José Ángel Rodríguez, de Protección Civil de Parada de Sil: o símbolo do traballo en equipo
VIDA
Cando a Xunta de Galicia nomeou a José Ángel Rodríguez como o mellor voluntario do ano, el non o viu como un triunfo persoal, senón como un recoñecemento compartido. Como membro destacado da agrupación de Protección Civil de Parada de Sil, Rodríguez ten claro que a seguridade nunha contorna tan complexa como a Ribeira Sacra non depende do heroísmo individual, senón da engrenaxe dun grupo que, lonxe de buscar protagonismos, coordínase para responder ante calquera emerxencia. Dende os seus inicios cun pequeno grupo de 12 persoas ata consolidar un equipo de máis de 50 voluntarios, o éxito de Parada de Sil radica na solidariedade e na capacidade de sacrificio dunha rede humana que, capitaneada pola visión colaborativa de Rodríguez, demostra que a unión é a ferramenta máis eficaz para protexer o rural galego.
Pregunta. Como chegou a Protección Civil?
Respuesta. Sempre me gustou axudarlle ós demais. Cando fas algo polos demais, dache satisfacción, estás a gusto. Despois, aquí no noso concello, en Parada de Sil, a raíz de que empezou a ter a Ribeira Sacra fama e subiu moito o turismo, era unha necesidade que alguén botase unha man tanto nas emerxencias como no día a día do concello, en actividades deportivas, en culturais… Sempre hai que axudar. Protección Civil naceu un pouco a través dunha carreira que se facía aquí, a do Canón do Sil, que debe ser unha das máis antigas de Galicia. Necesitabamos botar unha man no tema da seguridade e, a partir de aí fomos cada ano avanzando un pouquiño, e estamos aí aínda en evolución. Nunca se consegue estar ao 100%, pero intentámolo.
P. Como ten evolucionado o corpo de Protección Civil?
R. O voluntariado de Protección Civil, como di o nome, é voluntario, non temos remuneración. É xente que dedica parte do seu tempo libre a axudar aos demais sen ánimo de lucro. Perdemos un pouco o tempo familiar, o tempo que temos libre, a vida privada. Intentamos compaxinalo co voluntariado. En Parada de Sil empezou con 10 ou 12 voluntarios e hoxe en día estamos sobre 52 voluntarios. Iso non quere dicir que estean todos operativos, porque hai xente que vén cando pode. Non todo mundo está dispoñible ese día que se necesita. Entón, uns días vén unha xente, outros días vén outra. O núcleo forte non son eses 52 voluntarios, somos menos, sobre todo pola semana. Aquí a maioría traballa en Ourense ou noutros sitios e non está dispoñible aquí no concello. O fin de semana, si, coas vacacións de verán, si que temos máis xente, pero o resto do ano, un núcleo máis pequeno, cinco ou oito. Se non vén un ou vén outro, se hai un operativo importante temos un grupo de WhatsApp onde facemos un chamamento.
R. E nas emerxencias, a través do 112, saímos os que poidamos, os que estamos aquí. É un grupo de voluntarios, non un grupo profesional. Intentamos estar sempre alguén aquí ou estar cerca, próximo, non se fan gardas 24 horas tampouco. E temos a sorte de que temos material, sobre todo a Xunta de Galicia desde fai anos, ten dado moito material, que aquí se aproveita, non o temos parado, e intentamos resolver. Somos un concello que quedamos lonxe de Ourense, a unha hora. Falo para emerxencias importantes. O Parque Municipal de Ourense xa non sairía, porque sería municipal, o Parque de Bombeiro de Monforte estarían a unha hora, bombeiros da Rúa, máis aínda. E aquí temos cobertura dos GES, tanto do de Maceda, onde eu traballo, como dos GES de Castro Caldelas. Serían equipos asalariados. Entón, como estamos aquí, nós intentamos chegar antes para informar do que está pasando, e se podemos resolvelo e temos ferramentas para resolverlo.
P. Cal é a importancia de Protección Civil para o rural?
R. As agrupacións de voluntarios son as que están máis próximas á emerxencia. Pero, claro, son voluntarios, non podes pedir que estean alí profesionalmente esperando a que pase algo, iso en Protección Civil non é factible. Bueno, temos un teléfono de garda que é onde o 112 nos comunica a emerxencia e a partir de aí intentamos ir o máis pronto posible ver o que está pasando, que o 112 teña unha información real do que está pasando, porque ás veces as informacións fainas un particular ou a propia vítima, que pode estar nerviosa, en shock e moitas veces a información que se lle dá non é o que está pasando realmente, a vía onde está, o punto quilométrico, o lugar, a parroquia... Iso todo é moi importante para que logo os servizos de emerxencia poidan desprazarse alí mellor. E esa sería a función principal de Protección Civil, informar, ou estar o antes posible e dar unha información o máis veraz posible do que está zpasando. E, se mentras non chegan outros medios, digamos, profesionais, podemos intentar resolver o problema da mellor maneira posible. Aquí hai un tópico que di que se non sabes facer, non toques. É dicir, non podemos agravar a situación. Podemos acompañar á vítima, se tes medios e formación, porque hoxe os voluntarios teñen formación. Desde a Academia Galega de Seguridade hai unha serie de cursos onde o voluntariado se pode formar, son cursos que antes tampouco existían. O que queira que se formase ten posibilidade de facelo. Desde hai anos tamén intentamos ter aquí o material necesario, porque, como digo, estamos lonxe de onde están os grupos profesionais para as emerxencias importantes. Nós temos unha zona moi bonita, a Ribeira Sacra, na que os accesos son os que son desde hai anos, o desprazamento pode ser importante, leva tempo, pero por estrada non é fácil, non é rápido chegar se non é en helicóptero. E entón imos resolvendo. Temos camión de bombeiros, temos unha pick-up de intervención con auga, temos unha embarcación neumática que se despraza moitas veces fóra, temos equipos de excarceración… Do material non nos podemos queixar.
P. Cales son os principais traballos que realizan?
R. Aquí, a partir de Semana Santa ata final de ano, temos un tema de turismo importante con xente que vén de grandes cidades, acostumada a autopistas e non a estas estradas. Temos tamén xente que aluga caravanas, e as caravanas teñen unhas dimensións que non ten un turismo. O que fai caravaning sempre, non ten problema. O problema é esta xente que aluga a caravana un fin de semana. Os GPS tamén fan cousas raras ás veces. Traballamos no día a día. En verán é fácil que haxa actividade cultural, os concellos as fins de semana teñen actividades, temas deportivos... E están tamén as emerxencias do 112. Tamén cubrimos temas de seguridade porque aquí non hai Policía Local. Facemos un pouco o que mandan. Moitas veces facemos cousas que tampouco son nosas pero que tampouco hai moito quen as faga... E por parte do Concello de Parada temos todo o apoio. A Xunta de Galicia tamén ten dado material. Somos unha agrupación privilexiada.
P. Acaban de nomealo o mellor voluntario de Protección Civil de Galicia. Que supón este recoñecemento?
R. De Galicia será moito, imos dicir de Ourense. Eu creo que un tema de recoñecemento individual non é o adecuado porque unha persoa soa non pode resolver todo. Eu teño aquí un grupo de xente sempre que poden están dispoñibles. É un grupo de persoas. O recoñecemento debía ser a unha agrupación. Nin eu nin ninguén vai ser un fenómeno que resolva todos os problemas. Unha persoa soa non é ninguén. Por tanto, eu creo que non son nin mellor, nin peor tampouco, son un máis. Intento levar un grupo de xente da mellor maneira que sei. Estamos aí para o que faga falta, no verán estivemos nos lumes importantes desta comarca, porque non había medios e nós temos un camión, unha motobomba grande e estivemos axudando onde puidemos. Estivemos na desaparición dun rapaz que se afogara en Peares hai algún tempo, estivemos tres días con embarcación porque non había tampouco moitos medios. Estivemos en Verín, fai tamén menos tempo cunha desaparición, e intentamos botar man sempre o que podemos, porque tamén temos o nosos traballos e unha vida privada. Entón, o recoñecemento, non vou dicir que non sexa unha cousa que guste, para sería un grupo de xente. É compartido. Hai pouco déronnos unha distinción polo tema dos incendios á agrupación: E isto tamén é un pouco para todo o grupo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Jesús Garrido
LA OPINIÓN
Del mismo sitio al mismo lugar
Ángel Mario Carreño
REFLEXIONES DE UN NONAGENARIO
Dos intocables hasta hoy...