Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
Una mierda de Nochevieja
José Paz -así escrito en reintegrado galegoportugués como a el gusta e debera ser- é un ourensano da Corna, aldea empoleirada nos montes de Piñor de Cea, a primeira da diócese de Ourense, vindo de Compostela. E como todos os desta bisbarra, entre Oseira, o Arenteiro e a Madanela, é teimudo, profundador, afeito á cultura dos camiños, á tolerancia das encrucilladas, amigo dos amigos e sempre cun sorriso agasalleiro por diante. Tamén nestas terras montesías tiña devanceiros Camilo José Cela, e notábaselle ben, escenarios que aproveita como inspiración neoesperpéntica para a súa 'Mazurca para dos Muertos'. Terras de feirantes, de franciscanos, como Xoán Xacobo Fernández, mártir en Damasco, dos Legísima, do campeón de loita libre o 'Gorila'.... José Paz é dos que leva unha estrela na fronte e no bico un cantar.
Alí, na Corna, a carón da vella estrada de Ourense a Compostela, coida a súa casa de ida e volta e ás súas queridas pantasmas. Pasa e fai pousada e fonda fixa en Auria, cidade- roda de afiar, da que é faísca de luz, couto ou nimbo que é o noso Ourense.
José Paz, ten os pes na Terra: fondo coñecedor do Seminario de Estudos Galegos, de 'Nós' e da súa sementeira de 'bos e xenerosos', onde Ourense tanto aportou con Vicente Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo, Xocas e moitos que o mesmo Paz e outros tivemos o privilexio de coñecer. Bo seminario para un sucesor de don Vicente Risco, como profesor de Didáctica na Escola Normal de Ourense, da que foi director. E agora na Faculdade de Educación do campus ourensano. Profundador e bebedor da fonte do modernismo dos 'inadaptados' os que dando voltas 'arredor de si' descobren que no seu mesmo país hai un universo por atopar, que 'ser diferentes é ser existentes'. Eles abrilantan a identidade, a distinción dunha Galiza entón negada, deste extremo occidente. Introducen as novidades de Europa: James Joyce, o Krausismo, as referencias a Mitteleuropa.... xunto cos ventos orientais exóticos, humanistas, pacifistas, do pensamento e da literatura de Rabindranath Tagore, aquel que tentaba integrar o Oriente co Occidente. E neste Extremo Occidente, cabo do mundo do mapamundi, Don Vicente Risco era un precursor á moda, até que o lostregazo da guerra dividiu e sementou morte, exilio, medo e atraso. José Paz retoma camiños e segue, nimbado tanto da aura de Ourense como da de Tagore, natureza, fraternidade, poesía, arte, língua, música.... e o seu traballo en e por Galiza interprétase desde este mesmo harmónico pentagrama. José Paz estivo e está sempre nas vangardas da sociopedagoxia, sabe do valor multimedia, criou e animou as 'Xornadas de Cinema de Ourense', o gran camiño dos audiovisuais e o multimedia como soporte de arte e da educación, as 'Xornadas do Ensino' da ASPGP, e alá polos anos oitenta levou ao cabo do mundo, a Corcubión, unha Escola de Verao da que aínda hoxe se fala.
Sabe el moi ben que na Galiza metéronnos no corpo o complexo de illotas e moitos outros esperpentos e que aquí, para ser científicos, así como para abrir camiños de pasado e futuro, compre mirar sempre a Portugal, e non con ollos de veciños, senón de irmaos cunha longa Historia en común. As xornadas sociopedagóxicas galaico-portuguesas foron un exemplo no que compre seguir e lembro a valiosa colaboración de Isaac A. Estraviz, de Manuela Ribeira, Adela Figueroa e tantos outros.
O que ven ao conto agora é que José Paz sabe administrar o seu lecer. É dos que profesa a súa profesión, o ensino, quere compartir o que ten aprendido e colle os camiños que lle pide o corpo e o 'espírito santo' que leva dentro, que son os da India de Tagore: desde a Calcuta onde naceu o escritor no 1861 até as escolas experimentais de Santiniketan na Bengala Occidental, onde morre no 1941. Paz anda e enxerga fondamente os escenarios da vida de Rabindranath Tagore, fuxe diste inverno e alá vai grandes tempadas: faise veciño e amigo dos amigos de Tagore, ten seguidores que souberon captar a súa entrega e valía e xa o reclaman como seu. Paz ten o corazón fendido. Esa vella atracción por Tagore levouno a formar e especializar unha grande biblioteca, xa con mais de 30.000 volumes sobre o pensador e criador. E por iso cavila agora no futuro, as ofertas na India non lle faltan: a Universidade Internacional Bengalí de Visva-Bharati mima e dalle todas as atencións ao galego, sábeno ben na embaixada de España neste país, sabeo ben Casa Asia, a que tamén se interesa polo fondo. Pero José Paz é ourensano, e practícao. Tivo conversas co Conselleiro de Cultura e a un tempo co director da Casa Asia, coa ansia de conveniar e darlle espazo a Tagore na Cidade da Cultura de Compostela, e cunha premisa no norte da bússola dos desexos: que o proxecto tería implicacións na India e en Ourense.
Pero por aquí, entre tanta burocraza e protocolo, nen se ata, nen se desata, nen fan, nen deixan. Namentres xogan aos malabares coas ilusións. O tempo en contra. Polo de agora esa biblioteca, a grande fonte documental sobre o Tagore pensador e criador, que escintila e segue a iluminar o porvir, almacénanse e medra nunha emblemática casa ourensana. Nos anos andados moitas cousas semellantes temos visto e case sempre con final triste para os galegos que teñen os sentidos postos. Logo laiarémonos. Paz quere que os libros queden no Ourense que el quere, pero a cidade tampouco resposta, como tampouco lle respostou á pantasma de Vicente Risco, nen de Otero Pedrayo para recuperar as súas casas da rúa da Paz, un sitio onde explicar a Xeración 'Nós' , as ansias da 'Alba de Gloria' e de Auria. Ese mesmo Ourense que agora semella incapaz de recuperar, moitos outros recursos de distinción e turismo, como aquel rincullo de 'O Volter' dos Artistiñas... e toda unha letanía de cousas que ennobreceron á 'Atenas de Galiza'. Compre agasallar e dar resposta ás ansias, ao bon facer de Pepe Paz da Corna, o de unir, como quixera Risco, José Angel Valente e moitos de nós, os dous cabos filosóficos do misterio que tentou Tagore: o oriente co occidente e sempre no centro do circulo baril de Ourense.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
Una mierda de Nochevieja
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Unha próxima e antiga representación dos Reis Magos
Juan M. Casares
CASTELLUM HONESTI
Acha-lo tempo pensado
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Apuntes, políticos, de Venezuela
Lo último
CITACIÓN PARA AMBOS
Salazar y Zapatero acudirán a la “comisión Koldo” del Senado
VICTORIA IMPORTANTE
El COB se hace gigante en el derbi en un Pazo entregado (96-93)
PASIÓN POR EL BALONCESTO
Galería | Tarde de baloncesto y derbi gallego en el Pazo, en imágenes