Da malla ao pan: A Mezquita pon en valor o seu centeo, o máis antigo documentado na Península Ibérica
O Concello da Mezquita celebrou o sexto Tempo de Malla para reivindicar a tradición agrícola e presentar a fariña de centeo, subliñando as milenarias raíces arqueolóxicas do cultivo
A Aira do Verano acolleu este sábado unha xornada na que tradición, memoria e futuro se deron a man. “O tempo de malla” reuniu veciñanza, persoas voluntarias e visitantes arredor da recreación dun dos traballos agrícolas que durante séculos marcou o ritmo da vida rural: a malla do cereal.
A celebración comezou ás catro da tarde coa recreación do proceso tradicional de separación do gran e da palla tras a colleita. Unha tarefa que, máis alá da súa dimensión agrícola, era un momento de encontro e de colaboración entre familias e veciñanza. Na malla compartíanse esforzos, coñecementos e historias; era traballo, pero tamén comunidade.
A actividade permitiu recuperar esa memoria colectiva e achegar ás novas xeracións unha maneira de entender a terra baseada no coidado, no traballo compartido e no respecto polos ciclos naturais. A música tradicional de Acordeireta acompañou a tarde e contribuíu a crear un ambiente festivo, que rematou cuns pinchos para as persoas voluntarias e participantes.
Mais “O tempo de malla” foi tamén unha celebración do centeo e da singularidade histórica da Mezquita. Durante a xornada mostrouse a fariña de centea propia, elaborada a partir dun cereal sementado, traballado e segado no propio municipio. Un produto local que leva detrás o esforzo de recuperar os cultivos, os saberes e as elaboracións tradicionais, e que gaña unha dimensión especial á luz dos últimos achados arqueolóxicos realizados no concello.
As mostras arqueobotánicas recollidas por A Citania Arqueoloxía no xacemento do Castelo Pequeno de Santigoso presentan a maior concentración de evidencias de centeo recuperada ata o momento na Península Ibérica. Xunto co xacemento portugués de Castroeiro, constitúen as referencias máis antigas coñecidas deste cereal no territorio peninsular.
Hai máis dun lustro, o Concello da Mezquita puxo en marcha un proxecto para poñer en valor a elaboración dun pan local a base de centeo. A investigación arqueolóxica ofrece agora unha base histórica excepcional para esa iniciativa: o centeo deixa de ser unicamente un produto do presente para converterse tamén nunha ligazón cunha historia agrícola milenaria.
A fariña mostrada durante “O tempo de malla” representa esa unión entre pasado e presente. É unha fariña producida na Mezquita, pero tamén un símbolo dun territorio que atesoura as evidencias máis antigas coñecidas de centeo na Península Ibérica. Un fito histórico que reforza a identidade da localidade e que converte o seu patrimonio agrícola, cultural e arqueolóxico nun valor de futuro.
O alcalde da Mezquita, Rafael Pérez, puxo en valor a consolidación desta iniciativa, que chegou este ano á súa sexta edición. “É unha cita xa asentada no municipio e seguiremos traballando para innovar e fomentar a participación en cada edición”, afirmou.
O rexedor destacou tamén a presentación da fariña de centea como unha das principais novidades deste ano e avanzou que estará á venda proximamente. “Xa hai persoas relevantes do ámbito gastronómico interesadas neste produto, e estamos a piques de comercializalo. Para o próximo ano xa estamos traballando en novas propostas”, sinalou.
Pérez subliñou a importancia de manter no tempo a tradición da malla, entendida como festa e como recuperación dun traballo ligado á historia do municipio. “Queremos darlle sentido a través dun proxecto sostible arredor da fariña e do centeo, especialmente tendo en conta que na Mezquita se localizaron as evidencias máis antigas deste cereal na Península Ibérica. É un dato moi relevante e unha oportunidade para poñer en valor o noso territorio”, concluíu.
Centro de interpretación
Durante a xornada tamén se levou a cabo a inauguración do Centro de Interpretación da Historia e Cultura da Mezquita, no Edificio Multiusos. O novo espazo nace coa vontade de conservar, divulgar e compartir a memoria do municipio. A presentación completouse coa proxección dun vídeo sobre o centeo, no que participaron veciños e veciñas das distintas parroquias.
“O tempo de malla” deixou así unha tarde de celebración, orgullo e pertenza. Unha cita para lembrar que detrás de cada gran hai unha historia de traballo, de territorio e de persoas. E que, na Mezquita, esa historia ten raíces especialmente fondas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
UNA VIDA DE COLECCIÓN (XLVII)
Galería | El hombre que salvó una colección de fotos de guerra
Victoria Lafora
Cincuenta días después
Plácido Blanco Bembibre
HISTORIAS INCREÍBLES
PISA, anatomía de un informe
Xavier Castro
A MESA Y MANTELES
El vino que Cunqueiro bebía en las posadas de Francia