O PP de Verín sinala “desidia e deixadez” nos parques infantís

FALTA DE MANTEMENTO

Os populares denuncian o mal estado de varios recintos do municipio e reclaman un mantemento periódico ante as queixas de familias e proxenitores

Equipamento infantil de Verín roto.
Equipamento infantil de Verín roto. | PP de Verín

O Partido Popular de Verín denuncia o mal estado de varios parques infantís do municipio, tanto no núcleo urbano como no rural, e reclama ao Concello máis mantemento. Os populares aseguran ter trasladado xa as queixas de familias e proxenitores e citan, entre outros, os recintos da Alameda, do parque Carmen Estévez e de Pazos.

A formación atribúe esta situación á “desidia e a deixadez” do bipartito PSOE-BNG e sinala que os espazos presentan “cordas rotas, madeiras en mal estado, parafusos fóra de lugar e incluso buratos no chan”. “Lugares que se supoñen seguros para a cativada están totalmente abandonados”, aseguran. O PP afirma que advertiu da situación a comezos de ano e critica que non se adoptasen medidas nos meses de maior uso. “Para que os parques infantís estean en bo estado é preciso realizar un mantemento periódico”, apuntan.

Reunión con Aever

Encontro con Aever.
Encontro con Aever. | PP de Verín

Ademais, o populares verinenses reuníronse con representantes de Aever, a asociación que aglutina ao comercio local, para coñecer as demandas do sector e trasladar o seu apoio ás súas iniciativas. O candidato popular á Alcaldía, Víctor Baladrón, destacou que “é moi importante escoitar as necesidades de Aever, porque son unha peza fundamental para o impulso da economía local”.

Contenido patrocinado

stats