Xinzo de Limia acolleu a máis de mil persoas na manifestación feita pola Plataforma Loita Pediátrica na Limia

A mobilización da Plataforma Loita Pediátrica na Limia resultou un éxito e as mensaxes de apoio recollidas nas redes sociais da plataforma comprobáronse esta mañá

As rúas de Xinzo de Limia acolleron onte a máis de mil persoas como participantes na manifestación convocada pola Plataforma Loita Pediátrica na Limia para esixir melloras neste servizo. Segundo os organizadores a mobilización respondeu ás expectativas da convocatoria. A marcha comezou ás 12,00 do mediodía dende o Centro de Saúde de Xinzo, rematando na Praza Maior coa lectura dun comunicado.

Os cidadáns foron os protagonistas pero aproveitaron a circunstancia os representantes políticos do BNG e do PSOE para sumarse á manifestaicón. Entre a sociedade civil participante, persoas como Lois James, un rapaz inglés que leva un tempo vivindo na Limia e está esperando a ter un fillo: “Queremos un servizo de calidade para os nenos e nenas da comarca da Limia”, dixo. Pola súa banda, Paula Rodríguez, representante da plataforma convocante, manifestou que “cando isto comezou faltaba unha praza de pediatría por cubrir, e agora faltan as dúas”.

Manuel Pozo, portavoz da plataforma, declarou que “non poden pornos unha reunión en Compostela ás 12,00 horas da mañá un día laborable”, facendo alusión a reunión que se vai celebrar o próximo día 9 de xaneiro en Santiago co conselleiro de Sanidade para abordar esta cuestión.

Pola parte da representación política, José Ramón Gómez Besteiro, candidato socialista á presidencia da Xunta nas eleccións do 18 de febrero, esixiu ao goberno galego que reforce os servizos de pediatría deficitarios en Galicia, con preto do 20 por cento das prazas sen cubrir nos concellos galegos, segundo as súas estimacións.

Besteiro apuntou á “falla de vontade política” do goberno galego para resolver a carencia de servizos de pediatría en 192 concellos de Galicia, así como do deterioro do servizo na Atención Primaria polos recortes aplicados á sanidade pública nos últimos 14 anos”. 

Dende o Partido Socialista explican que esta situación repítese nos centros de saúde do interior de Galicia, como é o caso do Carballiño, tamén en Ourense. 

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Noa Presas, quixo felicitar a comarca da Limia por esta mobilización e que “os pais e nais de Xinzo que non se conforman e que están reclamando algo fundamental, coas dúas prazas de peditaría garantidas”.  A deputada do BNG quixo recalcar que “isto non pasa dun día para outro e os que gobernan non están a por solucións, o BNG comprométese a usar o 25% do orzamento da Xunta en materia de sanidade se gañamos as seguintes eleccións”. 

O representante do BNG de Xinzo de Limia, Camilo Vila, declarou que “esta éxitosa manifestación indica o ataque estamos recibindo o medio rural, non se pode valorar como unha festa”. Vila destaca o orgullo “absoluto da plataforma como das familias todas que están arredor e dos comercios que pecharon para asistir aquí”.

Te puede interesar