ARTESANÍA E ALIMENTACIÓN
9 de cada 10 expositores volverían acudir á Feira do Lázaro en 2027
"CAMIÑANDO CARA ATRÁS"
O pasado xaneiro, pouco antes de dar comezo o Entroido, apareceu en redes sociais “Camiñando Cara Atrás” (@caminandocaratras). Este perfil, que nestes meses xa conta cunha comunidade numerosa e fiel, céntrase en investigar o pasado da comarca e val de Monterrei a través de documentos históricos, como o Castastro de Ensenada, pero tamén xornais, entre os que se atopa La Región.
Grazas a esta conta, moitos veciños de Verín e da contorna están a descubrir episodios descoñecidos da historia local que deron lugar “ao que somos”. As publicacións, en forma de colaxes con fragmentos de prensa e explicacións sinxelas e moi visuais, cun estilo desenfadado, son unha ventá aberta a pequenos monográficos sobre a biografia de José García Barbón, a orixe do Cigarrón, a feira do Lázaro, a evolución do sector vitivinícola e a conflitos fronteirizos esquecidos, por citar algúns.
A encargada deste laborioso traballo de síntese e investigación, de mergullarse nos xornais e nas bibliotecas, é Ana Rivera, xogadora profesional no equipo de fútbol sala Ourense Ontime, dobremente graduada.
“O bo do fútbol feminino é que me permitiu formarme constantemente. Primeiro fixen Empresariais en Ourense, pero cando estiven no Alcorcón pedín que me costearan Historia na Complutense”, explica Ana. Ademais dos estudos, na súa carreira tamén viviu unha mellora “constante” das súas condicións como deportista, xa que daquela “aínda nos pagaban mal e en man”.
Foi unha mención nunha aula a que desencadenou o seu labor documentalista: “Falaron da igrexa de Mixós, ao carón da casa, e fun consciente do pouco que sabemos sobre o que nos rodea”, lembra Ana.
Ademais de arquivos antigos, as súas fontes principais son as hemerotecas, pero bota en falta que “se dixitalicen máis os exemplares antigos, porque os xornais atesouran unha información valiosísima”.
Ana apóiase fundamentalmente na prensa escrita, pero tamén fai un chamamento a prol da historia oral: “A memoria ten que saír das casas, porque estamos a piques de perder moita historia dos nosos maiores. En todo caso, cómpre lembrar que a memorial oral tamén falla e non é sempre fiable”.
Internacional absoluta, a verinense suma 17 tempadas na elite, nas que formou parte dos mellores equipos de España, e mais un breve pero enriquecedor paso pola liga italiana.
Dende hai un ano está a preparar as oposicións para se converter en profesora de Historia, a súa paixón xunto co fútbol: “Pero non me retires xa. Polo de agora véxome ben e, lesións aparte, quero seguir xogando. Cando aprobe a oposición xa decidirei”, afirma con determinación.
Ademais de estudar, Ana aproveita as vacacións do verán antes de regresar aos adestramentos para organizar paseos históricos pola súa vila natal. Nestes roteiros, que partirán dende a Alameda de Verín sempre que haxa interesados ata o 10 de agosto, Ana quere “dar a coñecer as cousas tal e como eran, pero cunha visión actual, e se cadra divertida”.
Iso si, a historiadora promete seguir “camiñando cara atrás”: “A min tamén me queda moito por aprender sobre esta terra e desfruto compartíndoo”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ARTESANÍA E ALIMENTACIÓN
9 de cada 10 expositores volverían acudir á Feira do Lázaro en 2027
"NON TEÑEN COÑECEMENTO"
O PP de Verín critica a perda de diversos servizos sociais
NUEVO COMPLEJO ASISTENCIAL
La residencia de mayores de Verín en Caldeliñas abrirá en 2028
ACTIVIDAD AMBIENTAL EN VERÍN
Plantando semillas de futuro en el Pozo do Demo, en Verín
Lo último