María Isabel Blanco Pumar: "Cada vez temos máis diversidade entre o alumnado de Maceda"
María Isabel Blanco é a directora do CEIP Plurilingüe de Maceda
Logo da aprobación, por parte do Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE), do proxecto “Expandiendo nuestros horizontes para atender a la diversidad” do CEIP de Maceda, cinco mestres do centro -entre os que se atopa a directora dende hai dous anos, María Isabel Blanco- participarán en proxectos de movilidade internacional por medio do programa “Erasmus+”. O obxectivo será, despois de estancias de observación en países como Dinamarca, Suecia ou Finlandia, promover a actualización didáctica do profesorado dun centro que cada vez é máis diverso e no que estuda alumnado procedente de Ucrania, Venezuela ou Marrocos. Nun segundo programa tamén se buscará a movilidade do alumnado cara outros centros. Este centro tamén se seleccionou para participar no proxecto “Observa-acción”.
No CEIP de Maceda hai 172 alumnos, ¿é un número que se mantén no tempo?
Estamos mantendo a matrícula con respecto a outros centros dos arredores e, incluso, da capital. Estamos contentos por iso, aínda que si que é certo que nos últimos anos detectamos moito movemento tanto de traslados a outros centros, como dende outros colexios a este.
A que pode ser debido?
Ás veces trátase de traslado de domicilio, outras, situacións persoais como separacións. Tamén hai familias que veñen de cidades ou doutras comunidades autónomas buscando comezar unha vida no rural. Nos últimos anos hai máis movemento de alumnado.
Cal é a situación concreta do CEIP de Maceda?
No noso caso temos bastante alumnado de procedencia estranxeira. É certo que algúns deles xa naceron en España, pero as súas familias proceden doutros países. Esto repercute, ás veces, nas necesidades do alumnado. Por exemplo, o galego non é prioritario no seu contexto familiar e isto repercute nos resultados, polo que é algo a ter en conta. Hai alumnado de Ucrania, de Colombia, de Venezuela, de China, de Rumanía ou Marrocos. Tendo en conta a procedencia das familias, de todo o alumnado igual representan o 10 ou 11 por cento.
Por que se explica esta variedade?
Moitas veces trátase dun tema laboral. Hai xente que se está movendo doutros países a esta comarca por traballo.
Por que é importante que haxa unha actualización didáctica entre o profesorado?
Pois, precisamente, porque cada vez hai máis diversidade entre o alumnado. Para poder dar resposta a esta situación é necesario coñecer novos enfoques e métodos. Cambiando a metodoloxía moitas veces é un xeito de motivar aos estudantes.
Logo destas observacións, como se poden implementar cambios no programa educativo?
Cada centro ten o seu proxecto educativo onde se establecen as liñas de traballo. Veremos que prácticas se poden implementar no noso colexio polo feito de que sexan útiles para o contexto que temos. Faremos unha reflexión dos sistemas educativos e sobre que cousas nós podemos cambiar para mellorar.
Que credes que podedes aportar vós nos centros de destino?
Temos un clube de ciencias, traballamos a robótica, e tamén para que o alumnado aprenda pensamento computacional.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último