Esculturas de Buciños, óleos de Antón

ARTE ET ALIA

Publicado: 09 mar 2026 - 05:40
Conversa interxeracional.
Conversa interxeracional. | La Región

Foi en outubro de 2003 cando presentábase “O taller do artista” no marco do Outono Fotográfico no Centro Cultural da Deputación de Ourense, despois bautizado Marcos Valcárcel, de onde CCMV, nas siglas. Fun á exposición coa curiosidade debida á revelación dos espazos nos que escultores e pintores cociñan a súa arte, privados e misteriosos, os sancta santorum da creatividade. Foi toda unha revelación velos converterse ante a cámara nuns locais sen a aura que lles supuña, dende o peso dos artistas de noutrora, que coñecía pola historia. Detrás, un novo artista ourensán, Antón García de Buciños Nóvoa (n. 1971), de apelidos-chave para a elaboración da proposta, que viña apadriñado pola Fundación Florencio Álvarez-Mª Teresa Esteban, quen colaboraba na edición do catálogo. Coñecín aí que se licenciara en BB.AA. pola Universidade de Salamanca, e que viña participando dende 1992 en mostras colectivas. En 2001 estivera en Vigo na Ad Hoc, altura na que pasara pola feira ARCO, Madrid, unha pancada nas costas de respaldo das Galerías a unha prometedora traxectoria, e posta de largo tamén. De 2005 é unha mostra no CCMV con textos de Rilke no catálogo, que o artista firma a. b., afirmación ao modo e. e. cummings (+1962), pintor, autor de ensaios e poeta de culto, coñecido por refugar as maiúsculas e a súa heterodoxa puntuación. Elo xúntao tamén á poesía de Pablo Sánchez Ferro, amigo seu, que escrebe no catálogo da presente mostra na compaña do seu pai, o recoñecido escultor Manuel García Vázquez, de Buciños (n. 1938, Carballedo, Lugo), apuntando no texto que teñen “unha ética do traballo compartida (honestidade, persistencia e beleza)”.

Un Antón.
Un Antón. | La Región
Manolo de Buciños, artista de grande sombra na arte galega dende fai máis de seis décadas, arróupao cunha manchea de obras feitas na súa morada-taller, substantivas figuras humanas, pel e movemento, de iconografía ben coñecida

Antón pinta cadros multicromáticos, poemas visuais nos que matina andrómenas coas cores dispostas en amplas manchas superpostas sen perder a harmonía da complementariedade. Pinta sobre o piso, aplicando as cores coas mans cubertas por luvas, ou tamén a brocha ou un pau. O xestual domina os óleos sobre lenzo na tea, por veces no cabalete. Síntese traballando “nun mundo efémero, breve, instantáneo” e quere manter “a ilusión do inefable”, compartindo taller na casa do seu pai preto das Torres do Pino, onde viviu a familia.

Parella embarazada.
Parella embarazada. | La Región

Manolo de Buciños, artista de grande sombra na arte galega dende fai máis de seis décadas, arróupao cunha manchea de obras feitas na súa morada-taller, substantivas figuras humanas, pel e movemento, de iconografía ben coñecida, un elenco que amosa de novo como naquel marzo 2020 pre-Covid con Diario de artista, nas mesmas dúas salas, da man da Fundación Xoán Piñeiro. Son pezas de 1962 en madeira, ata a pedra soa que, máis adiante, engadiu ao bronce, formas que o definen, aínda que teña salientables pezas broncíneas monumentais. As maquetas delas, aquí están dando fe. Amosa como novidade unha obra feminina, de bronce e cuarcita rosa. E o tema dos amantes espidos, parellas ora en madeira, ora en bronce. E outras vestidos e de tres cuartos, ela grávida. No busto da parella nova agardando a maternidade, tenro grupo, leo a John Keats: “La belleza es verdad, la verdad, belleza. Es todo lo que necesitas saber”. Son, pai e fillo, no baixo deste edificio no que Manolo ten chantada unha obra-árbore, raizame de vida, baixo da luz cenital.

Contenido patrocinado

stats