Simone Saibene, valedor do cine galego

Difunde con éxito o traballo do audiovisual galego dende unha televisión local como Telemiño e ao tempo desenvolve a súa propia carreira cinematográfica

Presenta e dirixe Cinephilia, un magazine dedicado ao cine e o mundo do audiovisual galego e que tras 182 semanas ininterrompidas na programación de Telemiño, ven de conseguir o premio Mestre Mateo ao mellor programa, segundo que recibe dos premios da Academia Galega do Audiovisual, ao que hai que sumar outros como o da CREA á mellor realización na categoría de TV en novembro de 2022. Escritor, músico, guionista, comunicador, pero sobre todo, produtor e director de cine, Simone Saibene (Cirimido, provincia de Como, Italia 1977) trocou a súa vida na fermosa rexión italiana da Lombardía, a cabalo entre Como e Milán por Ourense, tras un namoramento desta terra na súa primeira viaxe a Galicia. Afincouse na cidade das Burgas hai trece anos e fundou Noveolas Producciones dende a que iniciou a súa carreira como director e produtor de cine galego. 

Cando deches os teus primeiros pasos neste mundo do cine?

Con once anos. Cando fas a confirmación, normalmente regálanche unha bicicleta. Eu pedín ós meus pais unha cámara de mini VHS e con esa cámara comecei a gravar cousas. É máis, tiña montado un estudio de televisión en casa, acondicionando o dormitorio e me gravaba a min mesmo facendo programas. Chamáballe Tele Simone. Facía os programas, montaba e as veces, cando necesitaba recursos gravaba directamente da televisión. As veces viñan os amigos e facíamos programas cómicos, de actualidade, de música... era diversión. Así comecei. Logo empezamos a facer películas de terror, parodias de películas de éxito. Xa máis adiante, de adolescente fixen teatro catro anos e comecei tamén coa música. Tocaba a guitarra, tiña un grupo musical e todas esas paixóns ao final conflúen no cine. Porque malia que o cine é unha arte independente por se mesma, contén outras artes. Gustábame escribir tamén... todo se xuntaba.

Esa vocación tan precoz, materialízase cando vas a universidade?

Certo. Estudiei Comunicación na Universidade de Milán, xusto o ano que comezaba a impartirse esa carreira alí. Porque para estudar cine tería que ir a Bolonia, na universidade que daquela estaba de reitor Umberto Eco, ou a Roma ao Centro Experimental de Cinematografía. O primeiro era máis teórico e o centro experimental  era máis técnico. Pero o acceso era moi difícil porque non había case prazas e ademais os meus pais non podían pagarme unha carreira fóra de casa. Así que fixen Comunicación en Milán, que estaba a 50 quilómetros de casa e eu ía e volvía no día, levantándome moi cedo para coller o tren e ir a clase.

Durante a carreira foi cando empezaches a escribir?

Durante a carreira fixen moitas cousas. Empecei a escribir uns meses antes, cando traballaba nunha librería de vello en Como a media xornada e o resto do día escribía. Gañei algúns premios literarios e seguín traballando o que me axudaba a ter unha vida máis independente. Traballei de todo, especialmente durante os veráns. De camioneiro, pintaba casas, traballaba con obreiros…, e cos cartos que gañaba podía dedicalos a facer máis viaxes, documentarme, e cando chegou o cine dixital merqueime unha cámara mini dv e un trípode e un ordenador que daquela era o máis potente que había, ¡oitenta xigas!, para facer a montaxe.

E rodaches o teu primeiro traballo con ese novo equipo?

Así foi. Un documental sobre un amigo da infancia que era contrabaixista e estaba preparando un concurso para entrar na orquestra da Scala de Milán. Documentei todo o proceso de como estudaba en casa, no pobo para prepara ese concurso.

Gañou o concurso?

Quedou terceiro. Non pudo tocar na Scala de Milán. Pero agora é primeiro contrabaixista na Orquestra da Rai, a orquestra nacional italiana. Sería interesante volver agora e gravalo.

Galiza está presente en moitos dos teus traballos mesmo na época de estudante universitario e na túa tese de licenciatura como chegou a ti esa paixón por Galiza?

Foi antes de comezar os estudos universitarios. Eu acabara o servicio civil que fixen en vez de facer o servicio militar. Un día chamoume un curmán e díxome que tiña contratada e pagada unha viaxe a Galicia e Portugal pero ao final non podía ir e o ía perder. “Ti es a única persona que coñezo que non está facendo nada e se queres regálocho”. E así foi. Chamoume unha tarde e tiña que facer as maletas e saír as seis e media da mañá seguinte. Eu díxenlle que si e así foi a primeira vez que visitei Galicia. Cheguei a Santiago e aí namoreime de todo. Foi como unha revelación. Volvín varias veces, empecei a investigar, a ver que había literatura en galego, xornais en galego pero non sabía nada do cine galego ate que cheguei ó CGAI e souben dos directores dos anos setenta, Chano Piñeiro, Eloi Lozano, das xornadas de cine de O Carballiño, das de Ourense das que agora se están a celebrar os cincuenta anos e empecei a traballar na miña tese. Tempo despois “Mar adentro” gañou o Festival de Venecia e o meu profesor era vicedirector dunha revista de cine e pediume que escribira sobre esa película pero dende a perspectiva dun galego, publicaron o artigo e contratáronme na revista e pasei dous anos viaxando polos festivais de cine.

A túa chegada a Galicia apenas había cine autóctono. Que pasou que agora ten tanta forza?

Cando ía facer a tese sobre o cine galego en Italia preguntábanme, “onde está o cine galego”. É certo que había pouco o nada, pero eu vía moitísimo potencial, non tiña dúbida sobre iso. Sabía que aquí ía a suceder algo importante porque o talento que había era innegable. Non había os medios e había pouca experiencia, é certo. Pero que ía chegar ao que temos agora eu o tiña claro dende o principio. Hoxe están presentes todos os xéneros. Ficción, documentais, series de ficción, web series, animación. Somos unha potencia en cine de animación, con Alberto Vázquez e David Fidalgo, por citar dous. É impresionante.

Escribes, produces, dirixes... E tamén distribúes?

Estou en todas as fases do proceso da película, por iso tardo catro anos de media en poñer en marcha un novo proxecto. Cada vez estou máis convencido do importante que é facer as cousas cun equipo pequeno pero moi entregado. Eu gravo sempre cos mesmos.

Que proxecto tes agora entre mans?

Estamos na fase de preprodución dun documental sobre Ernesto Romero do Novocine de Leiro. Moi contento porque me fascina o feito de dar voz a esas persoas resistentes como el que ten un cine que resiste no rural. É unha especie de Fitzcarraldo porque ten un museo na súa casa chea de gramófonos. Este ano cumpre 40 anos o seu cine e queremos facer del un retrato digno.

Te puede interesar