A marca de roupa urbana que fai de Verín unha tendencia
32SEISCENTOS
Creada no 2022 por Manuel Prieto e un grupo de amigos, a firma 32seiscientos produce as súas prendas 100% algodón en Guimarães e vén de presentar a súa nova colección no antigo balneario de Cabreiroá
No 2022, mentres estudaba Publicidade en Segovia, Manuel Prieto comezou a dar forma á idea de crear unha marca propia de roupa urbana. Lonxe de embarcarse só na aventura, rodeouse do seu grupo de amigos de sempre en Verín: Javier Costela encargouse do apartado visual; o seu irmán Alberto, da identidade e do deseño da marca, e Pablo Garrido, da xestión da páxina web. Así naceu 32seiscientos, un nome que rende homenaxe ao código postal da vila.
O proxecto botou a andar grazas a un orzamento de apenas 250 euros, cos que foron quen de lanzar unha primeira remesa de gorras. A boa acollida nas redes sociais animounos a dar o salto á confección téxtil, e dende entón levan producido dende gorros e camisolas ata suadoiros e mesmo zapatos.
Aposta polo rural
O impulso definitivo chegou da man doutra amiga, Alba Diéguez, que fai de enlace cunha empresa textil de Guimarães onde tamén producen a súa roupa outras firmas galegas de prestixio internacional. Alí atoparon a calidade que procuraban para confeccionar prendas de algodón 100% natural, apostando pola durabilidade fronte ao consumo rápido. “Buscamos que cando compras unha prenda, non che dure catro lavados e a teñas que tirar; xa que invirtes cartos, mellor que dure o que ten que durar”, resume Manuel Prieto.
A súa aposta combina unha estética urbana cunha fonda reivindicación da orixe. “A idea é demostrar que incluso dende sitios pequenos, dende moi abaixo, se poden facer cousas moi novas e moi diferentes sen perder a túa raíz. Reivindicamos que non fai falta irse ás grandes cidades para lanzar propostas rompedoras”, destaca Javier Costela.
Cabreiroá, pasarela de moda
Esa filosofía reflíctese na súa nova colección, “Foliada”, inspirada na música tradicional e en símbolos da cultura popular galega, como a figa ou a muiñeira. Entre as pezas destaca unha camiseta coa silueta de “Mamú”, alcume dunha muller próxima á familia de Manuel e que representa e exemplifica “a forza e o traballo do rural”. Para presentar a colección, a marca gravou o seu vídeo promocional e realizou a sesión fotográfica nos xardíns do antigo balneario de Cabreiroá, contando de novo con amigos e coñecidos de Verín como protagonistas. “É unha volta á casa, facer o que realmente nos gusta. A foliada é algo inclusivo, onde pode bailar todo o mundo, e iso tamén representa o que é a marca”, explica Prieto.
Crecemento sostido
Ata o de agora, 32seiscientos vén comercializando as súas prendas principalmente a través da súa páxina web e das redes sociais, aínda que recentemente deu o salto ao comercio físico coa súa presenza nunha tenda ao carón do centro comercial de Ourense. Ao tempo que realizan colaboracións con artesáns e creadores galegos, como o obradoiro de pandeiretas Sanín ou o artista gráfico Ouriso, o equipo mantén a mesma filosofía coa que comezou. “Para min o éxito é que a miña familia e os meus amigos estean orgullosos do que fago, poder vivir tranquilo, dedicarme ao que me gusta e que a xente valore de onde vimos”, conclúe o fundador.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
SENTENCIA JUDICIAL
Condenado por agredir a otro hombre en Verín tras llamarle “moro de mierda”
CUARTA BAJA EN LA SEMANA
Dimite la última concejala del PP en Verín y el partido renovará por completo su grupo municipal