Xente de a pé

Estamos no ano do centenario das Irmandades da Fala e, por tal motivo, na semana pasada, a Universidade e outras institucións renderon homenaxe a Luís Porteiro Garea, un dos fundadores das Irmandades en Santiago, o profesor que pronuncia a primeira conferecia en galego na Universidade, sendo un dos seus novos profesores de Dereito. Esta homenaxe serviu par lembrar varias historias, incluso para reler Da terra asoballada de Ramón Cabanillas, onde hai un poema, ¡En pé!, dedicado a Porteiro e no que o `poeta da raza´ fala do asoballamento dos galegos e reivindica un país libre.

Un país libre para todos os homes e mulleres de a pé, para os que o merecen e o queren. Libre de incompetencia e de incompetentes, así sería un bo país para vivir “co corazón aberto a toda verba amiga” e libre de medos. Que lle parece? A tía Manuela, neste caso, lembra un dito de Aristóteles, “quen supere os seus medos será verdadeiramente libre”, independentemente da súa condición social.

Os de a pé tamén teñen dereito á liberdade, son cidadáns coma os outros, tan importantes coma calquera dos cidadáns do mundo mundial. Son maioría ou máis aínda, son os que teñen que asumir a responsabilidade de xuntarse para defender os seus intereses, seguramente coincidentes cos dos máis dos lectores deste artigo e, obviamente, cos de quen escribe. Os de a pé son como os de a cabalo, homes e mulleres que traballan, que dialogan falando e laboreando para acadar acordos que melloren as condicións de vida das maiorías encantadas e/ou insatisfeitas. 

De todo hai baixo do sol, que por certo, este ano sorprendentemente quenta agarimoso nesta terra nosa, onde sabemos que a liberdade, como dicía Albert Camus, debe ser un principio do noso pensamento, do pensamento de tódalas persoas normais e correntes, da xente de a pé. A xente de Galicia, de a pé, silandeira e traballadora onde toque, na función pública, na ensinanza, na sanidade, no sector primario, na pouca industria, nos servizos e na emigración sempre maldita. Xa se ve, hai motivos para esixir e, como os das Irmandades da Fala, é conveniente ser recios e non deixarse dobregar polas fantasías dos que queren homes libres “pra servir e pra non ser”, dos que lle dan vigor á Letanía de Galicia de Uxio Novoneyra, o grandísimo poema de 1968 que ninguén debe esquecer.