Opinión

Sensos e Miraxes

Están Nito Contreras e Santi Barreiros na Galería de exposicións da Fundación Risco, en Allariz, este mes. Ambos artistas repiten a experiencia tralo seu paso pola Galería Visol de Ourense fai dous anos. Daquela Santi e Nito con ‘Naturalmente’, e desta volta son Nito e Santi con ‘Cinco sensos á deriva’. E escollen de novo a Primavera, que neste ano é o tempo anual do rito cristiá do renacer, da coresma á pascua: per Crucem (Semana Santa) ad Lucem (resurrección). Así tamén eles. Achegámonos ata o vernissage, coa sala ateigada de amigos, e tamén no patio. Non hai presentación, o viño flúe, e as conversas tamén, dun a outro, dúas fontes. En ámbolos espazos mencionados os artistas expresan o seu proxecto 2.0, no que afinan o de 2012, peneirado e decantado, dende o seu laboratorio conxunto da amizade, malia os miles de quilómetros entre Ourense e Roma, onde viven. Eis o segredo, desde a escultura e fotografía, nunha obra un deles é voz e o outro eco, e noutra obra á viceversa, segundo o pide o ritmo dela. Xa sinalamos a conxunción desde as artes expresivas na exposición de fotoesculturas anterior. Nela, había dúas iconas especiais, unha instalación-alegoría, e unha escultura-soporte con metacrilato cúbico-lupa que amplía a imaxe fotográfica. Esta é o continuum en Allariz, con outra, agora recortada, por mor de acadar o equilibrio nas formas: cera e escumas da praia das Furnas de Ramón Sampedro, pois cada obra ten unha historia. No fondo patio, dominado cabe a casa por un magnolio e unha escultura arbórea de Xurxo Oro, desenrolan un sentir dende dúas instalacións-retablo potenciadas polas fiestras da vella casa, que semellan fornacinas, precedidas por unha fotoescultura de parede, metálica, con polícromos cristais dunha Praia de Laxe. Vai suspendida na parede sen encintar, na que xermolan coucelos e outra flora verde de estación, o que prolonga o efecto de trompe-l’oeil. Con elas se expresan, máis non parolan, senon que falan en harmonía co espazo.

Velaquí o verbo encantado, espazo, a palabra xerminal. Pois Nito e Santi domestican os límites e impoñen á mirada unha sinestesia que de espellismos reflexivos, miraxes. Nos seus límites -un rumor- os artistas delimitan formas: Nito debuxa volumes na foto ou a completa con liña e cor na do cartel da exposición. Noutras, a lámina metálica sobreposta define coa sombra as formas da luz. Con Chillida, pensa -mellor con Oteiza- que non hai límite no espazo como tampouco o hai no espíritu. A mirada de ámbolos dous converxe dun xeito singular nunha obra en papel dobrado en tres na que Nito escribe o título da mostra deixando unha fenda, liña/límite que amplifica Santi co pormenor dunha táboa no paseo de Corrubedo. O oficio plástico de Barreiros dende Inglaterra a París, Roma ou Madrid, ademáis do Centro Cultural ourensá, no que tamén estivo Contreras, con ‘a paisaxe en fragmentos’, e tamén en Madrid, Rietri ou Roma, escultor, artista gráfico e músico, en suma, un compositor experto de formas, para quen a ‘cultura è un cammino da percorrere’.

Te puede interesar