La Región

Paula Godinho, xuíza honoraria do Couto Mixto

Prezada Paula:
Paula Godinho, xuíza honoraria do Couto Mixto
Na mañá do vindeiro día 9 de xullo volverás pisar terras raianas, as singulares terras do Couto Mixto, estas que acugulan tanto pouso histórico, e as outras das que ti tes ben coñecemento pola túa preocupación en debullar e difundir os seus aspectos históricos e antropolóxicos desde o Penedo dos Tres Reinos, fito divisorio dos antigos renios de Galicia, Castela e Portugal, ata o mar da Guarda onde a liña de fronteira se confunde nas augas atlánticas vixiada desde o alto polo maxestoso Tegra.

Na data sinalada, vaise celebrar o acto solemne na igrexa parroquial de Santiago dos Mixtos do teu nomeamento como Xuíza honoraria do Couto Mixto, en sobranceiro espacio, ao carón da arca das tres chaves, estarás abeirada por dous persoeiros importantes da cultura galega, Antonio Rodríguez Colmenero, arqueólogo e profesor da Universidade de Santiago, a quen, con este investimento, se lle recoñece o seu labor plasmado en innumerables estudios sobre o patrimonio arqueolóxico fronteirizo, e Xosé Badás, entusiasta director da senlleira revista 'Lethes (Cadernos de Cultura Popular da Limia)'. Mestura galaico-portuguesa, con tan destacadas persoas a homenaxear, a raia une culturas, xentes, tradicións, historia... non xebra os latentes sentimentos e a relación mantida por ambas comunidades desde tempos recuados.

Neste día pisas corazón de terra raiana, aquí, onde Tourem (Turei) entra na Galicia como unha illa bicando o pequeno mar do encoro do Salas, vixiado nas alturas polos restos da Torre e do Castelo da Piconha, e na Veiga polas mansas augas do río Salas que serpean por esta chaira na que a lenda relembra unha anterga batalla contra os mouros, nunha victoria con papel destacado do apóstolo Santiago, é a batalla desenvolvida en Campo Raso ou de Ourique, unha chaira aluvial con perceptibles restos de minerío, véxase a relación desta coa tamén lenda da batalla dos Campos de Ourique, que algúns dan probable localizala no Baixo Alentejo, sur de Portugal, vencellada ao nacemento da nación portuguesa, aquela onde o rei Afonso Henríquez (1139) comandando tropas cristiás venceu a un exército musulmán no día de Santiago.

Parabéns Paula, e benvida ao xa numeroso grupo de persoas distinguidas con este importante recoñecemento de Xuíza honoraria do Couto Mixto.