Diarios do pasado

Cantos anos ten Ourense?

photo_camera Restos de edificacións romanas nas Burgas.

As cidades, como a xente, teñen unha idade. Mais, a diferencia das persoas, non sempre podemos saber o momento exacto no que naceron. Ás veces porque os arqueólogos e historiadores non temos investigado dabondo. Outras, porque non naceron dun acto fundacional celebrado nunha data concreta, se non que chegaron a selo cun proceso de expansión dende un pequeno núcleo nativo.

Seguramente terán escoitado falar de cidades bimilenarias, porque ben cerca existen algunhas. Sen ir máis lonxe, Lugo (Lucus Augusti) en Galicia, Astorga (Asturica Augusta) en Castilla-León, e Braga (Bracara Augusta), nas terras veciñas do norte de Portugal. É o selecto clube das que formaron parte da vella Gallaecia da época romana e que superan os dous mil anos de antigüidade. Foron fundadas baixo mandato do emperador romano Augusto, unha vez que rematou a conquista de Hispania como vencedor das Guerras Cántabras. Iso acontecía poucos anos antes do nacemento de Cristo.

A cidade de Ourense non é tan antiga. Pero polo que coñecemos, estaría a menos dun século para alcanzar os dous milenios de existencia. Polos estudos arqueolóxicos que se realizaron ata o momento, deducimos que eclosionou na segunda metade do século I d. de C., seguramente baixo dominio e impulso do emperadores da dinastía Flavia, Vespasiano Tito e Domiciano, que gobernaron o imperio entre os anos 69 e 96 d. de C.

A inmensa maioría dos datos para chegar a esta conclusión proceden da arqueoloxía, esa ciencia histórica que estuda o pasado a través dos vestixios materiais. Sempre estamos a expensas de novos descubrimentos que permitan precisar, con maior acerto, conclusións como as que lles acabo de expoñer sobre as orixes da nosa cidade. Afortunadamente a validez e grandeza do coñecemento científico susténtase precisamente na capacidade de revisarse continuamente, de perfeccionarse por medio de investigacións rigorosas e metodoloxicamente contrastadas. Precisamente iso a diferencia dos dogmas inamovibles e dos relatos literarios fantásticos. Hai anos escoitabamos aos médicos dicir que o aceite de oliva, como o peixe azul, non estaba indicado para unha boa saúde coronaria. Nós mesmos vivímolo na casa despois dun grave infarto do meu pai. Hoxe, pola contra, tales alimentos acompañan ás dietas saudables despois de novos estudios médicos.

Así, ata non hai moito tempo, sabiamos que Ourense remontábase á época romana, pero sen que puideramos establecer unha data concreta para o seu nacemento. Tamén se pensaba que o seu único lugar matriz eran As Burgas. Na actualidade, despois das escavacións arqueolóxicas efectuadas en lugares tan importantes como este, As Burgas, xunto coas do Museo Arqueolóxico, da praza da Madalena, nos patios dos centros educativos co “Colegio San José” e do IES Otero Pedrayo (O Pompeo) e noutros lugares da cidade histórica, as cousas mudaron. Tan antigos como nas Burgas son os vestixios que apareceron no Museo Arqueolóxico e na Madalena; ou no Pompeo e no xardín do Posío. Ofreceron restos de edificacións datados dende a segunda metade do s. I d. de C. A localización extrema deses lugares no núcleo histórico tamén indica que a cidade romana podería ser máis grande que un pequeno casarío ao redor das célebres fontes termais, como antes se cría.

Todo pareceu iniciarse, dadas as investigacións actuais, cando aqueles emperadores flavios estaban a reorganizar a Gallaecia, favorecendo o nacemento da cidade de Ourense nas derradeiras décadas do s. I da nosa era. Hai xa case dous mil anos.

Te puede interesar