CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Segundo Caride, o “King-Kong” ourensán
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
A imaxe do rosto desfigurado do boxeador hispano-georgiano, sacado en andas por seu irmán e o resto do equipo pola porta de atrás da Casa Branca, ademais de impresionarme -como supoño que lle aconteceu á maioría da parroquia que non comunga con que iso sexa un deporte-, levoume a rescatar do silencio a este boxeador ourensán, do que xa se ocuparon noutrora diversos autores neste mesmo xornal e ó que alcumaron “King-Kong” pola forza coa que lle batía ós contrincantes, pero nunca pasou de secundario.
Atendía ó nome de Segundo e coa imposición do apelativo inoculáronlle unha sorte de estigma que o mantivo coma un púxil secundario ó longo de toda a vida boxeística.
De apelidos Caride e Pérez, Segundo asomou ó mundo na capital o 20 de abril de 1926, no lugar de O Pontón e no seo dunha familia na que o proxenitor acababa de regresar da Habana pouco antes de concibilo, polo que a medida que o neno foi crecendo no fogar, foi escoitando “batallas” máis ou menos adornadas nas que os heroes eran uns mociños que a medida que subían ó cuadrilátero nunha velada, cando lograban a vitoria convertíanse en heroes que provocaban a admiración de mozos e mozas.
Tanto foi así que, segundo lle relataría ó xornalista deste mesmo medio, A. Outeiriño, no ano 1975, cando andaba nos 16 anos o pai, que debía ser moi afeccionado ó boxeo, faláballes das fazañas que el mesmo lle contemplara a Uzcudun, Ara, Luis Ángel e outros, o que provocou que se fose interesando cada vez máis por esa disciplina, naquel momento moi en boga, non só en Ourense, senón en coliseos, prazas de touros e incluso campos de fútbol de Galicia.
Non pasou moito tempo dende que “calzou” por primeira vez as manoplas ata que probou o mulido piso da lona e o sabor doce da vitoria
A isto uníuselle a visualización dunha película titulada “El gong de la victoria”, protagonizada por, entre outros, Robert Taylor e Maureen O’Sullivan, na que o protagonista era un xove boxeador, que o empurrou de súpeto ó ximnasio do Frente de Xuventudes, onde outros moitos coma el tamén buscaban na práctica deste deporte un punto de fuga para coñecer mundo e, sobre todo, para conseguir o éxito e a fama, algo que evidentemente estaba -e segue estando- intimamente ligado ó trunfo económico.
Non pasou moito tempo dende que “calzou” por primeira vez as manoplas ata que probou o mulido piso da lona e o sabor doce da vitoria, xa que logo no mes de novembro de un ano despois, o Teatro Principal foi escenario do seu combate iniciático con outro mozo ourensán co que loitaría en diversas ocasións, chamado Tino Fernández, e ó que venceu polos puntos.
Co obxectivo de lanzarse o máis pronto posible ó boxeo profesional, non sen antes recibir o reto de Tino Fernández para a revancha pola derrota, poucas semanas despois a prensa pregúntase polo paradoiro de Caride, pois trala aceptación do reto pérdeselle a pista.
O que aconteceu, sen embargo, foi un simple amago, pois denantes de rematar o ano 43 reaparece nunha velada no coliseo Xesteira, na compaña doutros púxiles ourensáns como Gody, Pintado, Anivid ou Cano, escenario no que participaron todos eles retándose uns a outros e celebrando unhas veladas que gozaban dunha asistencia que se viu sumamente incrementada a raíz da chegada a Ourense do empresario catalán Pedro Pombo, quen incorporou a boxeadores xa profesionais do resto do país para redondear as galas e, con elo, logrou unha etapa dourada para o boxeo ourensán.
Pola súa banda, Segundo tivo que cumprir co servizo militar, pero o tempo da milicia non só non lle restou oportunidades, senón que mesmo o axudou, porque seguíu boxeando no corpo da lexión de Tetuán (Marrocos), ata o punto de que da súa man participou nun campionato en Sevilla, que gañou e onde lle consolidaron a alcume de “King-Kong”.
Tamén logrou o campionato de España do “Frente de Juventudes” e o Galego de peso medio. De 85 combates, perdeu un, gañou oito ós puntos e o resto venceunos por KO, pero nunca chegou a consolidarse na elite do profesionalismo
Con motivo do regreso do Magreb e ó rebufo das novas que dende a distancia fora xerando como boxeador da Lexión, o xornalista Álvarez Alonso entrevistouno para este xornal. Era o ano 48. Segundo levaba catro fóra de Ourense e regresaba feliz pola experiencia porque “los jefes me permitieron que siguiese entrenando e incluso que continuase peleando, hasta el punto de que en agosto del 46 logré conquistar el título de campeón de los pesos pesados de Marruecos, después de vencer a los marroquís Kid Moreno y Bela-Torri, al francés Bifantes, al hebreo Comerian, al español Guillén II y a Piof-Fonz, al que noqueé en el cuarto round”.
Pero os anos foron pasando e a fortaleza foise esgotando, polo que a finais dos anos 50 decidiu colgar as luvas e con motivo do “boom” migratoiro a Alemania, no ano 61 rexistrouse para viaxar
Oitocentas pesetas gañaba por combate, daquela, nas terras africanas, algo que estaba moi lonxe das cen ou cento cincuenta que cobraba como moito en Galicia.
Ó ano seguinte, esa mesma felicidade transmitiulla ó xornalista Kid, na compaña da súa muller, gracias ó inusual apoio que recibía dela. “Me anima muchísimo, pero su opinión sobre mis facultades se las reserva”, declaraba, mentres ela retrucaba afirmando manter “una gran fe en sus condiciones”.
Pero, por máis que de portas para fóra todo aparentase un camiño de rosas, ambos sabían que para dar o gran salto precisaba un pulo de aprendizaxe técnica e un esforzo moito maior no aspecto físico, facendo bo un vello comentario publicado anos atrás por un cronista, tamén de La Región, baixo o título de “El tropiezo de King-Kong”, no que chegou a afirmar que “necesita constante entrenamiento y, lo que es más importante, meterse en manos de un experto que lo sepa dirigir, si es que abraza la esperanza de llegar lejos”.
Pero os anos foron pasando e a fortaleza foise esgotando, polo que a finais dos anos 50 decidiu colgar as luvas e con motivo do “boom” migratoiro a Alemania, no ano 61 rexistrouse para viaxar “y allí sigo trabajando con excavadoras y paleadoras”, vítima inconsciente dos dous feitizos que lle botaran por riba.
Un, o de nunca chegar a primeiro nas grandes citas puxilísticas chamándose Segundo, e o outro -co alcume de King-Kong inserido no Adn- rematar os días alleo ó mundo do boxeo e transformado nun “King-Kong- mecanizado, manexando as devanditas excavadoras e paleadoras que lle puxeran na man na empresa teoutona na que estivo destinado.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Segundo Caride, o “King-Kong” ourensán
FIESTA DE INTERÉS TURÍSTICO INTERNACIONAL
Galicia refuerza los controles para la noche de San Juan
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 22 de junio
Lo último