O Museo da Limia decide crear o Premio Pedra Alta
CULTURA
O primeiro distinguido co galardón é o etnógrafo e profesor Elixio Rivas
O Consello Asesor do Padroado do Museo Etnográfico da Limia decidíu crear o Premio Pedra Alta, un galardón que ten como obxectivo "recoñecer o traballo e dedicación de persoas ou entidades, encamiñados a pór en valor o coñecemento do pasado, a análise da realidade actual, a creación intelectual, os elementos identitarios ou o apoio ao desenvolvemento económico e social da comarca da Limia". A creación do premio foi acordada polo Consello Asesor do Padroado do Museo, que se constituía o día 30 de setembro en Vilar de Santos e cuxo cometido é definir e planificar a programación de actividades desta entidade.
Forman parte deste órgano, que conta coa colaboración do exdirector do Museo de Ribadavia Xosé Carlos Sierra, máis de 20 limiaos, entre os que están o alcalde de Vilar de Santos, Xoan Jardón; o catedrático de Lingua e literatura Galega Delfín Caseiro, o historiador Edelmiro M. Cerredelo, os arquitectos Manuel Seoane e Lola Peláez, o exalcalde de Vilar de Santos Antón Jardón, o exdirector do CPI de Rairiz Carlos Cid Arregui, a dona do café cultural "A Arca da Noe" Noemi Vázquez, a xerenta da librería Nóbel de Ourense Celia Fernández Clemente, o director da revista Lethes, Xosé Badás e o escultor Xosé Lois Carrera.
Nesta primeira reunión o Consello Asesor decidíu crear o devandito premio e concederllo na súa primeira edición ao lexicólogo, etnógrafo e profesor Elixio Rivas Quintas. Este naceu en 1925 en A Abeleda (Xunqueira de Ambía). Padre paúl, con destinos en Inglaterra e Cuba, de onde foi expulsado após o triundo da Revolución Cubana, en Galicia exerceu a docencia en Pontevedra e no colexio dos Milagros (Baños de Molgas) e nos campus de Ourense e Lugo. O Consello Asesor pón de manifesto que Rivas Quintas desenvolveu un labor infatigable nos ámbitos da lexicoloxía, a Onomástica, a Toponimia, a Filoloxía e a Etnografía e é un dos máis importantes estudosos do territorio limiao e da ruta sur do Camiño de Santiago.
Na mesma reunión o Consello asesor tamén decidíu abrir ao público, na segunda quincena de xaneiro de 2018, a nova sala denominada Biblioteca da Limia, na que estará exposta a obra de 28 escritores limiaos. Así mesmo, deuse a coñecer a nova xunta directiva, que está encabezada por Xoan Jardón, alcalde de Vilar de Santos, como Presidente de Honra; e Delfín Caseiro Nogueiras, como presidente do Padroado.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
UN VASCO EN GALICIA
Tomiño, el hogar habitual del Premio Nacional de Artesanía
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Trump interviene en África