'TRAPABOCHA'

Cando naquelas datas, xa lonxanas, cheguei á capital, Ourense, chamou miña atención, baténdome nos ollos dende tódalas paredes, unha morea de carteis ou posters nos que destacaba a mesma verba, que resultou ser un acrónimo: Trapabocha.
A quen lle preguntei non soubo respostarme entón. Logo, pasado algún tempo en outro desplazamento, entereime xa, pois estaba formada tal palabra polas sílabas iniciais de outras catro: trapos, papel, botellas, chatarra (TraPaBoCha), e viña a ser como unha chamada á conciencia das xentes para conquerir unha obra onde se recollerían a moitos nenos orfos, abandoados ou maltratados. Non era doado. Máis ben, unha utopía. Non había fondos, os tempos eran calamitosos e só a unha persoa como o P. Silva se lle ocurriría cousa tan orixinal, precisa e difícil o xeito para poder comenzar o que matinaba e tanto cobizaba.

Recoller trapos, papeis, botellas e chatarra, que logo se vendesen e trocasen en cartos que farían todo posible. Tamén se tentou con tómbolas e outros medios. Polo que vin, parece ser que os resultados foron satisfactorios. Explicareime.

Baixando pola avenida de Pontevedra a bordea-la botica 'Román' enfilei o Viaducto das Burgas camiñando por unha das beirarrúas namentes que contemplaba. Pareime un chisco cos cóbados apoiados na varanda esquerda e vin como dos canos saían os chorros fumarentos da fonte que tanta sona tivo sempre que se falou de Ourense e que algúns tiñan como sanamento do tangaraño e outros males. Máis pretiño, na súa hornacina a Virxe vixiaba o deambular e trafego das xentes que frecuentemente lle deixaban, con amor e fe, unha oración ou unha esmola.

Ia eu, cobizosa, a topar en algures a resposta materializada os carteis. ¿Ula? O final da Ponte, frente ás palmeiras que se albiscaban no patio das Josefinas, tesas como sentinelas, había unha casa da nai do P. Silva onde sobre súas paredes albares salientaban, en negro, uns trebellos feitos quizais xa nalgunha forxa da que sería a gran obra. Non sei ben o tempo que alí estivo, como célula o prólogo do que viría logo, pero si que se mercaría a poucos kms. o predio chamado Benposta onde agromaría a Nación ou 'Ciudad de los Muchachos' fundada en 1956 polo P. Silva. Contou con tódolos estamentos e servicios de calquera outra, ata estación de servicios atendida polos mesmos cidadáns, Concello, etc. Máis tarde o Circo con artistas propios formados por mestres traídos a el, con Escola do mesmo (a única en España). Co circo percorreron moitos países, Xapón entre eles, triunfando na maioría, mais non recoñecidos na propia terra ás primeiras, según teño entendido.

Non me podo estender en demasía no tema xa que vivín (agás o tempo dos estudios) fora da capital ourensá, acudindo a ela só pro necesidade médica ou a comerciar. Nembargantes, engadirei, asemade, e importancia do labor humanitario e formativo levado a cabo en todo lugar en que o devantido circo pasou e deixou súas pegadas.

Te puede interesar
Más en Cartas al director