As xornadas de micoloxía volven a Pobra de Trives
ENTRE O 8 E O 10 DE NOVEMBRO
As xornadas de micoloxía de Pobra de Trives celebraranse entre o día 8 e o 10 de novembro nunha fin de semana ateigada de actividades
A localidade de Trives prepárase para celebrar unha nova edición das Xornadas Micolóxicas, un evento moi esperado que chega á súa vixésimo cuarta edición. Organizadas polo Club Montaña Trives, terán lugar do 8 ao 10 de novembro, ofrecendo unha fin de semana chea de actividades dedicadas á micoloxía e á gastronomía. O venres 8 de novembro arrincará co concurso de tapas micolóxicas, que celebra a súa novena edición. Un total de catorce locais participarán nesta proposta, ofrecendo tapas elaboradas con cogomelos ao prezo de 2 euros cada unha, dispoñibles ata o domingo ao mediodía.
O sábado 9 de novembro será o día principal do evento, comezando ás 9:30 horas no Auditorio Julio Vázquez cunha charla divulgativa sobre cogomelos a cargo da asociación Os Cogordos. A continuación, os asistentes poderán participar nunha saída ao campo en grupos para recoller cogomelos. Ao mediodía, ofrecerase un menú gourmet micolóxico no restaurante La Viuda, con prazas limitadas e un custo de 35 euros (reserva previa ata o 4 de novembro).
Ao longo do día, o ambiente estará amenizado polos grupos musicais As Macizas Centrais e Trabazos de Castro Caldelas, que tocarán nos bares participantes no concurso de tapas. Pola tarde, no patio interior da Casa Grande, abrirá ás 18:00 horas a exposición micolóxica cos exemplares recollidos durante a mañá, acompañada dunha actuación da banda de gaitas Os Trintas e unha representación teatral do grupo A Caniceira. A mostra permanecerá aberta ata as 22:00 horas.
O domingo 10 de novembro, a exposición reabrirá pola mañá e continuará a degustación de tapas ata as 15:00 horas. O evento rematará ás 18:00 horas coa entrega de premios aos gañadores do concurso de tapas, poñendo así o broche final a estas Xornadas Micolóxicas de Trives.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último