Marimar Rodríguez, retornada de Bande: “As grandes cidades ofrecen moitas opcións, pero só se aproveitan cando tes visitas”

MARCHOU POR TRABALLO

María del Mar Rodríguez González (Bande, 1963) marchou por traballo a Madrid en 1990, onde botou 34 anos

Marimar Rodríguez, este xullo en Bande.
Marimar Rodríguez, este xullo en Bande. | C.L.M.

María del Mar “Marimar” Rodríguez González (Bande, 63 anos) realizou toda a súa carreira profesional en Madrid como funcionaria do Estado. Tras tres décadas na capital, o seu arraigo á terra segue intacto, un vínculo que comparte coa súa filla María.

Pregunta. Cando marchou de Bande?

Respuesta. Marchei en 1990, con 26 anos, tras aprobar unha oposición do Estado. Os inicios foron de moitísimo sacrificio porque alternaba os estudos na facultade co traballo, que moitas veces se estendía ata ben entrada a noite. Ademais, o vínculo coa miña terra era tan forte que, sendo solteira, cada quince días collía un autobús a medianoite en Madrid, chegaba de madrugada a Ourense para vir a Bande, e o domingo pola noite regresaba do mesmo xeito para ir directa á clase o luns sen apenas descansar. Foron anos moi intensos pero moi logrados.

P. Que lembranzas ten destas tres décadas que botou fóra?

R. Os recordos son moi positivos. Estiven 34 anos practicamente no mesmo destino, un Ministerio, o que me permitiu vivir dende dentro cambios históricos moi importantes. Sempre traballei en departamentos internos, sen estar de cara o público; o certo é que me costaría moito dicirlle que non á xente. Hai dous anos decidín solicitar a xubilación voluntaria por motivos familiares; tiven claro que o primeiro é sempre a familia e o benestar, antes que os cartos.

P. Malia pasar a maior parte da súa vida fóra, vese que nunca perdeu o contacto coa súa vila.

R. Eu nacín aquí e son unha persoa de raíces moi profundas; para min Bande é o meu lugar no mundo. Mentres vivían meus pais, as visitas eran constantes, como mínimo unha vez ao mes ou en datas sinaladas como Nadal e Semana Santa. Agora que estou xubilada pasamos moito máis tempo aquí no fogar familiar. De feito, estamos a valorar seriamente mercar unha casa na zona porque queremos ter o noso propio espazo.

P. Que lles ofrece Bande que non atopan nunha gran cidade?

R. A miña filla María naceu e criouse en Madrid, pero adora isto. Estes dous últimos anos fixo as súas prácticas formativas aquí e, se puidese, viría vivir mañá mesmo. A cidade ten moitas opcións, pero a rutina diaria consúmete e só as aproveitas cando veñen visitas. Bande ofrécenos tranquilidade, a calidade e proximidade da súa xente -onde todos se coñecen e se axudan se hai un problema-, un custo de vida moito máis asumible e, por suposto, o luxo dos produtos naturais e da horta. Aquí a calidade de vida é real.

Contenido patrocinado

stats