A luz do Nadal escintila no Belén de Baltar

TRADICIÓN NAVIDEÑA

Hai espazos do Nadal nos que o tempo parece ancorado nos anos, no que todo vai a modo, e nos que o único que importa é tomarse un tempo de paz para ver e sentir. Algo así é a sensación que un sente cando entra na recoleta capela de San Cosme e San Damián e ve o Belén de Baltar

Publicado: 22 dic 2024 - 06:50 Actualizado: 24 dic 2024 - 17:27

Belén de Baltar de Ourense.
Belén de Baltar de Ourense.

Chega o Nadal. Esas datas tan entrañables de decorar a árbore en familia con bolas e figuras ás que cada ano é inevitable sumarlle unha nova; de sacar o Belén do rocho, e ir colocando peza tras peza ata dar vida a unha recreación na que cada detalle conta; de poñer luces de cores, facer que todo brille e que, dalgún modo, a luz poida coa escuridade que un poida sentir; de ir ás présas na búsqueda do agasallo perfecto… Pero máis alá do estridente balbordo que pode chegar a supoñer unha decoración excesiva, as panxoliñas a todo volume, ou unhas luces que non deixan de palpebrar incansablemente, hai espazos do Nadal nos que o tempo parece ancorado nos anos, no que todo vai a modo, e nos que o único que importa é tomarse un tempo de paz para ver e sentir. Algo así é a sensación que un sente cando entra na recoleta capela de San Cosme e San Damián e ve o Belén de Baltar.

A devandita capela, medio agochada no entramado de rúas ourensáns do Casco Antigo, foi erguida no século XVI por Juan de Lares, un mestre ciruxán, que ordeou construila na honra dos santos patróns dos médicos, e cuxas pétreas imaxes presiden a porta principal. Se aínda afondamos máis no tempo, nesta praza ubícabase unha das portas de entrada á cidade, a coñecida como Fonte Arcada.

Foi no ano 1980 cando comezou a restauración deste espazo para acoller de forma permanente o Belén de Baltar. Unha colección que o escultor Arturo Baltar iniciou no ano 1967, por encargo da Asociación de Belenistas da cidade presidida por aquel entón por Amando Prada Castrillo, coa idea de facer tan só o Nacemento en si mesmo. Pero, pouco a pouco, a colección foi aumentanto ata recrear máis dun centenar de figuras de barro cocido de entre 20 e 25 centímetros.

A vida ourensá

Máis alá da temática puramente relixiosa, o Belén amosa escenas da vida diaria, “da vida diaria de Ourense”, acentúa Rogelio Santos, encargado dende fai 13 anos de custodiar este espazo e coñecedor como ninguén da intrahistoria de cada unha das figuras representadas, así como dos mitos e realidades que rodean ao artista. Coñeceuno persoalmente nos seus últimos anos de vida (finou no ano 2017), e foi o mesmo Arturo Baltar quen pediu que Santos se encargase deste espazo.

Son figuras cuxas caras expresan, maioritariamente, certa tristura, un reflexo da época de postguerra que lle tocou vivir ao artista. Rostros realizados con máximo detalle, que logran conmover e que recrean oficios típicos como lavandeiras, pescadores, afiadores, pastores, alfareiros… e tamén están moi presentes os monumentos da provincia.

Un personaxe, unha historia

Entre esas figuras podemos atopar ao propio autor en varias escenas. Unha delas amosao sentado na taberna, compartindo espazo co Bocas, Cibrán e Milhomes, os protagonistas de “A Esmorga” de Blanco Amor que, se fai anos se fixo unha película, xa Baltar os inmortalizara en barro cocido. Un Blanco Amor que tamén pasea, non moi lonxe da taberna, collido dun home de ben coñecido da sociedade ourensán daquelas, o “Chaviñas”, ambos vestidos con elegantes capas e sombreiros.

Seguindo neste recuncho do Belén, para dar vida ao que daquela era o barrio chinés, na esquina da taberna, vestidas de xeito totalmente diferente ao resto de figuras, cun claro sorriso nas súas caras -as únicas con este xesto entre todas-, as coñecidas Nonó e Noalla, “damas de vida alegre” que eran o centro de todos os rexoubeos da época. Tras a taberna, un bordel, no que incluso se pode ver entre as cortinas un bico prohibido.

Arturo Baltar tamén aparece acompañando ao cego do que era amigo. Tras eles un cartel con viñetas nun momento no que a maioría da xente non sabía ler, pero si podía interpretar os debuxos para entender o que pasaba. Unha imaxe curiosa que vai máis alá. Prego de Oliver retratou a Arturo Baltar nun dos seus cadros acompañando un cego.

A terceira aparición do escultor haina que buscar tras o retratista do Belén. Un fotógrafo que ben podía ser o Rizo ou O Mazaíra, e que está inmortalizando á familia de Baltar. El, á esquerda, a súa nai, o seu irmán e a súa irmá monxa. Como fondo, un panel co cimborrio da Catedral.

Seguindo o paseo por algúns dos personaxes reais retratados, está Ramonita Mosquera, “o que era un pibón da época”, comenta, divertido, Rogelio Santos, “e como tal, el representouna como o Anxo Anunciador”.

Coñecida tamén era outra Ramonita, a encargada de levar as maletas ao tren, ou o “Pencas”, que exercía de censurador no “Bilbaína” (visitar o retablo adicado a este salón no espazo expositivo), tomando nota de todo o que alí acontecía e se o espectáculo podía ser apto ou non. Varietés como o de La Maña, unha zaragozana que “era unha fenómena do seu tempo superando con creces a Lola Flores, que tamén estivo na Bilbaína”, comenta Rogelio.

Unha “troupe” de xitanos pasa en primeiro plano, deixando a un lado unhas figuras que observan, atentas, unha cabra subida nunha escada. Esta é unha chiscadela do autor a unha das súas historias que, aínda que ninguén sabe a ciencia certa, forma parte da súa vida. Contaba Arturo Baltar que con 11 anos, apretado polas penurias, marchara cun grupo de xitanos para poder ganar un peso. El adícabase a facer o número da cabra, no que era moi bo, pero a fame que vivían fixo que decidisen matar o animal para poder comer. Con fonda tristura, Baltar aproveitou o seu pelexo para vestilo e facer el mesmo o número sobre a escada.

Non falta Pepiño, un senlleiro personaxe sen pernas que vai nun carro cun peto onde recollía a esmola fronte a porta das Josefinas, nin Manuel, o alfareiro de Tioira, Maceda, lugar onde Arturo Baltar coceu as súas primeiras pezas e quixo, deste xeito, renderlle unha homenaxe. E se en Cataluña teñen os “caganet”, no Belén de Arturo Baltar, hai un mozo ouriñando preto dunha árbore.

Parte da historia tamén se recolle na panadería, onde se aprecian dúas figuras catándose os piollos. Nesa época, a falta de hixiene facía que estes fosen unha plaga e, ante a visita de Pilar Primo de Rivera, os cativos do hospicio foron rapados ao cero, queimáronlles a roupa e dándolles unha nova para recibila.

Os monumentos

Aparecen no Belén de Baltar sitios senlleiros da provincia como a recreación do burgo de Vilanova dos Infantes coa súa torre. “A festa da Virxe do Cristal era unha celebración que Baltar non se perdía nin un só ano”; un pazo típicamente galego co seu palomar, capela e ciprés “pazo é”; un cruceiro coa base chea de nenos “que para Baltar eran o máis puro da sociedade”; a fonte de Santa Mariña de Augas Santas, Santa Eufemia de Ambía… Na cima, San Bieito de Cova de Lobo, en Barbadás. “A nai de Arturo era moi devota e el, ao traballar con barro e auga, padecía frecuentemente de sabañóns. E, por todos é sabido, que San Bieito cura as espullas. Por iso súa nai subía andando a Cova de Lobo, ía a misa, pasáballe un pano ao santo e, despois, ao chegar a casa, facía que Arturo o frotase polas espullas para que curase”, comenta Rogelio. Tamén reflexou os penedos do Tangaraño que, a día de hoxe, seguen mantendo a súa tradición, “aínda que o tangaraño da época fose máis ben a falta de alimento”.

O rural

O mundo rural cheo de vida, con animais, hortas e agricultores adicándose as súas labores, hórreos, medas, o minifundismo “que a xente de fora de Galicia non entende”… e lugares tamén concretos, como unha coñecida adega de Montealegre onde, ás portas está xogando á chave outro amigo do autor, canónigo, que marchou a París e regresou “cheo de ideas innovadoras e medio tolo”.

Árbores, reais e feitas con barro, o quedo discorrer dun río, e o musgo que viviu días mellores “hoxe en día calquera colle musgo que case vas preso”, completan o verde paisaxe.

Preguntas comúns

Rogelio atende cada pregunta, cada dúbida. Algúnhas que chegan aos oídos, son as máis frecuentes:

Como está montado?

“Sobre cinco vigas. É moito o peso que ten que soportar. Cada peza pesa o seu, máis o granito, os complementos…”

E se se funde unha luz?

Hai que cambiala recorrendo con moito tino os camiños marcados”.

Sempre estivo colocado así?

Sempre desde que está aquí. Foi o mesmo Arturo Baltar o que deseñou como debía estar colocada cada peza.

Son todas as pezas iguais?

Hai unha algo máis grande, na parte inferior, primeiro plano. Esa é das primeiras pezas. Cando se deu conta que ese tamaño sería inviable para todas as pezas, foinas reducindo. Rondan os 20-25 centímetros.

Nunca caiu ningunha peza desde que se colocaron?

“Cairon. Varias. Eu non digo nada, pero esto era unha capela, foi lugar de enterramento, e poida que haxa “algo” que non quere que esto esté aquí. Incluso as luces se funden con demasiada frecuencia”.

Espazo expositivo

Como complemento, o edificio anexo restaurado alberga diferentes escenas de pequeno formato, de temática relixiosa e costumista. Son: a Anunciación, a Visitación, a Pousada, os Desposorios, a Adoración dos Reis, a Circuncisión, a Presentación no Templo, a Fuxida, a Matanza dos Inocentes, a Taberna, Alfarería, Botica e A Bilbaína.

Contenido patrocinado

stats