Tributo a Noe Vázquez e á súa Arca, un faro cultural

PREMIO Á DINAMIZACIÓN CULTURAL

A fundadora de A Arca da Noe recibiu o IX Premio Pedra Alta polo seu labor de dinamización cultural en Vilar de Santos e o seu compromiso coa lingua e a creación artística a ambos lados da Raia

Mercedes Vieite, Noemí Vázquez, Irene Veiga e Xan Jardón.
Mercedes Vieite, Noemí Vázquez, Irene Veiga e Xan Jardón. | C. L. M.

Vilar de Santos rendeu tributo este sábado á cultura do país a través da figura de Noemí Vázquez Nogueiras (Sandiás, 1982). Coñecida por todos como “Noe”, esta profesora de galego e portugués e dinamizadora cultural fundou en 2014 A Arca da Noe, a taberna cultural que converte o municipio máis pequeno da provincia no que acolle o maior número de actos culturais ano tras ano, entre concertos, presentacións e outras actividades, con énfase na creación a ámbolos lados da Raia.

O salón de actos do Concello reuniu veciñanza, familiares, amizades e autoridades -como o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e o profesor e lexicógrafo Isaac Estraviz- para ver a Noe recibir o IX Premio Pedra Alta que entrega o Padroado do Museo da Limia. O seu secretario, Rafael Adalid, leu a acta da renovada directiva, que enxalzou A Arca da Noe como “faro de dinamización e resiliencia artística, cultural e social na Limia”.

Fundada por Noemí Vázquez en 2014, A Arca da Noe é o espazo que acolle maior número de actos culturais de toda a provincia de Ourense

Emocionada, Noemí agradeceu as tres décadas de labor do Padroado e celebrou recibir o galardón “na casa”, ao tempo que evocou as súas raíces: “A nena de Piñeira que xogaba ao escondite estaría impresionadísima con isto”, confesou, lembrando tamén á adolescente que espertaba á “consciencia de país, de lingua, de cultura”. Aproveitou para dedicar o premio “a Rosita e a Juan, que hoxe estarían aquí, porque acreditaban no proxecto e na comunidade, pase o que pase, veñan ou non tempos escuros”, concluíu.

Música como raíz

Na laudatio, Irene Veiga repasou o compromiso lingüístico da Noe -dende o activismo lusófono ata a etapa á fronte da Corte dos Bois e a obra colectiva “Oceanoe”- para definila como alguén que, “alén de morar nos lugares, os fan florecer”, unha muller que “transformou a súa palabra en abrigo, a música en raíz e a terra en lugar de encontro”.

O presidente do Padroado, Xan Jardón, subliñou que por vez primeira o premio recae en quen traballa “no cerne de Vilar de Santos” e fixo unha petición: “Noe, taberneira, continúa a túa andaina, non soltes ese fío que fai da Arca un refuxio, unha casa, un fogar”. Tamén o alcalde, Marcos Nogueiras, reivindicou que “A Arca é formación, desenvolvemento local e a nosa vila”. O acto pechou cunha actuación das Xingras da Arca, previa ao xantar de confraternidade e foliada no Restaurante Novaíño.

Contenido patrocinado

stats