dereito propio na elite cultural da República. Participa no Instituto de Estudios Medievais, céntrase na investigación literaria e coñece a quen á postre sería o home da súa vida, o tamén bibliófilo e profesor estremeño, Antonio Rodríguez-Moñino, formando parte así -segundo Inmaculada de la Fuente- “de una generación de bibliotecarios que desempeñó su labor en un periodo excepcional”.

Pero entón chegou o estrondo militar e a súa proximidade funcionarial e ideolóxica con, entre outros, Azaña e Alcalá Zamora e polo tanto coa República, aconséllanlle trasladarse a Valencia, cousa que fai co seu pai, non sen antes encomendárense -baixo a coordinación de Antonio Rodríguez-Moñino- á tarefa de preservaren “os tesouros bibliográficos” do Estado. Xa na capital do Turia implícase, primeiro na Casa da Cultura que presidía Antonio Machado e logo na “Oficina de Adquisición de Libros y Cambio Internacional”, onde coincide e asenta unha relación fraternal e imperecedoira coa súa directora, a coñecida polo seu “Diccionario de uso del Español”, María Moliner.

Guerra, represión, exilio, Nova York, Cela, Iria, Trives e os “pimentiños” de Padrón

A biblioteca de Antonio Rodríguez e María Brey contaba con 17 mil volumes.
A biblioteca de Antonio Rodríguez e María Brey contaba con 17 mil volumes.

O traballo que María Brey e outras arquiveiras realizaron en Madrid non foi menor, xa que se trataba de “trasladar y resguardar en la Biblioteca Nacional los incunables y obras de valor de todas las bibliotecas públicas y privadas madrileñas”.

E por algo así -tan irracional é a guerra!- foi polo que tanto ela coma o seu home (casaran en 1939) comezaron -en expresión propia- “a recibir batacazos” trala vitoria franquista. María viuse co salario reducido á metade e trasladada á biblioteca municipal de Huelva, mentres a Antonio foille retirada a cátedra e confinado en Badajoz, salvándose por pouco da prisión.

En Huelva estivo ata 1943, cando lle permiten a incorporación como interina, pero coa sanción salarial e sen dereito a praza propia, na biblioteca das Cortes.

Antonio, pola súa banda, tería que procurar asento na docencia e na actividade privada. A fundación Lázaro Galdiano foi o continente cultural onde atopou acougo antes de aceptar un convite da prestixiosa Universidade de Berkeley (California), xuntándose logo os dous en Nova York, onde levaron a cabo o ímprobo traballo de catalogación de tódolos documentos dos séculos XV, XVI e XVII da Hispanic Society.

O periplo americano durou un lustro, ata que en 1966 un telegrama de Cela os informou de que Antonio fora admitido na Real Academia despois de ter sido vetado polo ministro do ramo.

Paga a pena reproducir a posdata da contestación que María Brey lle enviaría ó futuro Nobel, porque nela asoma o bo humor que contra a adversidade seica cultivou ó longo da vida: “Aunque Iria Flavia no tiene, como es sabido, la importancia que Puebla de Trives, produce sin embargo cosas bastante buenas, aparte los pimentiños. Gracias amigo”.

Co regreso, o matrimonio volve á tranquilidade cultural madrileña, aínda que non por moito tempo, pois Antonio morre catro anos despois, quedando ela como custodia dunha biblioteca de 17 mil volumes que, tralo seu falecemento, en 1995, hoxe forma parte dos arquivos da RAE.

Que pinta Rajoy no titular, preguntará vostede a estas alturas? Pois pinta tanto coma que Olga Brey López -a nai do expresidente- e “a roxa” María eran curmás, da torgueira tradicionalista dos Brey -de Oca- de toda a vida.

Contenido patrocinado

stats