Antonio Cortés e a pesca como paixón
VIDA
Dende ben pequeniño, cando acompañaba ó seu pai ás beiras do Miño, a pesca converteuse nunha parte esencial da vida de Antonio Cortés. O que comezou como unha actividade compartida en familia e cos amigos do pobo acabou transformándose nunha afección que, décadas despois, segue viva. Delegado da Federación Galega de Pesca en Ourense, é testemuño directo da situación actual dos ríos ourensáns, das especies invasoras, da evolución dos materiais e, sobre todo, do valor da pesca como espazo de calma, amizade e contacto coa natureza. Como pescador de longa traxectoria, reivindica a necesidade de coidar mellor as augas e preservar os ecosistemas fluviais para garantir o futuro dunha tradición moi arraigada na provincia e que, malia os cambios, continúa atraendo ás novas xeracións.
Pregunta. De onde vén a súa afición pola pesca?
Respuesta. A miña afición pola pesca naceu cando era pequeno porque o meu pai pescaba. Penso que con cinco ou seis anos xa empecei a pescar. Eu son de Xubín, que pertenece a Cenlle, e como tiñamos o Miño e algúns regatos por alí, eu vía que ía á pesca e tamén lle collín o gustiño. Empecei a pescar desde esa idade.
P. Tamén era unha maneira de pasar tempo xuntos.
R. Si, pasabamos tempo xuntos e cos amigos tamén do pobo e do pobo do lado, iamos pescar ó río todo xuntos. De paso que nos iamos bañar no verán ó río, levabamos as cañas e tamén pescabamos. Aí empecei e despois xa seguín.
P. E agora que están en plena temporada, como vai a cousa?
R. Bueno, troitas moitas non están saíndo. Tamén inflúe que estes días temos o aire do norte, entón iso afecta bastante. Pero algunha foi saíndo. Os ríos van bastante ben de agua, pero cantidade non hai moita porque está o tempo bastante frío. As troitas saen máis segundo vai aumentando a temperatura, vanse movendo máis. Se vai frío, queda nun sitio quieta e se lle cae o cebo diante das narices, pois si, pero se non, non; andan como aletargadas.
P. E como son os ríos ourensáns?
R. Hai algúns que si que aínda adoitan ter troita. Temos o Arenteiro, o Limia, o Avia aínda ten algo de troita, o Xares alá na Veiga… Hai algúns. Non hai tanta troita como hai 10 ou 20 anos, pero parece que se está recuperando pouco a pouco, porque como a maioría da xente xa empeza a pescar sin morte, que pescan e soltan, pouco a pouco vaise recuperando. Agardamos que vaia aguantando a cousa.
P. E a nivel de peixes? Temos problemas de especies invasoras?
R. Aquí o que o peixe autóctono, por exemplo, non queda moito, porque nos ríos temos o black bass, a carpa, desde hai uns anos tamén os percasoles… E iso todo está acabando co de aquí. Por exemplo o percasol come os ovos todos de calquera peixe. Agora hai bastante máis diso que do autóctono.
P. Inflúe a calidade das augas?
R. As augas terían que estar un poquiño máis coidadas, porque hoxe en día non deixan tocar no río para nada. Non se poden retirar árbores secas, se tes un coto e queres quitar herbas malas ou o que sesa, tes que contratar un biólogo. É unha cosa bastante complicada. E depois a administración tamén tería que implicarse un poquiño máis nos ríos, en telos un pouco máis limpos e coidados.
P. Falaba antes de que de pequeno pescaba cos amigos. Hai un ritual social en torno á pesca máis alá do feito de pescar?
R. Si, aínda hoxe en día quedo cos compañeiros para ir pescar xuntos. Pola maña paramos tomar algún café, despois imos pescar e moitas veces pois xa quedamos a comer por aí fóra para estar de charla e contarnos as nosas aventuras. Aínda antes falei cun compañeiro que vive no Grove, porque estamos metidos no mesmo, e xa me dixo que a ver se puñamos un día, porque eles agora coñeron un coto novo de pesca, para ir pescar alí xuntos, quedar para comer e vermos.
P. Enténdense ben entre os pescadores de río e os de mar?
R. A forma de pescar é algo parecida pero non ten nada que ver coa de río, son outros cebos e outras cousas. Pero levámonos ben, porque nos coñecemos e moitos de nós tamén pescamos en mar. Eu tamén pesco no mar e eles pescan en río. Pero levámonos ben e moitas veces quedamos para vernos
P. Cambia a experiencia de pescar en mar a pescar en río?
R. Si, normalmente no mar, pode haber algún día que non pillas nada, pero case sempre pescas algo. Non volves coas mans baleiras, como pasa aquí no río que volves moitas veces sen nada. Eu o que pesco normalmente cólloo, sácoo, fágolle unha foto e volvo soltalo outra vez. Menos as especies invasoras, que hai a obriga de sacalas e matalas. Pero a troita devólvoa sempre.
P. Desde que era pequeniño que empezou co seu pai, como ten cambiado esta afición?
R. A nivel de materiais, un montón. Daquela case non había vadeadores, as cañas eran... As primeiras cañas que tiven eu eran bastante pesadas e os carretes tamén. Hoxe en día hai fibra de carbono, carretes que pesan 200 gramos e mesmo hai cañas que pesan 100 gramos ou así, hai os vadeadores… Cambiou moitísimo todo, non ten nada que ver con antes.
P. Pero os valores da pesca da paciencia e o contacto coa natureza seguen intactos?
R. Si, se non tes paciencia para pescar… Pásalle a moita xente, eu teño un amigo que pescaba e díxome: “Mira, eu non teño paciencia para isto”. A pesca é paciencia. Metade sorte e a outra metade, saber, porque tamén hai que saber ver o río e saber onde están os peixes e onde non.
P. Que é o que máis lle gusta de pescar? Por que mantén viva esta afición dende neno?
R. Eu vou ó río e, aínda que non pesque nada, reláxome. Vou para alí unha hora ou dúas e desconecto, ando por alí, reláxome. Se pican, mellor porque paso un rato agradable e depois solto a pesca. Pero, sobre todo, por iso, porque me relaxo e ando ao meu aire e alí olvídome de todo
P. En tempos de pantallas e de présas é interesante ter algo que obrigue a parar.
R. Si, si. Se vas para o río, sabes que alí non hai tempo. De feito o outro día aínda fun pescar un pouco alí ó Avia e pensaba estar unha hora e ó final botei tres.
P. E hai relevo das novas xeracións?
R. Algún hai, non moito, podería haber máis. Pero algún rapaciño si vai habendo. Nós no clube temos uns cantos que a verdade é que lles gusta moito. Temos un rapaz que foi o ano pasado ó campeonato dos Estados Unidos de Mosca, con 17 anos. Algún vai habendo, pero non moito.
P. E a nivel de federación, como lles vai?
R. Bastante ben. Estes últimos anos non nos queixamos. Sobre todo en moitas modalidades estamos traendo bastantes medallas. Aínda fomos o ano pasado a Bugarra, en Valencia, a unha modalidade nova que se chama de carnívoros e trouxemos segundo posto. Estivo moi ben.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último