Tribuna

Valdeorrismo galeguista

Mural coa imaxe de Florencio Delgado Gurriarán.
photo_camera Mural coa imaxe de Florencio Delgado Gurriarán.

En Valdeorras xermolou aló polos anos trinta do pasado século un galeguismo con acento propio

Adicar a Florencio Delgado Gurriarán o Día das Letras Galegas 2022 é un acto de xustiza. Neste caso de xustiza poética, poderíase dicir. Ó fin o movemento que dende Valdeorras promoveu durante anos a súa candidatura acada o seu obxectivo. Non foi sen tempo. Mais o esforzo pagou a pena, porque durante ese tempo a súa figura e a súa obra íase espallando dende o Córgomo, o seu berce, polo país e mesmo na diáspora, por el tan querida.

Precisamente por aspirar a ser cartaz dun Dezasete de Maio deixou de ser o descoñecido que era ata entón fóra dos estreitos ámbitos académicos e culturais. Gracias a ó labor divulgativo e sobre todo ao traballo do seu parente e biógrafo Gonzalo Gurriarán, Galicia enteira, e Galicia Infinda á que el cantou, sabe quen foi FDG, “poeta valdeorrés, republicano e galeguista”.

Ante todo, réndese homenaxe a un poeta. FDG cultivou a poesía animista, bucólica e dionisiaca. Moderna. Escribiu sobre aquelo que tiña máis preto, sobre as paisaxes, a fala, os costumes e as xentes da súa bisbarra, a súa matria, á que tan unido se sentiu sempre malia que so viviu nela catorce anos. Na súa curta obra, Valdeorras está sempre moi presente, aínda que os versos non falen dela directamente.

O estilo do poeta corgomés ten a orixinalidade de quen estrullaba as verbas como as uvas no lagar para sacarlle todo o zume. E o sabor e espírito do viño das bocarribeiras, ese que tan presente e gorentoso está en “Bebedeira”. Da mestizaxe forzosa soubo tirar proveito para experimentar. Chamaba “crioulos” os poemas nos que mesturaba a variante valdeorresa do galego coa lingua indíxena de México e que son unha das súas orixinalidades máis chamativas, aínda hoxe.

Tamén era de xustiza recoñecer o labor dos exiliados galegos en México, moito menos coñecido que o da Arxentina, onde foron parar Castelao e outros destacados persoeiros do galeguismo. O exilio azteca tamén tivo un papel trascendental para a pervivencia da cultura e da identidade galega. FDG estivo en primeira liña nese traballo colectivo, que en boa parte quedou reflectido en revistas senlleiras, como “Vieiros”, unha publicación (de so catro números) emblemática pola calidade formal e de contidos. No cerne dese núcleo estaba o poeta valdeorrés, que fixo alí a súa segunda vida, enraizou e formou unha familia, mentras axudaba aos seus compatriotas a asentarse  nunha nova patria, sempre coa esperanza posta en retornar á Terra.     

FDG é tamén o emblema máis representativo da galeguidade valdeorresa de antes e despois da Guerra Civil. Porque en Valdeorras, terra fronteiriza con Castela, xermolou aló polos anos trinta do pasado século un galeguismo con acento propio, como a fala da comarca. Houbo activos grupos de militantes do Partido Galeguista en varios pobos e aldeas.

Un dos máis dinámicos era o de Córgomo-Portela, en Vilamartín, animado por aquel Florencio mozo, hiperactivo e idealista, comprometido tamén de cheo coa República e as arelas de cambio que encarnaba. Sen pretendelo, FDG sementou o “valdeorresismo”, unha forma particular de sentirse galego. Pagou o seu compromiso cívico, cultural e político daquel tempo co exilio. “Xoguei, perdín, calei e marchei”, así resumía esa parte da súa xeira vital. Salvou a vida pero foi unha vítima máis, como el dicía, dos que cren ter exceso de razón. 

Te puede interesar