Antonio González Bernárdez: "Hai que axudar aos veciños a vivir mellor"
Antonio González Bernárdez é o párroco de Loureiro (O Irixo) e fundador da Cooperativa Santa Mariña de Loureiro.
O Instituto de Estudios Carballiñeses recoñeceu toda unha longa vida do párroco de Loureiro (O Irixo), Antonio González Bernárdez, dedicada aos demais, formando á xuventude, defendendo os dereitos dos veciños e dinamizando a economía local.
Como se sinte despois de recibir o primeiro Premio Loureiro do Orcellón?
Si foi o primeiro, porque o presidente do Instituto de Estudios Carballiñeses, Avelino Muleiro, quere seguir con futuras edicións. É unha persoa entregada, moi preparada, profesor de filosofía, unha persoa moi entregada a unha causa. Foi unha honra porque é unha demostración de afecto, de cariño, que sempre se recibe ben. Estiven rodeado de veciños, socios da cooperativa, amigos, moitos amigos do Carballiño e tamén da parroquia do Irixo.
Foron difíciles os primeiros anos como párroco de Loureiro?
Cheguei cando O Carballiño quería levarnos a auga porque lles parecía que aquí era mellor e tivemos que loitar. Era unha loita de intereses, non co pobo. Finalmente ganamos, porque todo houbera sido unha pobreza para esta parroquia. Non podemos xuzgar as cousas cos ollos de hoxe senón que hai que velas cos ollos de antes, xa que non son as mismas circunstancias, nin a situación é a misma, nin a forma de traballar.
Cambiou todo moito?
Se non salváramos a auga, o futuro da parroquia sería diferente porque todas as familias vivían da agricultura e da cooperativa. Sen auga sería imposible. Lembro que daquela salía un camión cada 15 días cargado de becerros para o matadoiro do Porriño.
Xa había explotacións gandeiras. Que lle motivou a montar a cooperativa de leite?
Hai que falar de Deus, eso é bo, pero tamén axudar á xente a vivir mellor e dinme conta que ademais do rendemento da carne, o leite tiña moitas posibilidades de futuro, e cambiamos as vacas de carne polas de leite. Foi o xerme da cooperativa. Anos despois, o leite xa non era tan rendible e houbo que evolucionar e facer outros produtos como queixo, iogour, kéfir e requesón. Cando algo funciona non se lle pode atribuír a unha soa persoa, sempre hai un grupo ao redor, ou para apoiar ou para animar ou para solidarizarse. Sempre hai algo, e sen ese algo non se pode construír.
O proxecto da cooperativa valeu tamén para unir aos veciños da parroquia?
Si, foi unha época moi boa porque acababamos de ter o conflicto co Carballiño e foi un logro de todos.
A cooperativa segue funcionando desde que se puxo en marcha no 1968, pero agora non hai vacas para producir leite. É un problema?
É unha pena porque estamos comprando fóra e o ideal sería ter unha vaquería propia. De feito, intentámolo pero non había xente e só participou un irmán de dous socios. Foi nos anos 1971-1972, en que chegamos a ter máis de 90 vacas. Os veciños non apoiaron este proxecto e hoxe a explotación máis grande é de catro vacas. A parroquia acompañaba ao cura, senón non chegaríamos onde chegamos, pero o que pasou é que o Ministerio de Agricultura estaba disposto a financiar un proxecto global, cunha explotación conxunta de toda a parroquia e a xente prefería empezar por exemplo nunha leira e ver se saía ben. Pero as autoridades dixeron: todo ou nada, e non foi adiante. Era un proxecto pioneiro daquela, no 71, pero ao final só montamos a explotación un pequeno grupo.
Pensa que o novo xerente da cooperativa, Marcos Otero, o pode conseguir?
Eu penso que é capaz. Poñer a producir as fincas co gando, porque hoxe está todo abandonado. Se quere a xente, sería o ideal conseguir esa explotación común que daquela non foi adiante porque a xente tiña medo, aínda que agora hai poucos veciños. A cooperativa xerou benestar, fixo posible que os fillos estudaran e eso tamén redundou no abandono do campo, teñen outra forma de vida. E non se trata de que deixen a súa vida pero tamén atendendo a todo, sin desengancharse do campo. Non se pode permitir que fracase a entrega dese espíritu de servicio. Hai que seguir axudando, sen abandonar a súa forma de vida.
Ten que recoñecer que nunca foi un cura como os outros. Certo?
O que fixeron os curas polos pobos non hai forma de pagalo, foi unha entrega total ás parroquias. Todo o que se fixo, camiños, traídas, débeselle ós curas. Non se agradece o suficiente a entrega dos curas.
Todo está recollido no seu libro “Lembranzas”?
É unha recopilación da vida, por eso se titula “Lembranzas”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
COLOR DEL AÑO
Cloud Dancer: minimalismo, calma y moda en un solo color
Los ingenieros agrícolas de Ourense renuevan su cúpula
Pepe Paz, presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas: “Temos que facer un novo rural con mais industrias agroalimentarias”
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
As esperas teñen idade?