Zeltia Outeiriño, directora de “Filmei paxaros voando”, un documental que xurde da “mítica e real crise dos 40”
RECOÑECE A FIGURA DO SEU TÍO
Zeltia Outeiriño naceu en Madrid, pero alí pasou moi pouco tempo e considérase 100% galega, a pesar tamén de que, por circunstancias da vida, leva vivido máis de 20 anos en Barcelona. Dalgún modo é este desarraigo, estar lonxe da súa familia e a súa terra, ao que se lle une un momento vital de desacougo, o que lle fixo levar a cabo o documental “Filmei paxaros voando”. E o que ía ser unha viaxe para descubrir máis da figura de seu tío Antonio Outeiriño, recoñecido artesán textil, acabou sendo unha viaxe intimista que a sorprendeu con novos camiños que abordar. O filme poderá verse mañá, luns día 10, no Cineclube Padre Feijóo.
Pregunta.Antes de nada, darlle a noraboa pola candidatura a un premio Mestre Mateo a “Mellor documental” coa súa ópera prima “Filmei paxaros voando”.
Respuesta.Moitas gracias! Estamos todo o equipo de producción e equipo técnico moi moi contentos. Persoalmente, faime moita ilusión recibir esta candidatura na miña casa, Galicia, e ao lado de filmes marabillosos e de moito nivel como son “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo, “Salvaxe salvaxe”, de Emilio Fonseca, e “Aurora”, de Area Erina. Estar xa entre documentais de tanta categoría, e estar nominada, xa é un premio en si mesmo.
P.Cando comezou o proxecto?
R.Comeceino no marco do Máster Documental de Creación da Pompeu Fabra, un programa que acompaña ese primeiro momento de desenvolvemento dunha película. A partir de aí lanceime á búsqueda de produtoras que me acompañasen na viaxe. E xurdiu a aposta polo meu traballo de Ringo Media de Mireia Graell, con sede en Barcelona, e de Sétima, empresa formada pola produtora Silvia Fuentes e a directora Anxos Fazáns, e que pertence á Asociación Galega de Produtoras Independentes, Agapi. E con esta coproducción “Filmei paxaros voando” acabou vendo á luz.
P.Cal foi a semente que fixo nacer o documental?
R.Parte dun desencanto vital profundo. Da mítica e real crise dos 40. Dende Barcelona, onde resido, miraba o andado e o vivido con moito desacougo. Eu marchara de Galicia, prometera que ía voltar, e non o fixera. Pero tampouco botara raíces en Barcelona. Estaba nese limbo de que a vida non fora o que esperaba, e o meu principal motor era crear películas. Así que aos 40 sentía que todo viña sendo o mesmo que cando tiña 20 anos. Adícabame ao que me gustaba, pero coa precariedade como “estilo” de vida. A esto sumarlle que, na distancia, as relacións familiares aínda se complican aínda máis. A relación coa miña nai era difícil polo universo ideolóxico que nos separaba. Así que, como querendo resolver ese desarraigo cara a miña familia, a miña nai e a miña terra pensei: “fagamos unha película” sobre iso.
P.Unha especie de reconciliación cos seus e o seu entorno a través da súa paixón polo audiovisual.
R.Si, e da man de meu tío Antonio Outeiriño, un recoñecido artesán textil que viviu intensamente e foi unha persoa recoñecida na sociedade e empresa ourensán dos anos 80. Eu quería saber máis del, como fixera para voar tan alto, ser un ser tan libre e, á vez, manter un gran compromiso con Galicia, como galeguista que era, e coa familia. Así, emprendo esa búsqueda tras 20 anos vivindo en Barcelona para filmar a memoria de meu tío. Nas miñas visitas a Galicia, navego nos seus arquivos, nas imaxes, na labor que fixo co textil, e tamén aproveito para facer visita a miña nai.
P.Para refrescar a memoria dos lectores, quen foi seu tío Antonio Outeiriño?
R.Meu tío creou a firma A. Outeiriño, un taller de textil artesán de liño que se ubicaba preto da avenida de Portugal da cidade. Con el sempre traballou sua irmá, miña tía Concha, pero era moito máis nova, e a cara visible, sobre todo neses anos nos que a muller ocupaba un segundo plano, era el. No momento en que falece Antonio, no ano 1992, é miña tía a que da un “golpe na mesa” e di: “el non está, pero aquí estou eu para seguir adiante”. Así ata fai pouco, cando coa pandemia, pechou o taller e agora adícase a ser mestra artesán. Eles investigaron polas aldeas un oficio que case estaba extinto, recolleron maneiras antigas de traballar, e fixeron novos procesos co aprendido. Enfocáronse na moda sen procesos industriais e na consolidación da Asociación Galega de Artesáns. Fixeron desfiles de moda, protagonizaron moitas reportaxes en revistas, xornais e televisión. Incluso eu mesmo desfilei na Coruña vestida de Primeira Comuñón. Con todo, esa idea inicial de gravar a miña historia sofre un xiro.
P.Sen facer “spoiler”, cóntenos.
R.Buscando ao meu tío Antonio, atopei a miña nai, Socorro. Unha muller moi tradicional que acaba ocupando un papel destacado no documental xa que no proceso sofre un repentino empeoramento de saúde. Así, acabo falando dos coidados, da saúde, da sanación, do desfase xeneracional, das relacións, da vida das mulleres, do tipo de atención sociosanitaria que temos…
P.Que lle dixo súa nai cando lle propuxo a rodaxe?
R.No documental hai unha escena fundacional. Eu dígolle “mamá quero facer unha película”. E ela pregúntame que como se vai rodar unha película na intimidade da casa, e amosase reticente a facela. Pero, ao final, dime, “acepto a rodaxe cunha condición: que sirva para axudar a alguén, polo menos ás implicadas”.
P.No proceso tamén houbo un cambio de nome do documental.
R.Inicialmente íase chamar “Patarinos” que era o nome que lle puxeran ao meu avó Pepe que, con tres anos descubriu un paxaro nun camiño, e, sinalándoo para amosarllo ao seu pai, dixo “patarino”, xa que non sabía decir “paxariño”. Dende entón toda a familia somos os “Patarinos de Bentraces”. Na película hai unha especie de metáfora continua cos paxaros e a búsqueda da liberdade. Antonio Outeiriño e a súa irmá Concha tecían artesanalmente, seguindo unha técnica portuguesa, fío de liño e plumas de galiña. Eran traxes que causaban sensación nese momento. Meu pai cría paxaros en cativerio. E, miña nai, rodeaba a venta dunha habitación cunha rede para evitar que aniñasen nela. Gaiolas, paxaros, plumas… patarinos.
P.Pero cambiou a “Filmei paxaros voando”?
R.Cando a miña idea de documental foi evolucionano, polas vivencias coa miña nai, o papel da miña familia, os “patarinos”, perderon certo protagonismo e, na metraxe, por tempos, non podía incluir a anécdota do meu avó. Un amigo faloume dunha anécdota da cineasta Kelly Richardt. Ela, cando rodaba unha secuencia, ante a dúbida, sempre lle decía ao segundo operador de cámara que, se non sabía que gravar, que gravase paxaros voando. E pareceume moi bonito. E así quedou.
P.Como foi o proceso de rodaxe?
R.Ao ser unha película persoal e biográfica que indaga na miña familia, gran parte da metraxe está rodada na intimidade das escenas domésticas coa miña nai e cos meus familiares. Para iso estaba un cámara, un pequeno equipo de son e eu. Para a creación das escenas nas que busco un universo máis onírico e poético, si que estaba presente un equipo de rodaxe máis amplo frente ao que tiña que situarme, algo ao que non estaba tan acostumada. Pero a verdade é que non o recordo como algo estresante, senón como algo divertido. Un paso máis dun traballo no que levaba anos inmersa.
P.Ante a estrea en salas, como se sinte?
R.Contenta. Moi contenta. Poder amosar o meu traballo en diferentes espazos de toda a xeografía é un agasallo. Como o é poder convidar a tanta xente que estivo aí durante todo o proceso e me axudaron desde o primeiro momento a descubrir máis do meu tío Antonio e o seu papel no textil.
P.Sen dúbida é un tema que podemos definir como universal e co que máis de un ou unha se pode sentir identificado.
R.As experiencias que tivemos nas estreas previas foron moi boas. É unha película moi sentimental que fala das relacións humanas, como sanalas e como coidalas, as diferenzas e a liberdade, o desarraigo… Así que o primeiro “feedback” foi moi bo.
P.Con este traballo logrou ese acougo que precisaba?
R.A partir desta gravación cambiou a miña relación coa miña nai. Mudei a miña ollada, entendín, aprendín e recoñecina doutra maneira máis alá do rol de nai e as diferenzas ideolóxicas que nos podían separar. Valorei o seu papel como creadora e artista, xa que ela fora compositora e dirixira varios coros na parroquia e no barrio, -no documental ata gravamos unha canción xuntas na praia-. Eu admiraba a Antonio e valoraba todo o seu traballo, vitalidade, os seus procesos creativos… pero, por non querer parecerme a miña nai, era incapaz de recoñecer a miña nai e admirala na súa faceta musical. Houbo un proceso de sanar o vínculo. Con ela, co resto da familia. E tamén con Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
COLOR DEL AÑO
Cloud Dancer: minimalismo, calma y moda en un solo color
Los ingenieros agrícolas de Ourense renuevan su cúpula
Pepe Paz, presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas: “Temos que facer un novo rural con mais industrias agroalimentarias”
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
As esperas teñen idade?