BELÉN EN OURENSE
Unha visita ao tradicional Belén de Baltar
BELÉN EN OURENSE
Luces de cores, árbores cargadas de adornos de diferentes estilos, renos, paquetes de agasallos xigantes… hai mil e unha maneiras de facer presente estas xornadas tan especiais a través da decoración. Pero hai unha que realmente é a esencia do Nadal, que traspasa o significado de “decoración” para converterse nunha manifestación real do significado destas datas: o Belén. Un Belén que aínda se conserva, máis ou menos grandioso, en cada fogar, en tendas, en espazos públicos, adaptándose tamén aos novos tempos, con novos materiais e empregando técnicas de iluminación, son e incluso un maino discorrer da auga para que non deixe indiferente a ninguén dos que os ve.
E entre todos os nacementos, en Ourense, no entramado de rúas do Casco Antigo, na capela de San Cosme e San Damián está un dos beléns imprescindibles: o Belén de Baltar. Unha creación que viu pasar ante el a xeracións enteiras de familias e amigos, que non deixan ningún ano de visitar este nacemento tan especial como se dunha tradición máis destas datas se tratase. Os avós redescubren pezas, os fillos amosanas aos cativos cos ollos ben abertos sen perder detalle. E xusto nise momento se produce parte da maxia de Nadal. A maxia intanxible do momento que permanecerá no recordo.
Ao redor da temática relixiosa, Baltar creou todo un universo de personaxes que reflexan “a vida diaria de Ourense”, comenta Rogelio Santos, encargado dende fai 14 anos de custodiar este espazo e coñecedor como ninguén da intrahistoria de cada unha das figuras representadas, así como dos mitos e realidades que rodean ao artista. Coñeceuno persoalmente nos seus últimos anos de vida (finou no ano 2017), e foi o mesmo Arturo Baltar quen pedíu que Santos se encargase deste espazo.
A capela de San Cosme e Damián foi erguida no século XVI por Juan de Lares, un mestre ciruxán, que ordeou construir a capela na honra dos dos santos patróns dos médicos e que presiden a porta principal en dúas pétreas imaxes. Se aínda afondamos máis no tempo, nesta praza ubícabase unha das portas de entrada á cidade, a coñecida como Fonte Arcada. Foi no ano 1980 cando comezou a restauración deste espazo para acoller de forma permanente o Belén de Baltar. Unha colección que o escultor Arturo Baltar iniciou no ano 1967, por encargo da Asociación de Belenistas da cidade presidida por aquel entón por Amando Prada Castrillo, coa idea de que tan só fose o Nacemento en si mesmo. Desa idea inicial, coa que deu forma a 13 pezas, tan só se conserva unha (á dereita da vitrina, un carro). Pouco a pouco a colección foi aumentanto ata recrear máis dun centenar de figuras de barro cocido de entre 20 e 25 centímetros.
Son figuras cuxas caras expresan, maioritariamente, certa tristura, un reflexo da época de postguerra que lle tocou vivir ao artista. Rostros ao máximo detalle que logran conmover e que recrean oficios típicos como lavandeiras, pescadores, afiadores, pastores, alfareiros… e tamén monumentos da provincia.
Aparecen no Belén de Baltar lugares como o burgo de Vilanova dos Infantes coa súa torre. “A festa da Virxe do Cristal era unha celebración que Baltar non se perdía nin un só ano. Arturo Baltar era moi festeiro e antes as festas eran nas romarías”; a fonte de Santa Mariña de Augas Santas; un pazo típicamente galego co seu palomar, capela e ciprés; un cruceiro coa base chea de nenos “que para Baltar eran o máis puro da sociedade e houbo moitos que non lograron sobrevivir as penurias da época”… Na cima, San Bieito de Cova de Lobo, en Barbadás, nunha homenaxe a súa nai. “A nai de Arturo era moi devota a San Bieito e Arturo, ao traballar con barro e auga, tiña frecuentemente sabañóns. Por todos é sabido que San Bieito cura as espullas. Por eso súa nai subía andando a Cova de Lobo, ía a misa, pasáballe un pano ao santo e, despois, ao chegar a casa, facía que Arturo o pasase polas espullas para que curase”, comenta Rogelio. Tamén reflexou os penedos do Tangaraño que, a día de hoxe, seguen mantendo a súa tradición reunindo a centos de fieis no día de San Bieito, “aínda que o tangaraño da época fose máis ben a falta de alimento”.
Ourense é unha cidade. Pero non fai tantos anos, o rural respirábase ao seu arredor -e aínda hoxe, en certas zonas, rural e urbano conviven en perfecta armonía-. Nese rural aparecen os agricultores, os animais, as hortas, os hórreos, as medas… “que a xente de fora de Galicia non entende”… e lugares tamén concretos, como unha coñecida adega de Montealegre onde, ás portas está xogando á chave outro amigo do autor, canónigo, que marchou a París e regresou “cheo de ideas innovadoras e medio tolo”.
Árbores, reais e feitas con barro, o quedo discorrer dun río, e o musgo que viviu días mellores -as leis medio ambientais prohíben recoletar musgo- completan o verde paisaxe.
Unha vez que se está no Belén de Baltar é preciso pararse a ollalo con calma. E moi recomendable que sexa Rogelio Santos quen nolo describa. Entre esas figuras podemos atopar ao propio autor en varias escenas. Unha delas é sentado na taberna compartindo espazo co Bocas, Cibrán e Milhomes, os protagonistas de “A Esmorga”, de Blanco Amor que, se fai anos se fixo unha película, xa Baltar os inmortalizara en barro cocido. Un Blanco Amor que tamén pasea, non moi lonxe da taberna, collido dun home de ben coñecido da sociedade, “Chaviñas”, vestidos con capas e sombreiros.
Seguindo neste recuncho do Belén, para dar vida ao que sería o barrio chinés, na esquina da taberna, vestidas de xeito totalmente diferente ao resto de figuras, cun claro sorriso nas súas caras -as únicas con este xesto entre todas-, as coñecidas Nonó e Noalla, “damas de vida alegre” que eran o centro de todos os rexoubeos da época. Tras a taberna, un bordel, no que incluso se pode ver entre as cortinas un bico prohibido.
Arturo Baltar tamén aparece acompañando ao cego do que era amigo. Tras eles un cartel con viñetas non momento no que a maioría da xente non sabía ler, pero si podía interpretar os debuxos para entender o que pasaba. Unha imaxe curiosa que vai máis alá. Prego de Oliver retratou a Arturo Baltar nun dos seus cadros cun cego.
A terceira aparición do escultor haina que buscar tras o retratista do Belén. Un fotógrafo que ben podía ser o Rizo ou O Mazaíra, e que inmortaliza á familia de Baltar. El, á esquerda, a súa nai, o seu irmao e a súa irmá monxa. Como fondo, un panel coa torre e cimborrio da Catedral.
Seguindo o paseo por algúns dos personaxes reais retratados, está Ramonita Mosquera, “o que era un pibón da época”, comenta, divertido, Rogelio Santos, “e como tal, el representouna como o Anxo Anunciador”.
Coñecida tamén era outra Ramonita, a encargada de levar as maletas ao tren, ou o “Pencas”, que exercía de censurador no “Bilbaína” (visitar o retablo adicado a este salón no espazo expositivo) tomando nota de todo o que acontecía alí e se o espectáculo podía ser apto ou non. Varietés como o de La Maña, unha zaragozana que “era unha fenómena do seu tempo superando con creces a Lola Flores, que tamén estivo na Bilbaína”, comenta Rogelio.
Unha “troupe” de xitanos pasa en primeiro plano, deixando a un lado unhas figuras que observan, atentas, unha cabra subida nunha escada. Esta é unha chiscadela do autor a unha das súas historias que, aínda que ninguén sabe a ciencia certa, forma parte da súa vida. Contaba Arturo Baltar que con 11 anos, apretado polas penurias, marchara cun grupo de xitanos para poder ganar un peso. El adícabase a facer o número da cabra, no que era moi bo, pero a fame que vivían fixo que decidisen matar a cabra para poder comer. Con fonda tristura, Baltar aproveitou o seu pelexo para vestilo e facer el mesmo o número sobre a escada.
Non falta Pepiño, un senlleiro personaxe sen pernas que vai nun carro cun peto onde recollía a esmola fronte a porta das Josefinas, nin Manuel, o alfareiro de Tioira, Maceda, lugar onde Arturo Baltar coceu as súas primeiras pezas e quixo, así renderlle unha homenaxe. E se en Cataluña teñen os “caganet”, no Belén de Arturo Baltar, hai un mozo ouriñando preto dunha árbore.
Parte da historia tamén se recolle na panadería, onde se aprecían dúas figuras catándose os piollos. Nesa época, a falta de hixiene facía que estes fosen unha plaga e, ante a visita no seu momento de Pilar Primo de Rivera, os cativos do hospicio foron rapados ao cero, queimáronlles a roupa e déronlles outra nova.
Como complemento, o edificio anexo restaurado alberga diferentes escenas de pequeno formato, de temática relixiosa e costumista. Son: a Anunciación, a Visitación, a Pousada, os Desposorios, a Adoración dos Reis, a Circuncisión, a Presentación no Templo, a Fuxida, a Matanza dos Inocentes, a Taberna, Alfarería, Botica e A Bilbaína.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último