Aprendizaxe vivo no Bibei

EXCURSIÓN ESCOLAR

O centro educativo vianés visitou o municipio veciño de Vilariño de Conso co obxectivo de promover experiencias que converten o alumnado en protagonista do seu propio proceso educativo a través do entorno natural, a cultura e o patrimonio

Alumnos do CEIP Bibei durante a visita ao museo de Vilariño de Conso.
Alumnos do CEIP Bibei durante a visita ao museo de Vilariño de Conso.

Aprendizaxe viva. Esa é a filosofía pola que aposta o centro educativo vianés CEIP Bibei, promovendo experiencias que converten o alumnado en protagonista do seu propio proceso educativo.

A visita a Vilariño de Conso foi un exemplo desta maneira de entender o ensino. Os pequenos vianeses puideron aprender en contacto directo coa contorna natural, cultural e social da comarca.

Baixo o nome de Riolimpa, a xornada comezou cunha recollida de residuos ao longo do río Conso, afluente do Bibei. Posteriormente, puideron clasificalos nos colectores correspondentes para facilitar a súa reciclaxe. De xeito paralelo, realizaron unha toma de mostras de auga para a súa posterior análise no laboratorio do centro, “onde estudaron o nivel de acidez ou alcalinidade da auga, un factor esencial para a supervivencia da flora e da fauna acuática”, explican as docentes.

Esta actividade estivo coordinada polas mestras responsables de dous importantes programas educativos do centro: o Plan Proxecta (Ríos) e o proxecto para o CEAM “Vixiantes ambientais no río Bibei para un futuro sostible”.

Boliños preñados e empanada elaborados polos pequenos.
Boliños preñados e empanada elaborados polos pequenos.

A elección do río Conso non foi casual, xa que, segundo apuntan, “destaca polo seu fácil acceso, o seu percorrido entre rochas e pendentes, a presenza dun fermoso bosque de galería e a espectacular paisaxe que ofrece ao longo do seu curso, ademais das súas augas transparentes e frías”.

Como complemento á actividade ambiental, o alumnado visitou o Museo Etnográfico de Vilariño de Conso, onde puido descubrir unha ampla colección de ferramentas agrícolas, utensilios domésticos, traxes tradicionais ou obxectos relacionados con antigos oficios xa desaparecidos. Como non podía ser doutro xeito na terra do Entroido, tamén coñeceron unha sección especial dedicada á historia desta tradición.

Sabores e lembranzas doutro tempo, a través dunha fornada de pan no forno tradicional de Castiñeira puxeron o punto final a esta iniciativa. “Foi unha auténtica experiencia de aprendizaxe viva. Máis alá das aulas, os nenos de sexto de Primaria non só gozaron dun día inesquecible de convivencia, senón que volveron á casa cunha nova mirada sobre a súa contorna”, sinalan as docentes. “O patrimonio natural e cultural de Vilariño é un tesouro que lles pertence e que teñen o poder, e tamén a responsabilidade, de protexer no futuro”.

Aprendizaxes, emocións e momentos compartidos que quedarán gardados na memoria do alumnado. Entre ríos, tradicións, recendos a pan recén feito e historias doutro tempo, aprenderon a sentir, coidar e valorar aquilo que forma parte das súas raíces.

Contenido patrocinado

stats