Carrera San Martiño
Buscador de tiempos

Noemí Vázquez recibe o premio Pedra Alta 2026 do Museo da Limia de Vilar de Santos

"LUXO INMENSO"

Noemí Vázquez, natural e veciña de Piñeira de Arcos (Sandiás), cualificou de “luxo inmenso” ser recoñecida na aldea de Vilar de Santos onde ten a súa taberna, agradecendo o traballo fundamental que o Museo da Limia realiza na comarca desde hai dúas décadas

Alba Barreiro, Mercedes Vieite, Noemí Vázquez e Xan Jardón.
Alba Barreiro, Mercedes Vieite, Noemí Vázquez e Xan Jardón. | Alan Pérez

O Padroado do Museo Etnográfico da Limia compareceu este luns no Liceo de Ourense para presentar a concesión do noveno premio Pedra Alta 2026 a Noemí Vázquez Nogueiras, xerente do espazo cultural A Arca da Noe en Vilar de Santos.

O presidente da entidade, Xan Jardón, explicou que se escolleu o Liceo ourensán porque o Pedra Alta é un premio provincial cuxo recoñecemento transcende as fronteiras limiás. Este galardón outórgase anualmente a persoas ou institucións cunha estreita vinculación e traballo a prol das Terras do Limia. Jardón destacou o valor extraordinario de Noemí por levar o nome de Vilar de Santos máis alá da comarca, subliñando a súa persistencia e a súa gran capacidade de iniciativa ante as dificultades.

A vicepresidenta, Mercedes Vieite, repasou os méritos da galardoada pola súa incansable labor de dinamización cultural no rural. Lembrou que Noemí leva 13 anos tecendo rede desde un concello que non chega aos 900 habitantes, organizando anualmente dous mercados, presentacións de libros e máis de 100 concertos. Un proxecto integral que, segundo Vieite, xera confraternidade veciñal e demostra con feitos que é posible vivir, traballar e crear vida no rural.

Pola súa banda, Noemí Vázquez, natural e veciña de Piñeira de Arcos (Sandiás) e filóloga galega e portuguesa, cualificou de “luxo inmenso” ser recoñecida na aldea onde ten a súa taberna, agradecendo o traballo fundamental que o Museo realiza na comarca desde hai dúas décadas. A premiada puxo en valor o apoio absoluto do Concello e da veciñanza desde que chegou procedente de Sandiás, onde rexentaba A Corte dos Bois. Ademais, reivindicou A Arca da Noe como un proxecto que non tería sentido sen a lingua galega, actuando como un baluarte da identidade e promovendo intercambios culturais coa lusofonía.

O acto de entrega celebrarase o sábado 28 de novembro, ás 12,00 horas, no salón multiusos do Concello de Vilar de Santos. O premio, unha réplica en granito do menhir da Pedra Alta elaborada polo escultor Xosé Lois Carreira, outorgarase nun evento de asistencia libre con actuacións musicais. A xornada concluirá cun xantar no restaurante Novaíño (Sandiás), para o cal requírese inscrición previa.

Contenido patrocinado

stats