Novos planetas

Averdade é que nunca outro tal me pasara, ía cara a casa e a alegría do taxista sorprendeume: “Gañou o cambio –dixo, con certa euforia- gañamos os que queremos en Madrid un goberno con grande forza de Galicia, da Galicia nosa; os que non sabemos facer outra cousa máis que traballar e aos que sempre nos obrigaron a calar”. Pero, amigo –segue o monólogo, interrompendo os comentarios da radio- se estou contento non é só por iso da votacións de hoxe, que tamén! A miña sobrada ledicia ven da man do grupo de científicos australianos, liderado por Duncan Wright, da Universidade Nova Gales do Sur (UNSW) de Sídney, que descubriron estes días, fora do Sistema Solar, tres novos planetas.

Son tres planetas que rodean a unha pequena estrela vermella, a uns 14 anos luz de distancia da Terra. Un deles, Wolf 1061c, “poderá ser potencialmente habitable”. Os científicos din que a proximidade deste planeta con nós, coa Terra, “abre posibilidades de aprender máis sobre o mesmo, de estudar a súa atmosfera e de saber se posúe condicións apropiadas para a vida”. Pero non debe esquecerse que 14 anos luz é unha distancia considerable, 132 millóns e medio de millóns de quilómetros.

A mediados do século pasado, falábase da carreira espacial e das primeiras fotografías da cara oculta da Lúa e, xa en 1961, Yuri Gagarin convértese no primeiro home que viaxa ao espazo. Por aquelas datas, os rusos xa tiñan anos de experiencia na carreira espacial e xa se sabía que o universo era, cando menos, o dobre de grande e moito máis vello do que se pensaba.

A estrela pequeniña, descuberta polos australianos, e os tres planetas enormes xirando sobre si mesmos no seu arredor, lémbranlles aos científicos o que Aristarco de Samos (xeómetra grego e destacado observador dos solsticios e equinoccios) dicía da distancia entre a Terra e o Sol, uns 300 anos antes de Cristo. O bo do taxista, que non se pode imaxinar ao volante dun foguete e sen reparar no tempo e na distancia, conta que, a pesar da enorme magnitude do Universo, en 1995 descóbrese o primeiro planeta extrasolar e en 2005 xa eran 100 os coñecidos. Como di a Tía Manuela teremos que convivir cos extraterrestres: “xa ves aos gobernantes, non poñen pé na terra”.