Juanjo Lorenzo, amor e respecto polas montañas de Trevinca
EN CONFIANZA
O amor e o respecto pola Natureza en xeral, e as montañas de Trevinca en particular levou a Juanjo Lorenzo e a súa parella Mónica Rodríguez a cambiar a cidade polo rural e establecerse en A Veiga. Desde esta ubicación onde ven Galicia a vista de páxaro dan a coñecer e poñen en valor un territorio que ten moito por descubrir e ofrecer. Coa sosteñibilidade como alicerce, a montaña é a súa filosofía de vida e convidan a todos a descubrir cada recuncho de Trevinca, escoitando o silencio e enmudecendo o ruido mental.
Pregunta.Como comezou a súa aventura no montañismo?
Respuesta.Nado en Ourense, por motivos laboráis de meu pai tiven que vivir en varias das grandes cidades galegas. Aínda que xa dende cativo sempre me inculcaron o amor e respecto pola Natureza. Finalizados os estudos, Enxeñaría de Montes, comecei a traballar en Ourense. Chegada a “crise dos 40”, así como a algúns se lles da por facerse “runners”, a outros dásenos por darlle un cambio de rumbo a nosa vida. Así que, nese momento, e coa sorte de que a miña parella, Mónica , vibraba, e vibra, na mesma onda, decidimos cambiar a cidade polo rural.
P.O rural elexido foi A Veiga, cal foi o motivo?
R.Descubrimos Trevinca en varias viaxes, e sempre nos fascinou. Sobre todo a súa Natureza case virxe, con pouco impacto do home sobre o medio. Un lugar no que os invernos veñen con bastante neve que se mantén mudando totalmente a paisaxe. Así que nolo plantexamos e decidimos cambiar e apostar por vivir na Veiga, lugar onde residimos na aldea de Xares desde o ano 2016.
P.Unha aposta que non está exenta de riscos.
R.Cando un fai unha aposta deste estilo ten que ter claro vai ter que reinventarse para poder vivir. É decir, se un, por exemplo, traballa de administrativo e quere irse para o rural e seguir sendo administrativo, seguramente vaino ter máis complicado que na cidade. No rural hai oportunidades, pero en eidos diferentes que nas urbes. No noso caso localizamos un nicho de mercado que estaba sen aproveitar: dar a coñecer a Natureza de Trevinca á xente que achegabase a este Territorio da man de guías locais expertos no mesmo. Así que a Mónica e mais eu preparámonos para elo.
P.Como foi esa preparación?
R.Tanto Mónica, Enxeñeira Forestal, coma mín, Enxeñeiro de Montes, xa tiñamos unha base formativa no medio natural á que se sumaba a nosa paixón pola Natureza e a montaña, das que desfrutábamos no noso tempo de lecer en escapadas de fins de semana ou de varios días. Tal como dixemos antes , tivemos a sorte de identificar un nicho de mercado que pensabamos, e cremos, podía ser a nosa oportunidade de vivir no rural dignamente, ó mesmo tempo que facíamos algo que nos gustaba, e tamén pór en valor, dar e coñecer e defender un territorio coma Trevinca. Non o dubidamos e comezamos a adquirir a formación reglada para poder levar legalmente a xente á montaña e en actividades no medio natural.
P.Cóntenos que é o que teñen as montañas de Trevinca que as fan tan senlleiras.
R.Ubicadas entre Galicia e Castela e León, son a cima de Galicia conformado por catro serras: Eixe, Cabrera, Segundeira e Calva que se unen na cúmio máis alto da nosa Comunidade e Zamora: Pena Trevinca, cos seus 2.127 m. Son as nosas auténticas “Highlands galegas”.
R.Estamos a falar dun territorio que é o máximo exponente do glaciarismo na Galiza; na derradeira glaciación - Glaciación Würth – e o longo de 90.000 anos estas montañas e vales estiveron totalmente cuberto de xeo, nalgúns casos de até 450 m de espesor. A día de hoxe. as pegadas dise enorme glaciar son inda visibeis en morrenas e vales glaciares. Tamén salientar que acollemos o segundo conxunto de lagoas, e lagoallos, de orixe glaciar máis importante da Península Ibérica despois de Pirineos.
R.Temos magníficos bosques de frondosas autóctonas ca súa policromía cambiante ó longo das diferentes estacións do ano, turbeiras de montaña moi ben conservadas, grandes descoñecidas para a maioría da poboación, fundamentais coma reguladores da capacidade hídrica da contorna e auténticos sumideiros de carbono, endemismos botánicos, hábitats de interés comunitario, ….
R.Desfrutamos dunha fauna e dunha avifauna excepcional: as montañas de Trevinca están declaradas coma zona de especial protección das aves (ZEPA). En temas de insectos, anfibios, reptis, morcegos …. está todo por facer. E, chegada a noite, somos Destino Starligth, sen dúbida o millor a nivel galego, para abraiarse contemplando as estrellas.
P.Calquera pode achegarse a descubrilas?
R.Partindo de que estamos falando dun territorio de alta montaña, si, calquera en xeral e con prudencia pode, inda que nós recomendamos que o faga sempre acompañado de guías locais de Trevinca. Nós temos un abano de diferentes tipo de actividades/percorridos de maior e menor dificultade, e tamén orientadas aos gustos de cada persoa: percorridos máis de montaña, de raquetas de neve cando a temos, de paisaxe ou mais orientados a realizar unha inmersión nos bosques e na natureza, e actividades de observación de estrelas e de fauna.
P.A xente é consciente das súas limitacións?
R.En xeral si, pero si que é certo que temos atopado algunha xente que non é consciente dos percorridos que van facer. Nós, como guías, facilitamos previamente ás actividades toda a información do percorrido de xeito preciso, as recomendacións para a mesma, a meteo prevista para ise día e todo o necesario para ter unha idea completa antes de realizarla, e, con todo, hai xente, insisto que a que menos pero si que haina, que non lee a información que se lle facilita e se atopa sorpresas.
R.O máis complexo é moitas veces e ser consciente de que “non é día” e saber retirarse a tempo. Hai xente que non mide as súas forzas e quere chegar xa o primeiro día ao punto máis alto (Pena Trevinca), e hai que ir pouco a pouco, adquirindo experiencias, e facendo percorridos máis sinxelos, que te acabarán levando á cima.
P.Que é o que busca a xente na montaña?
R.Nas actividades de astronomía, por exemplo, o perfil é de xente que ven con curiosidade. Curiosidade porque lles soa o de “Destino Starlight” que está de moda e veñen buscando un ceo escuro cheo de estrelas e aprender certas nocións básicas. Noutros momentos, por exemplo, as raquetas de neve, penso que busca experimentar a sensación de percorrer rutas rodeados de grandes cantidades de neve, por certo, un ben cada vez máis escaso é menos frecuente que moita xente nunca viviu.
R.En percorridos de montaña o perfil é máis amplo. Moitos veñen desconectar do estrés, do ruído da cidade e mental. Hai máis dunha e de dúas persoas que nos teñen dito que en Trevinca poden escoitar o silencio, e que se senten pequenos na inmensidade da natureza.
R.Nas rutas de Natureza e de observación de fauna, pode vir tanto unha familia con cativos para realizar un sinxelo paseo entre árbores, sumerxirse na vexetación e reconectar cos sons do bosque… ou simplemente respirar e desconectar do estres das cidades.
P.Hai que temerlle á montaña?
R.Terlle medo, non. Respecto, si. Ao igual que ao mar. Sería interesante facer un chamamento á prudencia en xeral, xa que hai xente que se “tira ao monte” de forma inconsciente e, na montaña, hai que ir ben preparado.
P.Montañismo para principiantes. Algún consello?
R.Primeiro, aconsellamos escomezar no montañismo acompañados por xente con experiencia ou, no caso de querer ir pola nosa conta, previamente recibir formación (Formación=Seguridade): formación en orientación e interpretación de mapas, interpretación de terreo, manexo de cordas, primeiros auxilios... cursos que se imparten por diferentes profesionais da montaña, clubes de montañismo e pola Federacións Galega de Montañismo (FGM).
R.Segundo, antes de calquer actividade na montaña, que sexamos consciente de onde imos estar. Planificar correctamente as rutas. É moi importante informarse ben do percorrido. E, terceiro, valorar na súa correcta medida a climatoloxía. En alta montaña a meteoroloxía pode ser especialmente variable e cambiante.
R.Todos estos consellos penso que é a maneira de que “a túa mochila” acabe levando un bo bagaxe e calqueira persoa acabes tendo a capacidade de ser autosuficiente e desfrutar da montaña con seguridade.
P.Porque a montaña se aparella sempre con reto?
R.Supoño que porque supón un esforzo importante. A nivel físico e mental. Chegar ao cumio leva o seu tempo. Tes que ter constancia. Moitas veces tes que loitar contra a propia mente e alonxar a idea de quedar no sofá, que a mín tamén me ten pasado… (risas). As cousas difíciles son as que máis costan, pero unha vez que as consegues, tamén son as que dan unha maior satisfacción. Cando, despois de andar durante horas, chegas á cima, a veces con sufrimento, o sorriso e a sensación de superación é única. Hai que vivilo.
R.Aínda así para nós é importante que a xente entenda que os cúmios non son o máis importante dos percorridos (é máis importante a compañía, o que vivimos e aprendemos , as sensacións que experimentamos ...) e sempre, tal coma dixemos, é fundamental saber cando debemos retirarnos a tempo (a veces temos días en que por circunstancias non chegaremos ó cúmio, pero podemos voltar a intentarlo outro día).
P.Algún desexo de futuro para esta terra?
R.Dous. O primeiro, poder seguir escoitando o silencio nestas terras (que non se masifique de visitantes o Territorio). E, o segundo, que máis cedo que tarde sexa declarado pola Xunta de Galicia o Parque Natural de Trevinca. Polos seus valores naturais e ambientais merece esta consideración legal de protección a maiores de formar parte da Rede Natura 2000. Dita declaración de Parque Natural, xunto co colindante Parque Natural do Lago de Sanabria conformaría un espazo natural protexido dunhas 60.000 ha. que daríanos unha maior proxección cara ó grande público, coma teñen agora os P.Natural da Baixa Limia – Serra do Xures ou O Invernadoiro.
P.Algunha proposta de ruta para esta xornada dominical por esa terra?
R.Coa calor que se prevé, un plan nocturno de observación de estrelas, aínda que onte, coa lúa chea, non sexan estes os mellores días. Outra posibilidade é ir ata as praias máis altas que temos en Galicia: O Coiñedo ou a Praia dos franceses; dar un pequeno paseo para descubrir a Cántara da Moura, achegarse ao mirador de Valdín, degustar unha boa carne dos gandeiros locais nos locais de restauración… mes de agosto, mes de festas… e festas na Veiga, como non!
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
REFORMA JUDICIAL
Ourense activa su súper tribunal de instancia
TRIBUNALES DE INSTANCIA
La reforma judicial se aleja de las víctimas del machismo en las villas de Ourense
MAYOR SOLIDEZ
Unas uvas con suerte para el COB
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
La Guerra