"O que máis me gusta do cine en galego é que exista, non ten sentido criticar"

Entrevista

Raúl Veiga presentou no OUFF a nova versión da súa primeira longametraxe, "A metade da vida", que en 1994 supuxo un fito ao ser a única película en galego de toda a década. Inspirada nun conto de Xosé Luís Méndez Ferrín, é a historia dun triángulo amoroso nunha cidade galega a finais dos oitenta.

Raúl Veiga, onte no Teatro Principal (JOSÉ PAZ).
Raúl Veiga, onte no Teatro Principal (JOSÉ PAZ).

Que ten esta versión diferente?

A narración é moito máis eficaz porque vas aprendendo cos anos, es máis cruel contigo mesmo.

As temáticas seguen sendo actuais, relacións humanas.

O filme é totalmente actual e hai un aspecto que é aínda máis actual que cando se fixo: é un grito para que acordemos e non renunciemos a que o galego teña plena vixencia social. Hoxe a situación do galego é máis complexa. O cinema galego fala pouco da lingua e é un elemento decisivo, é un instrumento de identidade.

Di que, polo menos, fará unha última película. Que guions ten sen saír adiante?

Proxectos non realizados houbo varios. "Pacto de cabaleiros" foi un dos guións que tentei sacar adiante, era unha comedia dramática de posibilidades comerciais. Eu son un "entertainment", o meu obxectivo é que cada filme que faga sexa unha experiencia grata para o espectador. Non concibo que poida entenderse a arte coma un sacrificio para o espectador, iso non me entra na cabeza.

O cine autoral ten ese prexuizo?

Si. Trátase, sobre todo, de non aborrecer o espectador. O que máis aprendín cos anos é a transparencia, a capacidade de comunicarme co público cada vez mellor. Agora voume pechar e escribir ese guión. A autoría é accesibilidade, somos comunicadores.

Que ten o cine que non teñan as outras artes para un creador?

O fascinante do cinema é a integración de múltiples linguaxes. Cando era novo non pensaba en que algún día podería realizar filmes. Pero non me vía na literatura facendo unha descrición. O meu é a través de imaxes. O esencial é cando o equipo traballa harmonicamente e a identidade individual se disolve.

É máis facil facer cine en galego hoxe?

Si, sen comparación. Agora un filme en versión orixinal galega é comerciable universalmente. Isto antes non se concibía. Antes era algo heroico.

E que opina dos novos proxectos que se fan en galego? Consume algún?

O que máis me gusta é que existan estes proxectos. Todos fomos novos. Non ten sentido poñerme a facer crítica destrutiva de quen está a comezar nisto. Non beneficia a ninguén, hai que ser crítico para axudar.

Contenido patrocinado

stats