OS MAIOS CON LA REGIÓN
Os mellores premios dos Maios 2026

Fina e Alberto, catro décadas de cafés e historias

VIDA

Ourense vive unha xornada de nostalxia na contorna da rúa Progreso. Hoxe, domingo 3 de maio, a Cafetería Alameda bota o peche tras 42 anos de historia viva. Fina e Alberto Nóvoa, os irmáns que colleron as rendas do local en 1984 cando as pesetas aínda enchían os petos, despiden a unha clientela que xa é familia. Unha xubilación que pon fin a un ciclo vital e profesional indispensable para entender a evolución social da capital ourensá nas últimas décadas. Atrás quedan anos de esforzo, dunha irmandade inquebrantable e do adeus a un consulado veciñal que deixa unha pegada fundamental na vida social e hosteleira da cidade.

O último café de Fina e Alberto na Alameda
O último café de Fina e Alberto na Alameda | Óscar Pinal

Ourense, 1984. Os tempos eran outros. Eran os dun Estado das Autonomías recén estreado e o dunha Constitución que daba os seus primeiros pasos. Eran os dun país que camiñaba tratando de alonxarse dos tempos escuros que deixaba atrás. No corazón da cidade, dous irmáns tomaban unha decisión que se convertería no motor das súas vidas. Naquela cidade de mediados dos oitenta, os teléfonos intelixentes eran ciencia ficción, as pesetas mandaban nos petos e a Alameda, que miraba á daquela rúa General Franco (hoxe Progreso) constituía o epicentro da vida popular, comercial e social. Alí, os irmáns Nóvoa, Fina e Alberto, adolescente el e entrando na vintena ela, quixeron aproveitar a ocasión que se lles acababa de poñer por diante. Con 16 e 22 anos, asumiron as rendas dunha institución da hostelería ourensá, a Cafetería Alameda, que hoxe mesmo pecha as súas portas despois de 42 anos de servicio e atención.

Pregunta. Sete millóns de pesetas

Respuesta. A historia da Alameda é, por riba de todo, unha crónica de esforzo familiar. O que hoxe vemos como un espazo único eran orixinalmente dous locais independentes. “Enterámonos que traspasaban o que daquela era o Bar Pinal e decidimos meternos”, lembra Alberto. O prezo era, para dous mozos case sen experiencia previa, un abismo. Sete millóns de pesetas.

R. Imaxinar esa cifra en 1984 é visualizar unha auténtica fortuna que puideron asumir gracias ó núcleo familiar. “Se non fose polos nosos pais, non poderiamos. Foron eles os que realmente oficiaron todo, os que nos avalaron co seu traballo e o seu esforzo. Imaxínate un rapaz de 16 anos e unha moza de 20 e poucos nesa tesitura... sen eles sería simplemente imposible”, recoñece Alberto con gratitude. Mentres Fina achegaba algo de experiencia previa, para Alberto a Cafetería Alameda foi a súa única facultade, o lugar onde fixo a súa vida laboral a golpe de servizos e madrugóns. Os dous locais iniciais acabaron por converterse nun só e nesa referencia hosteleira para Ourense, punto de encontro de tódolos públicos, dende traballadores nun apurado descanso ata familias para que os seus pequenos gozasen do entorno.

P. Ourense, outra cidade

R. Dende a súa atalaia privilexiada, xusto na Alameda e a un paso da Deputación, Correos ou o Concello, os irmáns Nóvoa foron testemuñas de excepción da metamorfose urbana e social de Ourense. Viron pasar o Circo de Ángel Cristo, as grandes orquestras, os coches de choque e a noria que se instalaba xusto diante da súa porta. Onde hoxe hai un parking subterráneo, eles lembran o balbordo das feiras.

R. “A cidade cambiou moito. Vivimos a obra do parking, a reforma da Praza de Abastos... Antigamente, a Alameda era o recinto feiral total, as festas facíanse aquí mesmo, na propia rúa”, contan. Pero o cambio máis fondo non foi o das pedras, senón o dos costumes relacionados co peto dos clientes. De entre as moitas historias que Alberto garda na memoria, conta de xeito anecdótico que “o café custaba 60 ou 70 pesetas. Con mil pesetas, que hoxe son 6 euros, botaba gasolina ao coche, ía a Santiago e volvía. O diñeiro rendía doutro xeito, as cousas non tiñan esa presión constante de agora”.

R. Hoxe, o consumo é máis prudente e eles notábano na barra diaria. “Antes a xente ía máis folgada, pedían rondas sen mirar o que levaban gastado. Agora nótase que os soldos non dan para tanto; a xente pregunta o prezo antes de pedir, ou agardan a ver se poden convidar. É a realidade da vida actual, o diñeiro xa non flúe coma antes”.

Fina, Alberto e algúns dos seus empregados en 2022.
Fina, Alberto e algúns dos seus empregados en 2022. | La Región

P. “Papá, ti es famoso?”

R. Se algo define a estes corenta e dous anos é a densa rede social que teceron. O Alameda nunca foi só un bar; foi un “consulado” veciñal, un punto de encontro e un lugar de recados. Situado estratexicamente preto de Correos e numerosas administracións públicas, Alberto e Fina convertéronse en confidentes e colaboradores da veciñanza. “Piden favores, traen papeis para axudarlles cun permiso, asinas por un cliente unha carta certificada se non está... Son clientes que xa son amigos dende hai décadas”, aseguran.

R. Esta confianza absoluta deu pé a momentos inesquecibles. Un dos máis queridos para Alberto aconteceu paseando un día polo Parque de San Lázaro co seu fillo pequeno. O neno, abraiado ao ver que cada tres pasos alguén saudaba ao seu proxenitor con agarimo, preguntoulle: “Papá, ti es famoso?”. Alberto ri ao lembralo. “Famoso non, fillo, son coñecido de estar aquí todos os días dende que non era moito máis grande ca ti”.

P. A irmandade

R. Traballar man a man cun irmán durante máis de catro décadas é un reto que poucas familias superan. Para os Nóvoa, a clave estivo nun pacto implícito de respecto que traen dende o berce. Alberto lembra como a súa avoa lles repartía as propinas por igual, unha semente de equidade que deu froito na xestión do negocio.

R. “Sempre nos entendemos moi ben. Fina levaba os papeis e a xestión administrativa, esa parte máis invisible; eu encargábame das compras e o trato cos proveedores. Sempre remamos xuntos. Se había algún erro, non nolo recriminabamos porque sabiamos que os dous estabamos dando o máximo. Nunca pasamos media hora sen falarnos”, explica Alberto. Para eles, a clave foi a seriedade e o compromiso: “Se hai ganas e os dous somos traballadores, as pequenas friccións do día a día non teñen importancia real”.

Terrazas da Cafetería Alameda.
Terrazas da Cafetería Alameda. | La Región

P. Ata logo!

R. O adeus do Alameda non é unha decisión impulsiva, senón o final natural dun ciclo vital. Dende que saíu a concurso o local o pasado mes de xaneiro, a clientela vive nun estado de despedida case constante. “A xente está contenta por nós, porque imos poder descansar, pero tristes porque nos imos e queda un baleiro. E nós sentimos o mesmo, felices por estes anos marabillosos, pero cunha tristura inmensa por deixar a xente que ves máis que á propia familia”, confesa Alberto con emoción.

R. Aos 64 anos de Fina e os 57 de Alberto, chega o momento de recuperar o tempo e o silencio. As súas familias, que durante décadas foron as grandes sacrificadas polos horarios da hostalería, agardan con ansia este retiro. O neto de Fina, Anxo, xa celebra que por fin “terá á avoa” dispoñible para xogar e pasear sen présas.

R. A Cafetería Alameda pecha as súas portas físicas, pero o seu eco quedará impregnado nas paredes da cidade. Dende mañá, as portas estarán pechadas para que eles poidan recoller 42 anos de historia ó tempo que os novos concesionarios chegan co seu proxecto. Quedan atrás as anécdotas dos días de feira, os cafés apurados dos traballadores e, sobre todo, a imaxe de dous irmáns que, dende a humildade dun mostrador, foron o corazón palpitante dunha parte de Ourense.

R. “Algo faremos, porque somos os dous moi inquietos”, explica. Porque pechan a cafetería, pero seguirán sendo parte esencial da vida social desa cidade que viron cambiar dende un escenario que os converteu en fundamentais para comprender a evolución da hostelería ourensá. Alberto, antes de baixar a persiana definitivamente, apunta con emoción e contundencia a partes iguais: “Se me preguntas se volvería facelo sabendo o que sei hoxe... volvería, sen ningunha dúbida”.

Contenido patrocinado

stats