Serafín Marqués, o bo amigo da Coral de Ruada
OBITUARIO
De volta duns días de viaxe, tópome coa triste nova do falecemento dun bo amigo da Coral de Ruada: Serafín Marqués Gil.
Digo bo amigo porque Serafín Marqués e De Ruada mantiveron unha intensa e frutífera relación durante moitos anos. Sendo deán da Catedral de Ourense, en 2006, acordou co daquela presidente da Coral Eladio Quevedo Almoina que De Ruada participase cos seus cantos en dúas das misas solemnes do calendario anual a celebrar na Catedral: o 11 de novembro, festividade do San Martiño, patrón de Ourense, e o 6 de xaneiro, festividade de Reis. Este acordo mantense na actualidade.
Por outra banda, como xa se comentou nestas mesmas páxinas hai uns días, Serafín Marqués foi novelista, autor teatral e un inspirado poeta que escribiu, entre outros moitos poemas, varios dedicados ao Nadal e á festividade de Reis. Algúns destes poemas foron musicados e forman parte do repertorio de Nadal e Reis da Coral de Ruada.
No concerto de Nadal de 2010, celebrado na Catedral de Ourense, a Coral estreou o vilancico “Nova luz”, do noso director Xoán Antón Vázquez Casas a partir dun poema de Serafín Marqués. Este mesmo tema repetiuse nos concertos de Nadal de 2011, 2012 e 2013. Nos concertos de Nadal e Reis dos anos seguintes De Ruada incorporou novos vilancicos creados a partir de poemas do mesmo autor; así, en 2015 ofreceuse “Duerme Niño de Belén”, con música de Xosé Ramón Estévez Gómez (excelente músico e compañeiro no Cabido da Catedral de Ourense) e nos anos 2016 e 2018 “Déixame o Neno, María”, tamén musicado por Xosé Ramón Estévez.
Entenderase, polo tanto, o gran pesar da familia ruadista por tan irreparable perda. Ben seguro que seguirá a escribir novas panxoliñas no Alén, na compaña dos seus amigos poetas e músicos da prolífica escola formada no seminario ourensán por Antonio Jaunsarás: Abelardo Santórum, Camilo Andrade, Raúl R. Pazo, Álvaro e Manuel de Dios, José María González…
Descanse en paz.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
DENUNCIAS DE LOS LECTORES
Cronista local | Las denuncias de los vecinos de Ourense hoy, miércoles, 28 de enero
SE DUPLICA EN ESPAÑA
Ourense esquiva, con cero casos, el repunte del sarampión
Lo último