Opinión

O son do piñeiro

E tivo que ser na miña provincia! O da multa, claro. ¡E miren que fago quilómetros entre Santiago, Vigo e Portugal!; pois non, tivo que ser nun deses días marabillosos de visita a Castro Caldelas, a onde fun exercer de pregoeiro da súa recuperada e estupenda Mostra do Viño da Ribeira Sacra Ourensá. E prométolles que ía con tempo, porque non me gustan as présas, e ademais facía o típico día fermoso de finais de agosto propio para gozar da paisaxe marabillosa do noso Ourense; pero claro, esa subidiña cara o Encoro de Cachamuiña chea de rotondas e límites de velocidade é a xusta para que os “amigos de verde” nos alegren o día retratándonos sen darnos tempo sequera a poñernos guapos. ¡E mira que mo lembrou Jorge!, o meu amigo valdeorrés que tamén optou por lucir tricornio na súa vida, advertíndome que fora amodiño, que estes coches de agora son moi complicados de reducir a 70; e miren se debe ser difícil que aos poucos días de contarlle que me chegara unha cartiña dos seus colegas da DGT con foto incorporada, confesoume que tamén el caera nas redes dos seus propios “pescadores”.

Hai anos, cando te paraban estes bos amigos da carretera aínda podías tratar de razoar un chisco, e mesmo chegar a convencelos de que fora un “descoido” sen maldade, pero agora, nestes tempos de máquinas sofisticadísimas, en menos que canta un galo xa está a túa “jeta” paseando polos despachos da central de datos de León, que ao parecer é onde ten centralizado a Garda Civil todo ese arsenal de multas que cada día lles envían desde os coches camuflados, e desde ese helicóptero do que non desconfiamos pensando que é unha urxencia do Sergas, e resultando ser un tal “Pegasus” que por poder ata che pode sacar unha radiografía da moa do xuizo.

Facendo caso a outro bó amigo ourensán do moi “Benemérito Corpo” retirei, en canto pasou a ser ilegal, o aparatiño que detectaba eses radares que de súpeto un descobre agochados baixo as pontes das autovías; non era que o precisase, non pensen mal, é que viña de agasallo co coche, pero o certo é que o boto de menos, porque se nestas carreteras preparadas para correr eu respecto normalmente a velocidade permitida, nas outras teño que ir sempre con pés de chumbo, porque hai tramos onde é case imposible cumprir co código, e mesmo hai limitacións ás que non lle viría nada mal darlle outra pensadiña, porque parecen ideadas únicamente para amolarnos ao ter que pasar por caixa.

E xa non lles digo nada se viaxan vostedes polo País “irmâo”, no que parece existir unha auténtica competición por ver que “autarca” coloca os semáforos máis absurdos, e onde a alguén se lle deu por pintar unha raia continua sen fin que te leva desde Valença do Minho ata Viana do Castelo á mesma velocidade que imos procesionando en Ourense detrás da Virxe de Fátima cada trece de maio. Ao final, claro, poste dos nervios e caes como un “pardillo”, xa que aproveitas a recta na que en condicións normais daría tempo para adiantar a media ducia de coches, atopándote, que casualidade, xusto na rotonda cuns tipos con gorra de prato, dispostos a que se che indixeste o bacallao ou o frango á grella. E nesto da autoridade, créanme, sigo preferindo atoparme cos deste lado da raia.

Te puede interesar