Carrera San Martiño
Buscador de tiempos

Un mural homenaxea ao centeo en A Mezquita

DIFUNDIR O PATRIMONIO

A Mezquita incorpora a arte a través dun mural como ferramenta para difundir o patrimonio. A iniciativa enmárcase no obxectivo de situar o centeo como unha das grandes singularidades do municipio.

A artista N. Aragundi durante a elaboración do mural no edificio multiusos da Mezquita.
A artista N. Aragundi durante a elaboración do mural no edificio multiusos da Mezquita. | C. C.

Falar do centeo da Mezquita é falar de territorio, de memoria e dunha forma de entender a vida que afunde as súas raíces na historia. Con este propósito, o edificio multiusos do municipio contará cun novo mural realizado pola artista N. Aragundi, unha intervención artística que busca reivindicar a importancia deste cultivo tradicional como parte da identidade e do patrimonio local.

A intervención de Aragundi incorpora así a arte como ferramenta para preservar e difundir este patrimonio, achegándoo tamén ás novas xeracións e facendo que forme parte dos espazos de encontro e convivencia da veciñanza. O mural convértese nunha homenaxe ao traballo das persoas que cultivaron estas terras ao longo dos séculos e aos coñecementos tradicionais que contribuíron a configurar a identidade do municipio.

Esta iniciativa enmárcase no obxectivo de reivindicar o centeo como unha das grandes singularidades da Mezquita, reforzando o vínculo entre cultura, territorio e tradición. Unha maneira de lembrar que o patrimonio non só se conserva, senón que tamén se transmite, se comparte e se mantén vivo a través de novas expresións artísticas.

O mural está a ter unha gran acollida por parte da veciñanza, que ve nesta intervención artística unha oportunidade para recoñecer e reivindicar unha das tradicións máis representativas do municipio. A boa resposta da cidadanía reforza o valor deste tipo de propostas, que contribúen a manter viva a memoria colectiva.

Ademais, esta obra contribuirá a converter o edificio multiusos -onde se atopa agora un novo museo, adicado en parte a este cereal- nun espazo de referencia para a difusión das tradicións.

Contenido patrocinado

stats