Vivir catro días en Manzaneda nunha infancia rural para nenos de cidade

CAMPAMENTO

Media ducia de rapaces disfrutaron de aprendizaxe e diversión no corazón do Macizo Central, en Manzaneda, entre patrimonio, natureza e cultura rural na última semana do ano.

Publicado: 03 ene 2025 - 08:25 Actualizado: 03 ene 2025 - 22:44

Decoración do bambán do Alto da Escrita en Manzaneda.
Decoración do bambán do Alto da Escrita en Manzaneda.

A vila de Manzaneda acolleu, na última semana do ano, un campamento que uniu patrimonio, natureza e tradición. Organizado polo grupo educativo Seteportas-Altair, esta experiencia reuniu a seis nenas e nenos composteláns de entre 10 e 13 anos, achegándoos á riqueza cultural e ambiental desta fermosa vila de montaña.

Durante catro días intensos, os pequenos exploradores mergulláronse na esencia de Manzaneda. Desde a interpretación da vila medieval ata a visita ao museo do entroido, cada actividade convidou a comprender e valorar o pasado e o presente deste enclave histórico. Un paseo polo souto de Rozavales, declarado monumento natural, e as visitas ao Pazo da Pena, ao Alto da Escrita co seu famoso bambán e ao curro de Chaira das Lamas reforzaron o vínculo coa natureza da zona, permitíndolles mesmo decorar o bambán coas flores de pascua.

Gandería local

Un dos momentos máis emocionantes foi o contacto directo coa gandería local. Os cativos tiveron a oportunidade de coñecer gandeiros, observar o funcionamento da gandería extensiva e mesmo vivir a experiencia única de ver mamar aos becerriños. Este achegamento ao medio rural permitiu descubrir unha realidade distinta, afastada do bulicio urbano, pero profundamente conectada coa terra.

Nadal

Por se isto fose pouco, a experiencia estivo marcada polo espírito festivo do Nadal. Os rapaces asistiron a actividades culturais, como a danza e música tradicional, ademais de coñecer a figura do Pandigueiro, o personaxe máxico da serra que agasalla os nenos con onzas de chocolate, castañas secas e pequenos trebellos.

Desde Seteportas-Altair, destacaron o valor de Manzaneda como parte do Macizo Central Ourensán e das Montañas Surorientais da Ribeira Sacra. Agradeceron especialmente a colaboración do concello, que lles facilitou un itinerario completo e integrador, permitindo ás crianzas coñecer de primeira man unha realidade cultural e natural excepcional.

Contenido patrocinado

stats