Tesouro, a música no centro do mundo
VIDA
Hai catro anos, nun contexto tan atípico como o da pandemia, xurdiu a semente de Tesouro. O que comezou como un encontro casual para gravar unhas cancións entre Aser e Carlos, compañeiros e veteranos da escena en bandas como Cosecha Roja ou Burgas Beat, converteuse rapidamente nun proxecto sólido e natural coa incorporación de Dani e Anxo. Tras o éxito do seu debut, “Aquí conmigo” (2022), a banda regresa agora con “No centro do mundo”, un disco que reflicte a evolución dun grupo que aprendeu a atopar o seu propio son traballando ao unísono. Carlos Rego fala sobre este novo capítulo, a súa conexión con Ourense e a filosofía de vida que move unha banda para a que, por encima de todo, a música segue sendo un tesouro.
Pregunta. De onde nace Tesouro?
Respuesta. O proxecto Tesouro como tal naceu hai catro anos, máis ou menos ó redor da pandemia. Naceu como unha iniciativa para gravar entre Aser, que é o batería, e eu, xa que viñamos doutros grupos nos que tocáramos antes, como Cosecha Roja e Burgas Beat. Empezamos a traballar xuntos e, cando tiñamos unhas cantas cancións, decidimos que era o momento de gravalas. Aí chamamos a Dani, o baixista, que tocaba nos Amigos dos Músicos, e despois, durante a gravación, sumamos a Anxo, o teclista, que tamén toca nos Guezos. O grupo formouse de maneira bastante natural, sen planificar demasiado. A verdade é que non sabiamos que ía pasar con esas cancións, nin tiñamos idea se íamos editar algo ou non. Finalmente, editamos o noso primeiro disco, “Aquí conmigo”, que saíu máis ou menos a principios do 2022. A partir de aí empezamos a funcionar como grupo e estamos hoxe aquí xa sacando o segundo disco, que acabamos de editalo. Tocamos bastante para o grupo pequeniño que somos, así que esa é, basicamente, a historia da banda.
P. Veñen de grupos con estilos diferentes. De que xeito se complementan e como se verte toda esa experiencia musical neste novo proxecto?
R. É certo que viñamos de mundos diferentes, pero compartiamos moitas cousas. Por exemplo, con Burgas Beat e Cosecha Roja ou coa xente de Amigos dos Músicos, aínda que eles eran un pouco máis novos ca nós, compartiamos o gusto pola música de guitarras e, máis ou menos, de raíz americana. Tamén o gusto polas cancións pop ben feitas, e iso é algo que todos compartiamos. Entón, cada un aporta o seu. Anxo, por exemplo, vén dun grupo de folk ou folk-rock, Os Guezos, pero os seus gustos tamén están no pop; obviamente, se non, non encaixaría. Os músicos dos grupos non só escoitan a música que fan, normalmente escoitan moita música diferente e sempre tes con quen conectar en moitos aspectos con outros músicos. Todos coincidimos en que nos gustan as cancións ben feitas, que o peso recaia nas guitarras e que as letras estean ben coidadas e digamos que o teclado é o que pon as notas de cor.
P. E por que Tesouro?
R. Tesouro é o meu segundo apelido. Entón, cando empezamos o grupo, comenteino con eles. En Tesouro as cousas fálanse e non se discuten; non discutimos nada. Pregunteilles ós compañeiros se lles parecía ben, e a min encantábame o nome para o grupo. É unha palabra fácil de lembrar, agradable, e conectaba coa parte familiar da miña nai, porque eu sempre son Rego para todo. Máis que nada, paréceme un bo nome para un grupo, sonoro. Pregunteille ós demais e non tiven ningún problema. Moita xente nin sabe que é o meu segundo apelido, pero isto non é un proxecto meu, é un proxecto de catro músicos.
P. Acaban de lanzar “No centro do mundo”. Que supón este novo traballo?
R. Este disco é a confirmación do primeiro. O anterior, como dicía, naceu un pouco a “trancas e barrancas”, porque case nin existía o grupo. Naceu durante a pandemia, gravamos “a salto de mata”, vivíamos en concellos diferentes e apenas podiamos vernos para xuntarnos a ensaiar ou gravar. Foi un proxecto creado sobre a nada. Saíu moi ben e todos quedamos moi contentos co resultado e este disco é o da confirmación; é un disco creado a un tempo polos catro, cousa que na outra vez non foi, xa que fomos poñendo cada un o que podiamos. Este ten unha maior riqueza de arranxos, hai máis variedade nas cancións. Segue habendo pop potente de guitarras, pero as cancións están máis coidadas, máis acústicas... É un disco creado polos catro de Tesouro, case por primeira vez.
P. A gran evolución entre os dous sería ese asentamento do proxecto?
R. Exactamente, foi aprender a tocar xuntos os catro. A Dani, que vén de Amigos dos Músicos, xa o coñecía; a Anxo non o coñecía tanto, pero encaixou perfectamente. Non só como músico, senón sobre todo como persoa, porque senón estas cousas non funcionan. Durante estes tres anos desde o primeiro disco aprendemos a tocar xuntos, a montar as cancións xuntos. Non somos nenos, somos xente maior que tampouco dispón de todo o tempo do mundo para ensaiar, nin para gravar, nin para tocar; entón, iso leva o seu tempo. Pero, ó longo dos bastantes concertos que fixemos para ser o que somos, esa foi a gran evolución.
P. E como foi ese proceso de composición?
R. O básico das cancións escríboo eu case na súa totalidade, pero as cancións pasan por un proceso. Isto dino moitos grupos e non sei como fan os outros, pero aquí é real. No proceso a canción chega cunha guitarra acústica e unha voz e vaise desenvolvendo segundo o que os músicos van aportando e o que imos decidindo sobre a marcha. É un proceso de creación conxunto e o resultado son cancións de Tesouro, non de Carlos Rego, e así aparecen firmadas nos discos, porque moitas veces a idea inicial que eu tiña non se parece nada á que finalmente queda plasmada no disco. É un proceso lento, porque somos lentos traballando por todo o que dicía, pero é un proceso moi bonito. Nós temos unha idea do grupo, que é gozar de cada cousa que facemos. Non buscamos ser millonarios, nin vivir da música; xa levamos moitos anos tocando e o noso obxectivo é a felicidade, a satisfacción de quedar contentos coas cancións, coas gravacións e cos concertos. E, de momento, estamos cumprindo eses obxectivos.
P. Nesta ocasión apostaron por sacar unha edición especial en vinilo.
R. Aínda que non somos fanáticos nin maniáticos do vinilo, realmente, hoxe en día, aínda que se diga que xa non se gravan discos e que todos están nas redes, se non sacas un disco como tal e vas sacando cancións soltas, o normal é que recibas moi pouca atención, a menos que sexas un grupo moi establecido ou famoso. Entón, o que presentamos é un proxecto que ten un sentido global. Non é un disco conceptual, pero as cancións teñen que ver unhas coas outras. Fabricamos as edicións de vinilo coa compañía de Bilbao que nos leva, Hanky Panky Records, e eles traballan así. Ademais, démonos conta de que cando os discos se venden nos concertos, a xente prefire levar un vinilo que levar un CD. Coidamos moito a portada, son debuxos dun deseñador de Ferrol moi recoñecido a nivel nacional, Mario Feal. Está moi ben presentado, entón é unha forma de que a xente leve algo que lle lembre ó grupo, algo máis que o simple recordo dun concerto. Esa é a idea.
P. Como traducen este traballo, “No centro do mundo”, ós escenarios?
R. Quitando cousas... Hai moitos detalles que aparecen no disco que non poden aparecer no directo. En directo, o que favorecemos e potenciamos sobre todo é a enerxía e a paixón. Todas as cancións son posiblemente máis rápidas, con guitarras máis potentes. O que buscamos é a conexión co público, así que quitamos moitos adornos para quedarnos no esencial das cancións.
P. Como o está recibindo o público?
R. Pois mira, aínda que non tocamos moitísimo, sempre que o facemos temos moi boa recepción. De feito, imos a Ferrol agora, en xuño. O feito de que nos chamen de novo a sitios onde xa tocamos co primeiro disco significa que deixamos unha boa impresión. Iso para nós é moi importante. Tocamos ultimamente abrindo para un grupo americano na sala Capitol de Santiago; a sala estaba chea, non para vernos a nós, obviamente, senón para ver a Son Riders, pero a recepción foi estupenda. Tocamos tamén un par de veces no Grándola ourensán e no Ceres, e vendemos todas as entradas. Foron concerto moi cercanos, así que estamos moi satisfeitos e ó noso nivel pequeno, estanos a ir bastante ben.
P. Que papel xoga Ourense na música de Tesouro?
R. Ourense é todo, para o bo e para o malo. Está moi presente nas cancións. Eu ó longo da miña vida teño escrito bastante sobre a cidade, non sempre de maneira directa, pero o sitio de onde es, no que te formaches, onde viviches toda a vida, iso pesa nas cancións. Por suposto, tamén pesa o feito de que Ourense non é o Ourense que nos gusta ou que nos gustaría que fora. Ser un grupo de protesta que vai cantando as cousas claramente, iso reflítese nas cancións. Hai unha canción que recuperamos dun poema, que é a última do disco, “Silencio de Ourense”; é un poema ó que Dani lle puxo música e ten moito que ver coa realidade da cidade. É unha cidade que vemos que vai á deriva en moitos aspectos, culturalmente abandonada, con moita xente facendo cousas pola súa conta pero sen ter en conta á administración, pero é unha cidade sen rumbo fixo. Non sei se isto se reflicte explicitamente nas cancións, pero dalgunha maneira seguro que si.
P. Como ven a evolución da escea galega actual?
R. A escena galega é superpotente. Cando eu empecei, era outra cousa; hoxe é unha barbaridade a cantidade de festivais e de grupos que gravan, grupos moi importantes en Galicia e en España. O máis relevante para min é a cantidade de grupos que cantan en galego, que antes non había. E cantan en galego calquera estilo, pop, trap, rap, folk, máis tradicional ou menos. Iso para min é moi importante. Nós somos un grupo que traballamos entre dúas augas; temos cancións en castelán e en galego, non pensamos moito nese sentido, pero a min alégrame moitísimo que haxa música en galego de todo tipo e que teña repercusión comercial, porque hai xente que está facendo cousas moi ben.
P. Onde podemos ver a Tesouro este verán?
R. En Ourense tocamos moito este ano, entón seguramente algunha vez máis haberá, pero o que si temos seguro é Allariz en agosto, nun sitio ó lado do río, na Acearrica; non sei a data exacta aínda. O 26 de xullo estaremos en Ferrol, e despois xa, para o outono, iremos seguramente a Madrid, que non fomos nunca. Temos aí unha oferta para unha sala pequena pero con certo prestixio, que se chama Fun House, e iremos en novembro. Iso é o que temos fixo. Haberá máis cousas, pero neste momento é o que hai. Non somos un grupo de tocar moitísimo, polos nosos traballos temos que afinar moito para facer actuacións, entón actuamos en sitios nos que esteamos a gusto e nos que poidamos facer un concerto que nos satisfaga a nós e ó público.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último