Álvaro Rúa: "Verín non ten centros educativos de música tradicional e popular"

ENTREVISTA

O verinés Álvaro Rúa acadou un Récord Guinness á nota máis alta coa gaita

2023081517443262928
2023081517443262928

Álvaro Rúa (Verín, 1991) acadou este mes un novo Récord Guinness Mundial coa nota máis longa tocada cun instrumento de vento: coa gaita, a que este profesional da música quere poñer en valor e dala a coñecer por todo o mundo.

Que se sente o acadar un Récord Guinness?

A verdade é un orgullo e unha satisfacción pero non a nivel persoal, que tamén, senón colectivo. En primeiro lugar por poder facelo coa gaita, o instrumento máis representativo da nosa terra e que levo tocando dende que era ben pequeno e rodeado da xente da Banda de Gaitas Nova Era, que sempre digo que é a miña segunda familia, e por outra banda porque este logro é de todos e todas, dos que amamos a gaita e a música tradicional.

Como logrou acadar os 13’ e 26,95’’?

Houbo adestramento para o que foi o propio intento, pero tamén unha gran preparación de tódolos requisitos que piden dende Guinness. Realmente o propio feito de bater o récord foi tolerable pola característica da gaita de poder manter o son de xeito continuo, aínda que no último tramo xa se me comezaban a durmir os dedos por levar tanto tempo coa mesma nota e mantendo a presión. Pero a parte organizativa foi tamén laboriosa. Tivemos que contar con distintos especialistas que puideran ser testemuñas deste intento e enviar as evidencias do mesmo á xente de Guinness.

O anterior récord estaba en 1’23,04’’ dun músico da India.

Si, precisamente por iso quero destacar que este récord é da gaita, non meu. O instrumento foi neste caso o que marcou a diferenza e permitiu a consecución co mesmo. Este sempre foi o principal obxectivo deste intento, poñer en valor o noso instrumento e unha das súas características máis singulares, a de poder manter o son de xeito continuo durante un gran período de tempo. O músico da India que acadou anteriormente este récord fíxoo soprando a pulmón, algo que que a pesar de ser un tempo inferior ten tanto mérito ou máis.

Por que escolleu a gaita?

Por esa habilidade que comentamos. Ao dispor dun fol onde almacenar o aire facilita a consecución do récord, e aproveitamos esta situación para levalo a cabo coa gaita e así poñela na palestra. Non só na nosa terra, senón que esperamos que así sexa máis coñecida a nivel internacional. Por e para a gaita.

Por que incluíron isto nas Xornadas de Música Tradicional?

Pensamos que unha iniciativa como este lle daría máis visibilidade a estas xornadas, nas que tamén houbo outro tipo de actividades para tódolos públicos, dende obradoiros e xogos coa cativada da Ludoteca, visitas aos centros de maiores da contorna, cantos de taberna, concertos…

Hai risco de que se perdan as nosas tradicións e cultura?

Non diría que hai risco de que se perdan, porque as tradicións, así como a cultura e os trazos distintivos que nos definen como pobo evolucionan co paso do tempo e son un reflexo da sociedade do momento, por iso o patrimonio inmaterial que nos define na actualidade non pode ser o mesmo que era hai un século. O que si hai é un serio risco de que as novas xeracións non coñezan os costumes dos nosos antepasados se non se lles achegan, e neste caso este labor debe levarse a cabo en centros educativos de música tradicional e popular, algo do que a nosa vila, a diferencia do resto da provincia, carece.

Algún novo logro para Verín?

O maior logro que se podería levar a cabo en Verín sería que a gaita ocupe o lugar que merece xunto co resto de instrumentos, para que así as novas xeracións poidan estudar o noso instrumento na casa, a diferenza de xente coma min que tiven que ir fóra para poder formarnos neste campo.

Contenido patrocinado

stats