Opinión

De tertulia con Prego de Oliver e Casares

Oprimeiro libro de Rosalía foi editado en 1863 por un editor vigués. En 1967, o 10 de febreiro, saíu do prelo en Vigo ‘Vento ferido’, primeiro libro de Carlos Casares. O de Rosalía de Castro era ‘Cantares Gallegos’, aínda que o nome figuraba como Rosalía Castro de Murguía. Foi o 17 de maio daquel ano, como é coñecido, porque a Real Academia Galega escolleu esa data cen anos despois para conmemorar as Letras Galegas. O de Casares, é un libro auroral, como deixa ver a cumprida dedicatoria aos pais, aos seus irmáns Meches e Xavier, e aos amigos Paco e Sira. A obra foi prohibida pola denuncia dun militar, mais vendeuse ata esgotarse, e fíxose unha segunda edición clandestina. Levantada a prohibición, acadaría once co tempo: van cincuenta anos deste luminoso camiño.

Agora, no ano que andamos, dedicaráselle atención especial á súa vida e obra, co gallo da elección para a conmemoración anual das Letras Galegas. Así o seu paso entre nós, na cidade, e no tempo de infancia e xuventude no Seminario menor e Beiro, bocarribeira do Miño; e logo no Liceo, xa de maior, reunións, tertulias e dende 1990 os Encontros Literarios. Velaquí o xermolo do Roteiro, albiscado por Marcos Valcárcel fai dez anos, e realizado no mes de Nadal de 2007 con Xoán Fonseca, Bouzo e Fernando Román, ademais de Xavier Casares e a viúva do seu irmán, Cristina Berg, entre outros. Afonso Monxardín deulle outra volta ao plan en 2014 dende ‘Un país de palabras’, obra do escritor, ao que acompañamos con amigos, itinerario colgado na net por Wikiloc.com: este é o que se oficializou a pasada fin de semana en Ourense. En Xinzo de Limia, vila cerne da familia, Sabucedo, Lamas, Vigo, Nigrán/A Ramallosa..., vida que esmigallará Henrique Monteagudo na súa biografía, a presentar en poucas datas. Xosé Cid anda a elaborar un relevo para Ourense, e Manolo de Buciños, amigo do Carlos, fará un conxunto escultórico para a Ínsua dos Poetas de Tosar, na Esgueva de Madarnás/O Carballiño: unha coincidencia que Casares recoñecese que a panca cara a literatura foi o crego Agustín Madarnás, profesor seu no Seminario. Causalidades...

Noviño, gaña un premio de contos e coñece a Vicente Risco, co que se relacionará logo na cafetaría do hotel Parque. Arredor dil, e do xerente, o culto Gómez del Valle, están Prego de Oliver, Xocas, Faílde, Pepe Conde, Ferro, e os máis novos Tovar, Lezcano, e os ‘Artistiñas’ De Dios, Quesada, Acisclo, Baltar, Virxilio... Ourense era daquela a Atenas de Galicia. Alí Prego fixera o mural que ben de ser recuperado pola empresa Copasa. Casares, que era de escritores, xa en Vigo, acudía nos anos oitenta ao Monterrey de Baiona para achegarse á tertulia de verán de Torrente Ballester, na que tamén estaba Prego, co que afondou a relación. Froito delo foi a presentación dalgunha exposición, a biografía na Gran Enciclopedia Gallega, e o libro que se lle dedicou, presentado no Liceo de Ourense co propio Torrente e Basilio Losada. Nada que ver co Facebook.

Te puede interesar