LOTERÍA DE NAVIDAD
El Gordo, el 79432

Emilio Fonseca, un manifesto de respecto á natureza salvaxe

ENTREVISTA

O documental “Salvaxe salvaxe” do ourensán Emilio Fonseca é a primeira longametraxe cinematográfica do director. Producida por Xiana do Teixeiro, adentra aos espectadores nos montes galegos e portugueses para descubrir aos lobos.

Publicado: 16 mar 2025 - 06:45 Actualizado: 16 mar 2025 - 09:45

Emilio Fonseca.
Emilio Fonseca. | La Región

O lobo, ese animal que levanta admiración e medo a partes iguais, cheo de lendas, de mitos ancestrais e tamén actuais… pero que neste traballo se alonxa de todos eses tópicos para presentarnos ao lobo como o que é: unha especie fundamental no noso ecosistema. Co apoio de entrevistas a gandeiros, xente en contacto cos lobos, investigadores, cámaras trampa de estudosos, o resultado é un documental experimental que logra a través da imaxe unha inmersión sensorial e estética.

Pregunta.Como xorde a idea da gravación de “Salvaxe salvaxe”?

Respuesta.De sempre sentín moita fascinación polos lobos, e este traballo foi unha excusa para aproximarme máis a súa figura. Investigar todo o que se sabe realmente dos lobos, das súas lendas e mitos, e tamén das súas certezas.

Emilio Fonseca.
Emilio Fonseca. | La Región

P.Supoño que para facelo realidade levou a cabo un duro traballo de campo.

R.Comecei a documentarme pola miña conta facendo entrevistas a xente do rural, gandeiros, xente maior que conviviu cos lobos, investigadores… de puntos de Galicia e Portugal como o Xurés, o Macizo Central, o Courel ou a Peneda.

P.Cando comezou o proxecto?

R.O inicio da idea naceu no ano 2015, pero non foi un traballo continuo. Tivo os seus saltos para poder desenrolar paralelamente outros proxectos, e tamén condicionado por factores alleos a mín. Desde a dispoñibilidade das persoas coas que quería falar ás condición metereolóxicas. Ademais estaba a financiación, que chegou unha vez tiña feito moito do traballo de campo, coa producción de Xiana do Teixeiro, coa que no seu momento fundei a miña produtora Walkie Talkie Films. Ese orzamento a través de ICCA, Agacid e TVG, supuxo un pulo para volver a puntos nos que xa estivera para precisar máis a información e seguir investigando.

P.Fala da entrevistas a diferentes persoas relacionadas co mundo dos lobos, pero o seu documental virou cara outra proposta alonxada da pura gravaciñon de testemuñas.

R.Según ía obtendo información vin moi necesario trasladar información verídica actual e científica para alonxar todos os mitos, antigos e actuais, que existen sobre os lobos. Hai moita desinformación. Así que me dei conta de que non quería facer un documental – reportaxe máis sobre os lobos do noroeste ibérico, os danos a gandaría, as medidas de protección do lobo ou a chamada “xestión “ do lobo, cando o único que significa é cantos hai que matar. O que máis me interesaba era poñer en relevancia a información científica, pero dándolle unha volta de reflexión política e ética, ademais de crear coa película unha inmersión sensorial e estética. Poder compartir a emoción que me esperta a cohabitación con outras formas de vida. Vivimos xuntos no planeta, estamos xuntos nisto. Tamén quería cuestionar a maneira en que entendemos e tratamos a vida salvaxe.

P.No documental aparecen imaxes de lobos captadas por cámaras, pero polo que sei, son gravacións de investigadores.

R.Efectivamente. Eu filmei algunhas imaxes, pero chegou un momento que, dada a situación delicada na que se atopan as mandas, decidín deixar de obsesionarme coa procura desas imaxes e darlle o valor que merecen ás imaxes captadas polos científicicos que, aínda de menor calidade técnica, si teñen moita importancia e teñen certa xustificación de existencia.

P.Pero ata niso non é o típico “documental de natureza”.

R.Non. Non quería que se espectacularizase o drama da vida salvaxe nunha contorna bucólica onde non hai rastro do humano. Vivimos nun mundo en colapso ambiental, ao bordo dunha catástrofe climática e no medio dunha extinción masiva de especies, a máis rápida que existiu no planeta, e a única que ten unha soa especie como gran responsable. Non me parece interesante discutir se hai que conservar o lobo, especie fundamental dos nosos ecosistemas. Para mín é urxente coidar esa poboación de lobos e os ecosistemas nos que habitan e tamén axudar a desarticular políticas e discursos contrarios ás vidas non humanas e a evidencia científica.

P.Nas zonas onde fixo o traballo de campo, que percibe da súa situación ambiental?

R.O territorio galego portugués, aínda que o vexamos tan verde, é unha terra moi castigada. Polos incendios, a contaminación, as infraestructuras, a maquinaria agroindustrial, a sobreexplotación agrícola e industrial… estamos nun momento de colpaso ecolóxico, como comentaba, e esta zona non é allea a elo.

P.No que atinxe á acollida, de momento xa ten colleitado varios premios.

R.Estamos moi contentos cos recoñecementos, non só os nos festivais senón tamén coa recepción da crítica e coa acollida do público en xeral nos pases que temos feito. É unha película moi inmersiva e sensorial e a xente que non está acostumada ao cinema experimental, sen embargo sae moi conmovida. 

R.E no que atinxe aos festiviais, no 27 Festival de Málaga obtiven a “Biznaga de Plata” ao Mellor Documental, no Play Doc do 2024, na competición Galicia, tamén foi premiado como Mellor Documental e, no 39 del Festival Internacional de Cine de Guadalajara acadou a Mención Especial do Premio Socioambiental.

P.Acaba de presentarse no MICE, Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que ten lugar no Museo do Pobo Galego, que supón para vostede presentalo nesta mostra?

R.Fíxome moita ilusión que a considerasen unha película etnográfica que se fixa en criaturas non humanas, pero que teñen moita importancia na nosa cultura. O lobo está por todos lados en Galicia e norte de Portugal. Aínda que moitas veces asociados a mitos ambiguos e moi negativos. Moitas veces debuxado como un enemigo a eliminar. Son mitos, tanto os vellos como os novos, que conducen ao exterminio, pero tamén hai moitas historias, cecáis máis esquecidas e paganos, que ofrecen outras olladas do lobo.

P.Remontándonos a súa traxectoria, ademais do cine, e impulsar a produtora Walkie Talkie Films con Xiana do Teixeiro, tamén é debuxante de cómics. Cóntenos. 

R.Toda a miña vida debuxei e sempre me gustou o cómic. No 2016 obtiven o Premio Castelao de Banda Deseñada polo cómic de ficción “Fóra de Mapa”. Vexo o cómic como unha forma bastante semellante ao cine de contar historias, pero con outras características, pero gosto moito das dúas. 

P.Ten feito animación a partir dos seus cómics?

R.Algo xa fixen… formeime animación e, ao longo do meu traballo, xa fixen algunhas pequenas pezas. Incluso en “Salvaxe Salvaxe” incluín algunha animación, experimental, pero si está presente.

P.A domingo, día posterior aos Premios Mestre Mateo, adiviños non somos, pero que valoración fai da selección de “Salvaxe salvaxe”?

R.O premio é ser finalistas entre traballos tan grandes como “Filmei paxaros voando”, da tamén ourensá Zeltia Outeiriño, “Prefiro condenarme”, de Margarida Ledo, e “Aurora”, de Area Erina. Películas feitas con moita paixón e comprometidas co que contan.

P.Como convidaría a ver a súa película, así como aquelas que están saínda do noso cinema?

R.Penso que hai que ver cousas diferentes, e estanse produccindo cousas moi interesantes. O que precisamos é rachar esa “separación” que hai co público. Porque cando conectas con el, a resposta é moi boa. Cecáis o fallo é que a axenda cultural, en xeral, está algo desligada co público, e tamén faltan espazos de exhibición. 

R.Nós agora estreamos en salas, pero estamos abertos a levar “Salvaxe salvaxe” a concellos, asociación, institutos e alá onde nolo pidan porque o importante do noso traballo é que chegue ao maior número posible de xente. 

P.A modo de remate, como calificaría o audiovisual galego neste intre?

R.Que difícil! No que atinxe ao cinema, como decía, están vendo a luz traballos moi interesantes, con recoñecementos fóra das nosas fronteiras. Falta atopar espazos nos que conectar co público. En canto exista unha rede sólida, chegaremos a moita máis xente. 

Contenido patrocinado

stats