Murallas de arames

Murallas de arames

Os galegos sabemos moito do pequeniño, temos o minifundio incrustado no territorio, na herdanza e na mente, somos como a expresión pura e lisa do reparto e do parcelamento. No noso territorio hai paredes de pedra, de granito do Porriño, de lousa laminada de onde sexa e de cor gris ou negra. Hai paredes e valados de terróns arrancados coa legoña, sebes con estacas de castiñeiro e de salgueiro entrelazadas coas ramas das xestas floridas e, despois, secas. Hai leiras tan cativas que só dan para alindar unha vaca ou un par de ovellas. Leiras que se miden por cuncas, celamíns ou por cuartillos, tan reducidas como a liberdade que encerran.

O mundo, como Galicia, está cheo de valos que constitúen cerrados con fronteiras pechadas con aramados aguzados, e moitos quilómetros de lonxitude. Mentres estes cerrumes se robustecen, os políticos entretéñense falando da igualdade ou da solidariedade e a pobreza, a miseria e a tristeza van aumentando aos seus lados, xerando máis padecemento e máis sufrimento. Quen sexa capaz de ver o mundo tal como é, quédase de pedra, momificado e incrustado na parede.

Donald Trump anunciou o seu propósito de engordar, agrandar e reforzar o muro que separa a Estados Unidos do veciño México. Puxo aos pensadores a reflexionar sobre a inconveniencia destes atrancos, sobre a inutilidade da lide do home contra o home. Neste caso, a construción comezara en 1994 e o seu obxectivo era “impedir a inmigración ilegal”. Trátase dunha parede que impida o tránsito das persoas, como a barreira que separa Israel dos territorios ocupados, ou o muro Evros, erguido en 2012 na fronteira entre Grecia e Turquía, para atrapar aos “sen papeis”, homes, mulleres e nenos, procedentes de Asia e África, que buscaban pan.

Hungría, co mesmo obxectivo, constrúe ao longo da súa fronteira con Serbia un valo metálico de catro metros de altura. Non parece certo, pero aí están, como sinal de mal, os arames cortantes que impiden a entrada en Ceuta e Melilla dos pobres famentos que veñen de Marrocos. Demasiados muros para manter as desigualdades, para frear o desenvolvemento. Caeu o de Berlín, aquel símbolo da Guerra Fría e, nestes novos tempos, aumenta outra vez a construción de sofisticadas paredes fronteirizas, murallas de arames, para vergoña da humanidade.