Os vianeses únense contra o cancro nunha noite solidaria
O sábado 3 de outubro a Casa da Cultura acolle un evento no que estarán Son do Sil e o Mago Teto
A Casa da Cultura de Viana do Bolo acollerá o vindeiro sábado 3 de outubro, ás 19,00 horas, unha Gran Noite Solidaria contra o Cancro, unha iniciativa destinada a recadar fondos para a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e, ao mesmo tempo, poñer o foco na importancia de seguir avanzando na investigación e no apoio ás persoas afectadas pola enfermidade e ás súas familias.
A cita, organizada polas voluntarias da AECC de Viana do Bolo, pretende converterse nun espazo de encontro e solidariedade arredor dunha causa que continúa requirindo o compromiso de toda a sociedade. “A investigación, a prevención, a atención ás persoas con cancro e o acompañamento das súas familias son piares fundamentais para avanzar na resposta fronte á enfermidade”, apuntan dende a organización.
A xornada contará coa participación do doutor Rafael López, oncólogo, así como de representantes da AECC de Verín e O Barco, que achegarán a súa experiencia e coñecemento sobre a realidade do cancro e a importancia de continuar sumando recursos e esforzos.
O programa completarase con diferentes actuacións solidarias, tamén cunha marcada vinculación coas Terras do Bibei. Son do Sil, formación ligada a este territorio, ofrecerá música en directo, mentres que o Mago Teto, tamén estreitamente vinculado á Viana do Bolo, achegará ao público o seu espectáculo de maxia e ilusionismo.
As entradas teñen un prezo de 12 euros e poden adquirirse de maneira anticipada en Bar Dani e Don Euro, ademais de na propia Casa da Cultura o día da actuación.
Apoio á investigación
A iniciativa busca así transformar unha noite de cultura e lecer nunha oportunidade para contribuír a unha causa que vai moito máis alá dunha recadación puntual. Cada achega permite seguir apoiando a investigación, mellorando a atención e acompañando ás persoas que afrontan o cancro e ás súas familias.
Viana do Bolo volverá demostrar así que a solidariedade tamén se constrúe desde o ámbito local e que, fronte a unha enfermidade que afecta a tantas persoas, cada xesto de apoio, cada colaboración e cada compromiso individual poden contribuír a avanzar nesta continua e necesaria loita contra o cancro.
O pasado mes de abril, a Asociación Española Contra o Cancro mantivo os seus primeiros contactos en Viana do Bolo co obxectivo de estreitar lazos de colaboración. Desde entón, a entidade atopou un gran apoio por parte da organización local e dun grupo de persoas voluntarias, cuxa implicación fixo posible a celebración deste primeiro evento que esperan “sexa o primeiro de moitos no noso municipio”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ÚNICO NA COMARCA
Viana garante a continuidade do seu matadoiro municipal
RIESGO DE DESBORDAMIENTO
Arrancan meses después los trabajos para blindar A Bouza
Lo último